Alba de Gloria 4

Xosé Conde Corbal
MIriam Elena Cortés López

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

A galería de Alba de Gloria IV é fundamentalmente unha homenaxe ás Letras Galegas. Homes e mulleres facilmente recoñecibles entre os que sobresaen Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Manuel Antonio, Rosalía de Castro, Nicomedes Pastor Díaz, o Padre Sarmiento e o Padre Feixóo; o gaiteiro de Soutelo, Camba, Emilia Pardo Bazán, Fernández Flórez, Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Concepción Arenal, Iglesias Alvariño, Valle Inclán, Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Vilar Ponte, Basilio Álvarez, Alexandre Bóveda, Carro Santalices, López Cuevillas, Ferro Couselo, Taboada Chivite, Blanco Amor e Celso Emilio Ferreiro.

Todos estes personaxes debúxanse cos trazos expresionistas, rápidos e fluídos, característicos da obra de Conde Corbal. Negros, carmíns, ocres, gamas de azuis e grises dominan o resultado final da obra. A formulación compositiva é tratada baixo o uso do recurso ao horror vacui que rodea toda a escena. Apenas se perciben o escenario e fondo. O elemento expresivo queda reflectido a través da acumulación de retratos e no emprego da forza da liña e da cor vibrante con que destaca certos elementos, como a gaita. Conde Corbal é un artista que compón con liñas e planos de cor, e iso reflíctese en todos e cada un dos rostros que aquí se presentan.

Xosé Conde Corbal forma parte dun grupo de artistas que pertencen a unha xeración galega que traballa en paralelo ao desenvolvemento e consolidación doutras correntes afíns ás linguaxes abstractas. Así e todo, na súa maneira de abordar a obra, igual ca outros compañeiros como Mercedes Ruibal, Vixilio, Abelenda, Barreiro ou Criado, mantén unha tradición figurativa que acusa a influencia expresionista. Este trazo é o que mellor define a obra do artista, facendo del un dos mellores retratistas da época contemporánea galega. Nas súas galerías de personaxes percíbense todo tipo de trazos e actitudes, acenos e calidades.

Conde Corbal é un artista de formación autodidacta. Desde pequeno practicaba o debuxo, pero cando chegou a hora de programar o seu futuro, comezou as carreiras de Química e Dereito en Compostela. Pouco tempo despois desenvolveu diferentes postos de traballo, entre os que destacan o que ocupou como deseñador nunha empresa cristaleira. Na súa obra tamén se aprecia a influencia do seu traballo como ilustrador de viñetas en xornais, entre eles La Región de Ourense, onde coñece a Vicente Risco. Este contexto favorece a súa convivencia con outros eruditos e co grupo dos Artistiñas, colaborando con eles nalgún traballo, especialmente no deseño de carteis. Traballou tamén cos xornais galegos máis destacados e con revistas de alén do Océano como Nova Galicia.

Ao abeiro deste novo traballo, comeza a practicar a súa galería de temas, costumes, paisaxes e xentes. Perfila todo isto baixo unha óptica que suxire unha caricatura dramática, o que o coloca como un dos mellores tradutores do esperpento valleinclanesco á obra ilustrada. El mesmo recoñece o seu interese pola obra do escritor, que traduce nas súas escenas de enterros, procesións e outras festas tradicionais típicas. Todo este mundo figurativo de Conde Corbal reflíctese nos carteis que tamén deseña para a Asociación Cultural Abrente de Ribadavia.

A actividade artística de Conde Corbal non só se cingue ao mundo da pintura. Sobresae como mestre na técnica do gravado, e iso pode xustificar certa tendencia a empregar a liña como elemento expresivo que traslada á súa obra pictórica, dotándoa dunha personalidade única. Nesta dirección destaca a serie dedicada á Guerra Civil, unha galería de figuras que a través dos seus trazos deformados manifestan o espírito crítico que carga a súa obra, e onde tradicionalmente se aprecia a influencia que exerceu nela a Nova Obxectividade alemá. Entre as súas obras destaca o mural elaborado para a cafetería da Carabela, en Pontevedra, que ofrece varias vistas da cidade.

A obra de Conde Corbal é amplamente recoñecida. Participou en exposicións en Madrid, Vigo, Ourense, levando o seu traballo ao continente americano. En Galicia o Museo Quiñones de León de Vigo, a Fundación Abanca, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou o Museo do Gravado de Artes de Ribeira contan con obra do artista.

X. A. Castro Fernández e R. Rozas Domínguez, 2001: X. A. Castro Fernández e R. Rozas Domínguez, “Conde Corbal”, en A. Pulido Novoa (dir.), Realismos, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2001, pp. 19-54.

S. Cendán Caaveiro, 1993: S. Cendán Caaveiro, “X. Conde Corbal”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, p. 170.

C. S. Maier, 1980: C. S. Maier, “Xosé Conde Corbal e a estética do grabado: unha reforma do ollo por medio da deformación da liña”, Grial, n.º 70, (1980), pp. 400-414.

F. Pablos, 1981: F. Pablos, Plástica gallega, Vigo, Caixavigo, 1981.

V. Risco, 2009: V. Risco, O Ourense de Conde Corbal e de Vicente Risco, Allariz, Fundación Vicente Risco, 2009.

VV. AA., 1989: Conde Corbal, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.

VV. AA., 1993: Conde Corbal. Pintura 1991–1993, Pontevedra, Deputación Provincial, 1993.

VV. AA., 1988: Vangardas e silencios, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1988.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000681
Autoría: Xosé Conde Corbal
Título: Alba de Gloria 4
Temas: 
Retrato
Grupo
Data: 1980
Técnicas: 
Acrílico
Dimensións: 
Alto: 122 cm Longo: 245 cm Ancho: 2 cm
Materiais: 
Lenzo