Alhamar, rei de Granada, rende vasalaxe ao rei de Castela, Fernando III o Santo
Cuadro de historia, que recorre ao manido tema da Reconquista, neste caso co capítulo no que Alhamar, rei de Granada, vencido, rende vasalaxe a Fernando III o Santo. A escena desenvólvese no campamento militar do propio campo de batalla, como indica a presenza dos soldados que contemplan o acto dende o fondo. Ao mesmo tempo, e de forma máis directa, asisten unha serie de personaxes, que serven ao artista, xunto cos protagonistas, para a recreación historicista do medievo, nesta ocasión, exclusivamente lograda a través das vestimentas, suxeitas a tópicos decimonónicos sobre a Idade Media, como poden ser o uso de determinadas cores, como o branco para a igrexa ou a capa vermella para representar o poder. Concibida cunha excesiva teatralidade, a obra obtivo unha terceira mención na Exposición Nacional de 1884.