Aniceto Charro Arias
Retrato pertencente á galería de decanos da Facultade de Farmacia realizada por Felipe Criado. O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña asumiu os custes da súa realización. Asinado no lateral inferior esquerdo: "Felipe Criado/1973".
Don Aniceto Charro Arias naceu en Vigo, en 1903, e morreu en Santiago de Compostela en 1979. Foi decano entre 1961 e 1971. Licénciase en Farmacia na USC en 1924 e doutórase na Universidade Central en 1926, onde fora chamado polo profesor don José Casares Gil. En 1930 consegue a cátedra de Técnica Física e Análise Química da Facultade de Farmacia de Santiago, completando a súa formación mediante bolsas da Xunta para Ampliación de Estudos en diversos laboratorios europeos. Colaborou co Centro de Estudos Rexionais da USC, co seu Instituto Galego de Bromatoloxía, que dirixía, e a partir de 1940-1941, superado un expediente de depuración, puxo en marcha importantes equipos de investigación orientados cara os estudos en Bromatoloxía e Toxicoloxía. A recompilación de materiais farmacéuticos históricos, realizada durante a súa dilatada vida profesional, foi a base do futuro Museo de Farmacia de Galicia.
Mantense neste retrato a posición sedente en traxe de paisano. Parece responder, no que concirne ao modo de presentar a Aniceto Charro, a esa idade de 70 anos que cumpre en 1973, momento da súa xubilación académica. A cátedra da que se responsabilizou, nun principio, foi a de Técnica Física e de Análise Química ⸺1930-1944⸺, que se transformaría na de Análises Químicas e de Bromatoloxía-Toxicoloxía, a partir de 1944 (L. Máiz Eleizegui, 1961, p. 82-84). Foi decano desta Facultade entre os anos 1961 e 1971 (J. Simal Lozano e J. Sanmartín Míguez, 2002; F. Díaz-Fierros Viqueira, 2013). Entre os seus logros pode citarse a creación do Instituto de Bromatoloxía, vinculado ao Instituto de Estudos Rexionais (R. Gurriarán, 2006, p. 418). Tras a súa xubilación, seguiu vinculado á Facultade ata outubro de 1978; neses anos finais impartía Historia da Farmacia e montou un Museo de Farmacia na propia Facultade. Morre en 1979.
Este cadro forma parte, dalgún xeito, da homenaxe que, daquela, se lle fai por parte da Facultade a este profesor ao que se lle entregan, en catro volumes, as súas publicacións en tres deles, e o cuarto coas teses de doutoramento que dirixira. Ben traballados o rostro e mais as mans, cun rigor formal importante, apoia o seu brazo dereito sobre unha mesa de laboratorio, disposta a un lado, e na que pode verse unha gabeta entreaberta. Enriba hai uns folios, un pequeno armario de laboratorio e un microscopio, acorde con esa cátedra de Técnica Física e Análise Química da Facultade de Farmacia de Santiago. Foi “o primeiro catedrático da Universidade compostelá do século XX que gañou unha cátedra na institución na que inicialmente se formou [...]. A súa incorporación á Facultade de Farmacia, no momento en que se facía cargo da Universidade de Santiago o reitor Rodríguez Cadarso, serviu para que un novo alento renovador chegase a estas institucións, dotando os laboratorios con novo instrumental e instalacións e introducindo hábitos de traballo modernos, nos que o dato experimental e o contraste co labor que se realizaba nos centros estranxeiros pasaban a ser os seus principais referentes” (F. Díaz-Fierros Viqueira, 2013).
O microscopio tamén cabe relacionalo co traballo dos seus últimos anos como investigador, no que “os novos métodos de análise instrumental son protagonistas da maioría dos seus traballos de investigación. Nese sentido, son significativas s análises de praguicidas, que tiveron unha forte repercusión no país como consecuencia do afundimento na ría da Coruña do Erkowit, en 1970” (F. Díaz-Fierros Viqueira, 2013).
Completa a composición, ao fondo, un encerado, cuberto con fórmulas, alusivo, quizais, á súa actividade docente na que, tamén, foi figura destacada nesta obra (X. R. Fandiño Veiga). Priman os marróns e os ocres.
X. A. Castro, 2014: X. A. Castro, Felipe Criado. Homenaxe, catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.
M. E. Cortés López, 2018: M. E. Cortés López, Pegadas sobre papel: o gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, Ribeira, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, 2018.
F. Criado e M. A. Fernán-Vello, 1987: F. Criado e M. A. Fernán-Vello, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
F. Criado e J. Lens, 2004: F. Criado e J. Lens, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, 2004.
F. Díaz-Fierros Viquiera, 2013: F. Díaz-Fierros Viquiera, “Aniceto Charro Arias”, en Álbum da Ciencia, Consello da Cultura Galega, http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?i, 2013.
X. R. Fandiño Veiga, 2013: X. R. Fandiño Veiga, “Aniceto Charro Arias. Vigo 1903-Ourense 1979. Un científico dedicado á investigación e a docencia”, en Álbum da JAE, Consello da Cultura Galega, http://culturagalega.gal/albumdajae/detalle.php?id=123, 2013.
S. García-Bodaño, 1985: S. García-Bodaño, 37 debuxos para un país, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1985.
R. Gurriarán, 2006: R. Gurriarán, Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago, USC, 2006.
L. Máiz Eleizegui, 1961: L. Máiz Eleizegui, Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (cien años de vida de la facultad. 1857-1957), Santiago, Facultade de Farmacia, 1961.
R. Pereiro e A. Castro, 2000: R. Pereiro e A. Castro, Felipe Criado: pinturas e debuxos: 1989-1999, catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. 2000.
J. Simal Lozano e J. Sanmartín Míguez, 2002: J. Simal Lozano e J. Sanmartín Míguez, “Aniceto Charro Arias”, en J. S. Sanmartín Míguez (ed.): Un centenario, una profesión 1902-2002, A Coruña, Colexio Oficial de Farmacéuticos, 2002, pp. 116-119.
VV. AA., 1985: Felipe Criado. 4 variantes para 14 posibles temas, Oviedo, Centro Regional de Bellas Artes de Asturias. 1985.
VV. AA., 1993: “Felipe Criado” en Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 173.
VV. AA., 1997: Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1997.
VV. AA., 2008: Felipe Criado, Santiago de Compostela, 2008.
VV. AA., 2011: Felipe Criado: dende as vivencias 2007-2010, Catálogo da exposición, Ourense, Deputación Provincial, 2011.
VV. AA., 2014: Felipe Criado: inicio de catálogo razonado, 1952-2012, A Coruña, Deputación Provincial, 2014.