Alba de Gloria 3

Xosé Conde Corbal
MIriam Elena Cortés López

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

Ao igual que no resto dos murais da serie Alba de Gloria, todos os personaxes debúxanse cos trazos expresionistas, rápidos e fluídos, característicos da obra de Conde Corbal. Negros, carmíns, ocres, gamas de azuis e grises dominan o resultado final da obra. A formulación compositiva é tratada baixo o uso do recurso ao horror vacui que rodea toda a escena. Apenas se perciben o escenario e fondo. O elemento expresivo queda reflectido a través da acumulación de retratos e no emprego da forza da liña e da cor vibrante con que destaca certos elementos. Conde Corbal é un artista que compón con liñas e planos de cor, e iso reflíctese en todos e cada un dos rostros que aquí se presentan.

Xosé Conde Corbal forma parte dun grupo de artistas que pertencen a unha xeración galega que traballa en paralelo ao desenvolvemento e consolidación doutras correntes afíns ás linguaxes abstractas. Así e todo, na súa maneira de abordar a obra, igual ca outros compañeiros como Mercedes Ruibal, Vixilio, Abelenda, Barreiro ou Criado, mantén unha tradición figurativa que acusa a influencia expresionista. Este trazo é o que mellor define a obra do artista, facendo del un dos mellores retratistas da época contemporánea galega. Nas súas galerías de personaxes percíbense todo tipo de trazos e actitudes, acenos e calidades.

Conde Corbal é un artista de formación autodidacta. Desde pequeno practicaba o debuxo, pero cando chegou a hora de programar o seu futuro, comezou as carreiras de Química e Dereito en Compostela. Pouco tempo despois desenvolveu diferentes postos de traballo, entre os que destacan o que ocupou como deseñador nunha empresa cristaleira. Na súa obra tamén se aprecia a influencia do seu traballo como ilustrador de viñetas en xornais, entre eles La Región de Ourense, onde coñece a Vicente Risco. Este contexto favorece a súa convivencia con outros eruditos e co grupo dos Artistiñas, colaborando con eles nalgún traballo, especialmente no deseño de carteis. Traballou tamén cos xornais galegos máis destacados e con revistas de alén do Océano como Nova Galicia.

Ao abeiro deste novo traballo, comeza a practicar a súa galería de temas, costumes, paisaxes e xentes. Perfila todo isto baixo unha óptica que suxire unha caricatura dramática, o que o coloca como un dos mellores tradutores do esperpento valleinclanesco á obra ilustrada. El mesmo recoñece o seu interese pola obra do escritor, que traduce nas súas escenas de enterros, procesións e outras festas tradicionais típicas. Todo este mundo figurativo de Conde Corbal reflíctese nos carteis que tamén deseña para a Asociación Cultural Abrente de Ribadavia.

A actividade artística de Conde Corbal non só se cingue ao mundo da pintura. Sobresae como mestre na técnica do gravado, e iso pode xustificar certa tendencia a empregar a liña como elemento expresivo que traslada á súa obra pictórica, dotándoa dunha personalidade única. Nesta dirección destaca a serie dedicada á Guerra Civil, unha galería de figuras que a través dos seus trazos deformados manifestan o espírito crítico que carga a súa obra, e onde tradicionalmente se aprecia a influencia que exerceu nela a Nova Obxectividade alemá. Entre as súas obras destaca o mural elaborado para a cafetería da Carabela, en Pontevedra, que ofrece varias vistas da cidade.

A obra de Conde Corbal é amplamente recoñecida. Participou en exposicións en Madrid, Vigo, Ourense, levando o seu traballo ao continente americano. En Galicia o Museo Quiñones de León de Vigo, a Fundación Abanca, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou o Museo do Gravado de Artes de Ribeira contan con obra do artista.

X. A. Castro Fernández y R. Rozas Domínguez, 2001: X. A. Castro Fernández y R. Rozas Domínguez, “Conde Corbal”, en A. Pulido Novoa (dir.), Realismos, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2001, pp. 19-54.

S. Cendán Caaveiro, 1993: S. Cendán Caaveiro, “X. Conde Corbal”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, p. 170.

C. S. Maier, 1980: C. S. Maier, “Xosé Conde Corbal e a estética do grabado: unha reforma do ollo por medio da deformación da liña”, Grial, n.º 70, (1980), pp. 400-414.

F. Pablos, 1981: F. Pablos, Plástica gallega, Vigo, Caixavigo, 1981.

V. Risco, 2009: V. Risco, O Ourense de Conde Corbal e de Vicente Risco, Allariz, Fundación Vicente Risco, 2009.

VV. AA., 1989: Conde Corbal, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.

VV. AA., 1993: Conde Corbal. Pintura 1991–1993, Pontevedra, Diputación Provincial, 1993.

VV. AA., 1988: Vangardas e silencios, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1988.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000683
Autoría: Xosé Conde Corbal
Título: Alba de Gloria 3
Temas: 
Retrato
Grupo
Data: 1980
Técnicas: 
Acrílico
Dimensións: 
Alto: 122 cm Longo: 245 cm Ancho: 2 cm
Materiais: 
Lenzo