Alfonso Costa 2

Alfonso Costa Beiro

Ecos surrealistas, cubistas e expresionistas compoñen a linguaxe que Alfonso Costa emprega neste gravado, no que compón un mundo imaxinario, irreal e onírico seguindo unha liña que conectaría con pintores como O Bosco, Goya ou Bacon. Xoga coa idea da fragmentación da forma e co espazo ao presentar de costas ao espectador unha figura humana da que tan só lle vemos as pernas; porén, ésta proxecta dúas sombras que nos permiten contemplar a totalidade da mesma e ver dous rostros; trátase dunha imaxe duplicada coma se estivesemos ante o efecto dúplice dun espello. Son figuras humanas fragmentadas e distorsionadas; con todo, Costa permítenos ver unha estrutura anatómica fibrosa, que denota un profundo coñecemento da mesma. O gravado, feito cunha única tinta azul, destaca o dominio do debuxo que lle permite crear a silueta das figuras e potenciar as sombras que crean un gran contraste que evidencia a influencia da pintura metafísica italiana, especialmente da obra de Giorgio De Chirico, ao tempo que crea unha atmosfera surrealista e inquietante. En definitiva, un mundo de soños e imaxinación que é creado polo artista. Asinado inferior dereito. No lado esquerdo o número de tirada: 9/25.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000790
Autoría: Alfonso Costa Beiro
Título: Alfonso Costa 2
Temas: 
Onírico
Técnicas: 
Gravado
Dimensións: 
Alto: 30,5 cm Longo: 28 cm Sen marco Alto: 42 cm Longo: 40 cm Ancho: 1 cm
Materiais: 
Papel