Ángel Martínez de la Riva
Aínda que apenas se coñecen datos do autor, sí que se sabe que participou en distintas exposicións rexionais en Santiago con retratos, xénero que domina con mestría. Nesta obra representa a Ángel Martínez de la Riva, catedrático de Medicina na Facultade compostelá. Seguindo a corrente realista das primeiras décadas do século XX, o retrato está fortemente influenciado pola aparición da fotografía, (xa o autor, xunto a sinatura, sinala que o realiza a partir dunha fotografía) o que trasmitía unha sensación de inmediatez e verismo visible no rostro, concedéndolle unha gran importancia á mirada, e acentúase pola luz. Retrata ao personaxe vestido con traxe no que sobresae a medalla peitoral -único distintivo da condición de decano-, de medio corpo, case frontal e mirando cara o espectador, ante un fondo neutro. O autor transmite a sensación de profundidade ao xogar coas gamas dos grises no fondo, máis escuro no lado dereito e máis claro no esquerdo, aclarando a paleta no perfil da figura provocado pola incidencia da luz. Asinado no ángulo inferior esquerdo "De Fotografía Martín Marqués"
Catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía en Santiago, no ano 1888, e decano entre 1907 e 1921 (R. Gurriarán, 2006: 265; X. A. Fraga, 2014; A. Franco Grande, 2014, p. 887-896; R. Gurriarán, X. A. Otero Costras e J. M. García Iglesias, 2014; J. M. García Iglesias, 2016, p. 216). É un referente a ter en conta na chamada Escola Médica Compostelá (R. Baltar Domínguez, 1968).
Este retrato é obra de Fernando Martín Marqués e dátase en 1920, polo cal se fai en tempos do seu decanato aínda que, consonte figura no ángulo inferior esquerdo, se realiza a partir dunha fotografía. Sobre o seu peito apenas se distingue a medalla en tanto que o pintor se detén, cun fondo realismo, no rostro, equilibradamente alumado, enfrontándonos á súa mirada, un tanto afastada do espectador, e cun tratamento do cabelo especialmente coidado á hora de mostralo encanecido.
R. Baltar Domínguez, 1968: R. Baltar Domínguez, La Escuela Médica Compostelana, Santiago, Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 1968.
X. A. Fraga, 2014: X. A. Fraga, “Ángel Martínez de la Riva Vilar”, en Álbum de Galicia, Consello da Cultura Galega, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22242, 2014.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.
R. Gurriarán, 2006: R. Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2006.
R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014: R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, A galería de decanos da Facultade de Medicina, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.