Juan Viaño Rey

Vicente Prego
José Manuel García Iglesias

Juan Viaño, nacido en San Verísimo de Sergude (Boqueixón, A Coruña) en 1955, foi reitor entre os anos 2014 e 2018. É o pintor Vicente Prego (A Coruña, 1957) quen constrúe este retrato partindo da conxunción de dous espazos: un, interior, e outro, exterior. En primeiro lugar, o retratado preséntase nunha estancia; móstrase de pé, co traxe académico de gala. Terma nas súas mans dun libro: as actas do XXV International Congress of Mathematicians (ICM). No andel que pode verse ao carón, hai, ademais de libros, tres obxectos alusivos, tamén, á ciencia matemática: unha buguina mariña, directamente conectada coa espiral e a sucesión de Fibonacci que, á súa vez, teñen unha íntima relación co número de ouro e a proporción áurea ou proporción divina que define o compás áureo. Ábrese o espazo, cara a outro, exterior, mediante unha xanela pola que se pode ver o Pico Sacro, tal como se contempla desde ese Sergude natal, tan sentido, e tan vivido, polo reitor Viaño.

Juan Viaño é catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela desde 1988. Dirixiu o Departamento de Matemática Aplicada (1986-1992) e o Instituto de Matemáticas (2000-2001). Foi decano da Facultade de Matemáticas (2001-2009) e vicerreitor de Profesorado e Organización académica (2009-2010). É especialista en análise numérica e na modelización matemática e simulación numérica en mecánica de sólidos. Foi copromotor do consorcio das tres universidades galegas do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e está incluído na selección de matemáticos ArbolMat da Real Sociedade Matemática Española.

Coordina o proxecto Estalmat-Galicia, cuxo obxectivo é promover o talento matemático de vinte e cinco estudantes, cada ano, con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos, incidindo positivamente, desde hai varios anos, no número de matriculados e no prestixio da Facultade de Matemáticas da USC.

Vicente Prego, nesta obra, é totalmente consecuente co seu modo de entender a actividade artística. A el interésalle o paso do tempo como liña argumental, reivindicando o pasado e atento aos valores simbólicos. Móvese, por outra banda, no territorio da fantasía, algo que non é alleo a esta pintura; tamén se preocupa por falar dos homes desde retrincos da súa cultura, tal como se testemuña, tamén, neste caso… Colores da terra, sienas, ocres… son os preferidos e, neste tipo de gamas, constrúe o retrato que nos asoma, desde criterios de condición hiperrealista, a este reitor compostelán.

Foi o 12 de decembro do ano 2019 cando se presentou este retrato no lugar que ocupa na Reitoría. Acompañaron ao profesor Viaño naquel acto, presidido polo reitor Antonio López, a súa familia, o autor da obra e unha gran cantidade de amigos e colaboradores seus.

O propio profesor Viaño Rey explica os contidos que lle propuxo ao pintor:

“As matemáticas están reflectidas no cadro a través de 4 elementos cos que quixen posar: o compás áureo, a sucesión e a espiral de Fibonacci, a buguina mariña -os tres situados na librería- e o libro que sosteño nas miñas mans. Os elementos da librería están os tres relacionados coa razón áurea ou número de ouro. O número de ouro é un número irracional que posúe moitas propiedades interesantes. Foi descuberto, non como unha expresión aritmética, senón como relación ou proporción entre dous segmentos dunha recta, é dicir, unha construción xeométrica (é o que nos transmite o compás áureo do primeiro estante, que marca dúas distancias con esa proporción). Esta proporción, chamada razón áurea ou proporción divina, está relacionada coa sucesión e a espiral de Fibonacci, que aparecen representadas nas táboas do terceiro andel. A espiral de Fibonacci é unha aproximación da espiral áurea e ambas son espirais logarítmicas ou espirais do crecemento. Esta denominación provén de que representan de forma moi exacta os patróns de crecemento de moitos fenómenos naturais. É o caso do crecemento de moitas cunchas de moluscos, como a buguina mariña (que aparece representada no último estante da librería). Por último, o libro das miñas mans é un exemplar das actas do XXV International Congress of Mathematicians, celebrado por primeira vez en España (Madrid, 2006), tras máis de cen anos de existencia. É curioso que o logotipo deste congreso, que aparece na portada do libro, é tamén unha sucesión de espirais logarítmicas ou do crecemento.”

Tamén foi vontade súa que aparecese o Pico Sacro, como testemuño da súa vinculación coas terras de Boqueixón, nas que naceu e vive (vid. J. Viaño, 2006).

Continúa a explicación do profesor Viaño:

“O número áureo ou número de ouro é o valor numérico da proporción que gardan entre si dous segmentos de recta a e b (a máis longo ca b), que cumpren a seguinte relación: (a+ b) ⁄ a = a ⁄ b.

Cronoloxicamente, esta definición, co nome de ‘razón extrema e media’ aparece por primeira vez no libro VI dos Elementos de Euclides de Alexandría (325-265 a. C.), escrito arredor do ano 300 a. C. […] unha liña recta dise que está cortada en razón extrema e media cando a recta completa é ao segmento maior como o maior o é ao menor. Posto que o libro Elementos constitúe unha recompilación ordenada da xeometría que xa se utilizaba, o descubrimento desta proporción ten que ser bastante anterior. Non se sabe con certeza quen foi o primeiro en usala, pero é bastante probable que Pitágoras (569-475 a. C.) e os seus seguidores coñecesen esta proporción debido a que, no seu símbolo, o pentagrama (a estrela de cinco puntas), atópase repetidamente. É máis, algúns historiadores pensan que o número de ouro puido ser o primeiro número irracional coñecido e que os pitagóricos mesmo puideron ocultar a súa existencia durante un tempo por consideralo impuro e contrario á perfección dos números naturais.

O nome de ‘razón áurea’ para a proporción é moderno. Remontaríase ao século XIX e aparece por primeira vez nunha nota ao rodapé do libro Matemática elemental pura de Martin Ohm (irmán do recoñecido físico Georg Simon Ohm) na súa edición de 1835.

Atribúeselle a Fidias (500-431 a. C.), escultor e arquitecto grego, o uso desta proporción e de aí o seu nome 'phi', letra inicial de Fidias en grego, introducido polo matemático norteamericano Mark Barr (1871-1950), no seu artigo Os parámetros da beleza de 1929. De feito, especulouse moito sobre a relación que teñen estas medidas coa beleza. A pesar diso, non se atoparon evidencias documentais de que o arquitecto grego a utilizase. Máis ben, todo o contrario: ao reformar o Partenón na década de 1980, comprobouse que todas as pezas que o compoñían eran distintas entre si e respondían máis ben á proporción máis sinxela 4:9.

A razón áurea fascinou ao longo da historia, tanto a matemáticos como a leigos na materia, a artistas, a biólogos, arquitectos, deseñadores, escritores e mesmo a afeccionados ás pseudociencias. A orixe de todo iso está, sen dúbida, na denominación de ‘proporción divina’ que acuñou o matemático Luca Pacioli (c. 1445 - 1517) para referirse á razón áurea, na súa obra titulada precisamente De divina proportione, dedicada á noción de proporción e ás súas aplicacións á estética. Na difusión destas aplicacións contou coa inestimable axuda do famoso pintor e enxeñeiro Leonardo da Vinci (1452-1519), ilustrador da citada obra, publicada en Venecia en 1509.

Aínda que é certo que aparece frecuentemente na natureza tamén o é que se quixo ver en lugares que de forma natural non aparecía. Atribúeselles un carácter estético aos obxectos cuxas medidas gardan a proporción áurea (documento de identidade, tarxetas de crédito, medidas no corpo humano…). Algúns mesmo cren que posúe unha importancia mística (de aí a súa denominación moi popular de ‘proporción divina’). Ao longo da historia, atribuíuse a súa inclusión no deseño de diversas obras de arquitectura (como o citado Partenón) e outras artes (como no retrato da Gioconda), aínda que algúns destes casos foron cuestionados polos estudosos das matemáticas e da arte. Así, por exemplo, pénsase que o famoso debuxo O home de Vitrubio de da Vinci, contén as proporcións divinas: cabeza, embigo e pés dispostos segundo a razón media e extrema. Con todo, estudos recentes con medidas precisas mostran que non é a razón áurea se non a aproximación: 137/225=0,608888.”

Continúa a explicación do profesor Viaño:

“O compás áureo é un compás de tres puntas que permite dividir unha recta en extrema e media razón. É unha ferramenta para medir dinamicamente a proporción 'phi'. É moi práctico para profesionais como matemáticos, arquitectos, deseñadores gráficos, pintores, escultores e mesmo odontólogos ou médicos cirurxiáns. Ter a man un compás áureo nun ambiente creativo, daranos unha maior amplitude de posibilidades estéticas, porque tendemos a utilizar esta proporción espontaneamente en toda tarefa creativa que emprendemos.”

E finaliza a explicación do profesor Viaño:

“A sucesión ou serie de Fibonacci é a seguinte sucesión infinita de números naturais (chamados números de Fibonacci): 1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233, … A sucesión comeza cos números 1 e 1, e a partir destes, cada termo é a suma dos dous anteriores. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa (c. 1170-1240), matemático italiano do século XIII, tamén coñecido como Fibonacci. Aparece de forma natural no que chama ‘problema dos coellos’ na súa obra Liber abaci ("Libro do ábaco"): un home ten unha parella de coellos xuntos nun lugar pechado e deséxase saber cantos coellos creará esa parella nun ano se a súa natureza fai que nun mes naza outra parella e no segundo mes estes tamén procrean.

Catrocentos anos máis tarde, en 1629, o matemático francés Albert Girard (1595-1632) escribe a sucesión de Fibonacci en linguaxe moderna:

x0 =1, x1=1, xn= xn-1+ xn-2, n≥2.

A pesar de pasar catro séculos aínda non se estableceu a relación existente entre a sucesión de Fibonacci e o número áureo. De feito, houbo que esperar máis de cen anos para que, en 1753, o matemático escocés Robert Simson (1687–1768) demostrase que o cociente de dous termos consecutivos da sucesión de Fibonacci converxe ao número de ouro.

A espiral de Fibonacci é a espiral que se xera debuxando arcos circulares conectando os vértices opostos dos cadrados de lados axustados aos valores da sucesión. Trátase dunha espiral logarítmica ou espiral do crecemento. Non debe confundirse coa espiral áurea que é tamén unha espiral logarítmica pero que se obtén unindo por arcos circulares os vértices opostos dos cadrados que se obteñen dos rectángulos áureos (os seus lados están en proporción áurea) eliminando o rectángulo máis pequeno.

As espirais do crecemento aparecen en moitas manifestacións da natureza, por exemplo nas pólas das árbores, na disposición das follas no talo, nas flores de alcachofas e do xirasol, nas inflorescencias do brócoli romanesco, na configuración das piñas das coníferas e ata na codificación do ADN do crecemento de formas orgánicas complexas. De igual maneira, atópase na estrutura espiral da casca dalgúns moluscos, como o nautilus ou algunhas buguinas mariñas.”

J. M. Lens (2007), J, M,. Lens, “Vicente Prego”, en (catálogo de exposición) Compostelarte, Santiago de Compostela (Concellaría de Cultura), 2007, pp. 55-59.

Vicente Prego, en https://www.vicenteprego.com/sobre-el-artista.html

Vicente Prego, en F. Otero, Espacio de arte, 14 de xuño de 2007

https://www.youtube.com/watch?v=UXpLyZGb3_w

Vicente Prego, en F. Otero, Espacio de arte, 9 de abril de 2015.

https://www.youtube.com/watch?v=Nf7jaR7MvqQ

Vicente Prego. Cor de Vasi, filmado por L. Terceiro, en estudio do artista, con motivo da exposición "Cor de Vasi", na galería Federica No Era Tonta (Santiago de Compostela), desde el 15 de septiembre al 28 de octubre de 2017.

En https://www.youtube.com/watch?v=u6Sawgm1QIo

J. Viaño, 2006: José Viaño Rey, Sergude: O noso patrimonio. Apuntes xeográficos- históricos, Sergude (Asociación de Veciños AREOSA de Sergude) 2006.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000889
Autoría: Vicente Prego
Título: Juan Viaño Rey
Datos: 2019
Dimensiones: 
Sen marco: Alto: 98 cm    ancho: 88,5 cm  Con marco: Alto: 120 cm    ancho: 110 cm    fondo: 6 cm