Ángel Jorge Echeverri
J. Fernández Sánchez, que asina esta pintura realizada para a galería de retratos da Reitoría, preséntao sentado, coa vara de mando da Universidade na súa dereita e unha cartela que di: ET AB/ EIUS /LABORE OECONOMIAE FACULTAS NATA EST (pola súa capacidade de traballo, a economía está destinada a ser…). Os puños da súa toga son amarelos, a cor propia de Medicina. Sobre o seu peito, ademais da medalla de reitor, abundan as condecoracións xa que, neste sentido, ten as seguintes: “…polo Goberno Portugués, coa Orde de Instrución Pública; Orde Militar de Cristo de Portugal; Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade, con distintivo branco; Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco; Gran Cruz de Afonso X o Sabio; Gran Oficial da Orde do Infante D. Enrique de Portugal”.
Ángel Jorge Echeverri (1904-1984), nacido en Santiago, cursou na súa Universidade a carreira de Medicina entre 1920 e 1927. Estudou en Madrid, onde obtén o grao de Doutor en 1931 (Gran Enciclopedia, 2004, XXIV, pp. 227-228). En 1935 accedeu á cátedra de Anatomía Descritiva e Topográfica coas súas Técnicas Anatómicas da Facultade de Medicina de Santiago (A. Franco Grande, 2014, pp. 1115-1123). Ocupou o cargo de reitor entre 1960 e 1968 e posteriormente con carácter honorario (Vid. A. Jorge Echeverri, pp. I-XI; X. R. Barreiro Fernández, 2003, II, pp. 104-105; R. Gurriarán, 2010). Foi procurador en Cortes como reitor da Universidade (X. R. Barreiro Fernández, 2003, II, pp. 104-105).
Foi Manuel López Garabal quen en 1970 retratou a Ángel Jorge Echeverri, decano de Medicina entre 1955-1960. Cambia agora o concepto do retrato. Preséntase sentado mostrando as súas mans, en tres cuartos, e orientando o rostro cara ao espectador.
A imaxe gaña en naturalidade, tanto pola pose como pola indumentaria: un simple traxe. No seu pescozo pendura a medalla de doutor e aparecen no seu peito dúas das condecoracións coas que foi distinguido. Ambiéntase o personaxe no seu despacho, deixando ver atrás unha biblioteca (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 205-206, 218).
Ademais, dedicáronlle outra homenaxe na súa Facultade; trátase dunha lápida na que o seu escultor, Manuel Castelo, emprega dúas clases de pedra, buscando un contraste entre o gris do granito e o negro dunha plancha marmórea que vale tanto como fondo como base na que se asenta a temática que se vai desenvolver.
Preséntase o personaxe mostrándonos o seu rostro, na parte alta e cara ao centro. Aquí, o escultor procura facer un traballo moi realista, puíndo moito a pedra. Aos seus lados, en posición sedente, móstranse dúas figuras esculpidas de xeito un tanto esquemático, simulando con iso aprendices atentos ante o mestre. Complétase cunha epígrafe disposta a un lateral. Di así: AL/ PROFESOR/ ECHEVERRI/ SUS/ COLABORADORES/Y/ DISCÍPULOS/ 1974 (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 341-342).
X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galícia- Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela (Andavira Editora), 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
Gran Enciclopedia Gallega, 2004: Gran Enciclopedia Gallega, Lugo (El Progreso-Diario de Pontevedra), 2004 e ss.
R. Gurriarán, 2010: R. Gurriarán, Inmunda escoria. A Universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968, Vigo (Edicións Xerais de Galicia), 2010.
A. Jorge Echeverri, 2003: A. Jorge Echeverri, “Curriculum vitae del Profr. Dr. D…”, en Libro Homenaje al Prof. Dr. Ángel Jorge Echeverri, Santiago de Compostela, (Universidad de Santiago), pp. I-XI.