Alegoría do campo

Manuel Torres Martínez
MIriam Elena Cortés López

Obra alegórica de Manuel Torres que representa, nunha estrita ordenación en bandas horizontais de arriba a abaixo, as distintas fases dos traballos do campo, desde a semente ata a venda no mercado. 

Manuel Torres Martínez (1901-1995), fiel ao seu compromiso, retrata unha parte da sociedade galega presentándoa nunha obra que, pola maneira na que a compón, simula un himno ao labrego. A orixinalidade deste traballo reside en dispoñelo en varias secuencias en orde sucesiva. Na parte superior é o xénero feminino o protagonista. A serie de mulleres que na liña superior traballan na terra, e na inferior recollen en cestos a colleita, simula estar a medio camiño entre unha danza tribal e una aproximación ao proceso industrial en cadea.

No termo medio, son os homes os que traballan cos sachos e os angazos a terra, contrastando, en certo sentido, as diferentes capacidades e roles que desenvolven o home e mais a muller no campo. Estes dous escenarios, superior e intermedio, dispostos coma se de frisos clásicos se tratase, contextualízanse no medio do campo e de construcións propias da labranza como os cabazos e as pallozas.

No terceiro rexistro, o inferior, representa o resultado do traballo no campo, que é a venda dos produtos. Nesta parte do relato distínguense varios grupos, malia que o papel da muller volve ser o protagonista, pois a elas se debe a encomenda do mercado. Grandes cestas, animais de carga, casetas de venda reforzan a idea do contexto no que se articula esta última acción. Tamén hai cabida para o lecer: a comida e a bebida, como así deixa entrever a mesa disposta no centro, ou as parolas en grupos.

Manuel Torres forma parte do grupo dos Renovadores. Como sucede coa obra dos seus compañeiros, existen determinados elementos que xustifican esta atribución. Non só se trata do compromiso da súa pintura coa sociedade galega, senón que, desde a lembranza á tradición, renova os postulados con que os presenta. En primeiro lugar, trátase dunha obra secuenciada, narrada por partes, que define á perfección o título do óleo. En segundo, consegue transmitir, a través dun feito tradicional galego, a manufactura do traballo, a idea dun proceso mecanizado e industrial, apenas desenvolvido ⸺incipiente, podería dicirse⸺ en Galicia. En terceiro termo, presenta os personaxes de maneira conceptual. Sabemos que son persoas, pero descoñecemos a súa identidade. Decatámonos das súas funcións polos seus actos e polas súas vestimentas. Por iso, non se detén en engadir máis datos. En certo sentido, percíbese o vínculo existente coa obra de Maside, na maneira de configurar os grupos de paisanas, nos que resulta inevitable non lembrar a obra de Virxilio. O mesmo acontece con Pesqueira e os grupos de homes. En canto á formulación dos rostros, o vínculo con Colmeiro resulta evidente.

Finalmente, neste óleo destacan elementos que caracterizan e permiten identificar a obra como de Torres. Por unha banda, a tendencia que ten o artista por realizar obras en formato vertical, facilitando a configuración deste tipo de escenas secuenciais, nas que emprega unha distribución en marcada diagonal. Pola outra, o seu gusto por debuxar escenas nas que se recollen romarías, ermidas e feiras onde actúan grupos de persoas. Todas estas escenas gardan relación coas fotografías da época. Por último, o emprego da cor é unha das claves da súa obra. Primeiro porque a utiliza como elemento compositivo, a través da superposición de miles de manchas e liñas de cor en diferentes gamas que lembran a técnica dos impresionistas. Segundo porque, a través do uso da cor, demostra a capacidade expresiva que ten. Aplica contrastes de tons arena con verdes e azuis, brancos que se matizan con outras tonalidades, pero que desprenden luz. Consegue crear unha atmosfera na que apenas se conclúe en que momento do día nos atopamos.

Manuel Torres é considerado un artista autodidacta cuxa formación inicial foi como mestre, profesión á que se dedicou toda a vida. Esta actividade intercálaa co seu traballo como pintor. En Vigo ten ocasión de frecuentar faladoiros nos que participaba a elite intelectual galega. É así, xunto con Dieste, Maside, Paz Andrade ou Castelao, como toma o compromiso artístico coa nación galega, sinal definitorio da súa obra.

Como tantos outros artistas galegos, en 1927 goza dunha bolsa da Deputación de Pontevedra, con destino a Madrid. En 1931 trasládase a París durante unha longa tempada, onde coñece en primeira persoa as tendencias artísticas dese tempo, frecuentando os círculos artísticos da cidade. Alí visita os grandes museos e ten ocasión de ver a obra dos artistas máis significativos. Este feito xustifica a riqueza das súas obras a través do aprendido en París.

A versatilidade de Manuel Torres percíbese na práctica de diferentes técnicas. Malia que destaca na pintura ao óleo, a acuarela e o gravado ⸺especialmente o linóleo⸺ son habituais na súa actividade. Isto pode gardar relación co gusto polas ilustracións dos xornais. Neste sentido, cabe dicir que realizou múltiples estampas. No referido ao desenvolvemento temático da súa obra abondan as notas folclóricas e populares, así como a composición de paisaxes, en especial aqueles nos que o mar ou os pobos costeiros se converten en protagonistas. A maneira expresiva coa que pinta os seus cadros, así como os efectos sensoriais que xera, resulta soberbia.

As exposicións individuais e colectivas dedicadas a Manuel Torres sucedéronse en varias cidades, dedicándoselle unha antolóxica en 1982, na Bienal de Pontevedra, ou a celebrada por Caixavigo en 1987. En canto ao desenvolvemento da súa actividade, como ilustrador colaborou con varias revistas. Tamén se meteu no territorio da escultura. A súa obra forma parte das coleccións de museos de Galicia: Museo Quiñones de León de Vigo ou o Museo do Gravado de Artes de Ribeira son algúns exemplos. Tamén participa nas coleccións de Afundación. En 1992, Marín concédelle a medalla de Fillo Predilecto e alí se creará tamén un museo monográfico.

T. Barros, 1962: T. Barros, Manuel Torres y la Escuela Gallega de Pintura, Santiago de Compostela, La Noche, 1962.

X. A. Castro Fernández, 1982: X. A. Castro Fernández, Manuel Torres. Monografía, Pontevedra, Escola Aberta, 1982.

X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Manuel Torres y el retiro marinense”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 38-41.

G. Soler, 1982: G. Soler, Comentario de la exposición antológica de Manuel Torres. Catálogo de Exposición, Pontevedra, Bienal de Pontevedra, 1982.

VV. AA., 1987: El pintor Manuel Torres, A Coruña, Secretaría Xeral Técnica, Consellería de Presidencia, 1987.

VV. AA., 1987: Manuel Torres: Exposición antológica, Vigo, Caixavigo, 1987.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000826
Autoría: Manuel Torres Martínez
Título: Alegoría do campo
Data: ca. 1970
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 183 cm Longo: 11 cm Profundidade: 3,5 cm
Materiais: 
Táboa
Localización: Colexio Maior Fonseca