Antonio Casares
Este retrato, obra de Juan Mateos, dátase a finais do XIX e faino partindo dos mesmos criterios seguidos para o de Juan José Viñas, o outro reitor co que se inicia esta serie. Non é o único deste personaxe que se conserva na Universidade compostelá xa que hai outro no decanato da Facultade de Medicina. A reitoría tamén contou, no seu día, cun busto seu debido ao escultor Sanmartín de la Serna. A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago conta tamén cun retrato seu na súa galería de directores, cargo que ostentou entre 1850 e 1858.
Antonio Casares Rodríguez foi director da Sociedade Económica de Amigos do País entre 1850-1858 (Vid. M. Bermejo Patiño, 1993, pp. 69-71; A. Iglesias Diéguez, 1999, p. 32; M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano 2012). Xa en 1843, instalouse como farmacéutico en Santiago e dous anos despois era nomeado catedrático de Química Xeral da Facultade de Ciencias. A súa participación na introdución da anestesia clorofórmica en Santiago a finais de 1847 é cuestión, tamén, relevante (A. Franco Grande, 2014, pp. 474-483, 1140-1156). Foi reitor da Universidade; conclúe o seu discurso inaugural do curso 1850-1851 citando a Jovellanos no seguinte: “No olvidéis jamás que el estudio de la naturaleza nos fue dado par mejorar nuestra existencia y concurrir al bien estar del género humano; no para satisfacer nuestro orgullo, sino para socorrer nuestra miseria”. Refírese ao discurso inaugural de Jovellanos na apertura do Real Instituto Asturiano (Gijón, 7, I, 1794) - (A. Casares Rodríguez, 1850, p. 31).
Cabe recoñecer o seu discurso no Paraninfo ante o rei Alfonso XII en 1877, facendo unha reivindicación académica da Universidade de Santiago: “…Espera, no obstante el claustro… que recuperará con creces la prosperidad de que antes gozó y que en esta Universidad encontrará esa juventud generosa, ávida de saber, todos los medios suficientes para satisfacer sus necesidades intelectuales…”. Este texto non se publicou ata 1904, ano no que se edita na Gaceta de Galicia do día 26 de xullo (B. Cores Trasmonte, 2001, p. 34). Distinguíao, como investigador, a aplicación do seu traballo e, como docente, o seu carácter práctico (Vid. A. Milón y Reales, 1890a; L. Máiz Eleizegui, 1952; L. Máiz Eleizegui, 1961, pp. 20-21; X. A. Fraga Vázquez, A. Matogueira Domínguez, 1993, pp. 69-71; M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano 2012).
Púxose de relevo o seu traballo na Sociedade Económica formando parte de diferentes comisións e como responsable de diversos informes. Tivo un papel importante á hora de poñer en marcha a Exposición agrícola en 1875 e entre os seus informes -ás veces, en colaboración-, cabe citar os relativos á adulteración dos viños, ao establecemento dunha fábrica de tecidos en Santiago ou o da cría do verme de seda nos bosques de Conxo (L. Máiz Eleizegui, 1952, p. 40). Foi especialmente evocado o discurso que pronunciou o 1 de febreiro de 1888 con motivo da inauguración da Escola de Artes e Oficios (A. Milón y Reales, 1890b). Joaquín Díaz de Rábago, entón presidente da Sociedade, fora nomeado director da mesma -con carácter de Delegado Rexio- (A. Milón y Reales, 1890b).
En 1888, a Real Sociedade proxectou levantar un monumento a Casares (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 11, V, 1888). Neste sentido, o previsto era facer un concurso para seleccionar un plan (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 2, VI, 1888). Tamén se pon en marcha unha subscrición pública para erixir tal monumento “ao notable químico galego Sr. D. Antonio Casares” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 16, VI, 1888). Sábese, ademais, que por 1888 se chega a facer o bosquexo dese monumento por parte do escultor Sanmartín; a prensa do momento di que será fundido en bronce e colocado nunha praza pública (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 11, VIII, 1888).
O retrato que forma parte da galería da Real Sociedade, datado en 1895, nada ten que ver co aspecto que tiña cando foi director da Sociedade (Vid E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010, pp. 22-25). Consérvase unha fotografía súa de cara a 1850 (M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano 2012, p. 56). Preséntanolo con pelo negro e sen as longas patillas que aquí o distinguen e que son as que tiña nos últimos anos da súa vida, nunha imaxe próxima á que pode verse no retrato que uns anos antes -cara a 1880- realizou Mateos (J. M. Monterroso Montero, M. Gerveno, 2002, pp. 34-35). E, tamén, a que J. Pando fixo del en 1888 con motivo do seu falecemento no semanario Café con Gotas (M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano 2012, p.14).
Ata tempos recentes, a Universidade de Santiago non se ocupou de deixar constancia dos seus reitores a través de retratos. Este, de 1891, foi valorado pola prensa local por “...o seu exacto parecido” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 9, XII, 1891 e 27,VIII, 1891). Entón é cando o pintor Juan Mateos abre o seu estudio en “Fonte de San Miguel, número 7”. Alí exhibe tanto cadros orixinais coma copias e ofrécese a realizar “retratos ao óleo por módicos prezos” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 19, XII, 1891 e 27, VIII, 1891). Máis tarde, a reitoría acepta un busto de “D. Antonio Casares” cuxo bosquexo en xeso fora realizado polo xa mencionado escultor Sanmartín de la Serna (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 18, III, 1894).
Consérvase, ademais, un retrato seu na facultade de Medicina compostelá que tan só nos permite ver o seu rostro, caracterizado coas súas longas patillas. Aínda sendo profesor de Farmacia, as súas achegas no concernente á anestesia xustifican esta presenza máis que o feito de que fose un dos reitores. Móstranolo máis novo ca no que se lle realiza para a Real Sociedade Económica.
Pode ser obra de cara a 1855-1860, quizais relacionado con Dionisio Fierros, que vive en Galicia entre 1855 e 1858. Polo tamaño que ten (24,5 x 19) parece un apuntamento realizado para acometer posteriormente un retrato de maior tamaño. Tamén se sabe que en 1891 o pintor “D. Juan Pintos” expuxo un retrato ao óleo do “Sr. D. Antonio Casares” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 27, X, 1891). Cabe relacionar tal dato con esta pintura? O descoñecemento da obra de Pintos non permite asegurar nada respecto diso (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 135-136, 204, 379).
M. Bermejo Patiño, 1993: M. Bermejo Patiño, “Casares Rodríguez, Antonio”, en X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galícia. Autores, 1868-1936, Sada- A Coruña (Ediciós do Castro), 1993, pp. 69-71.
M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano 2012: M. R. Bermejo Patiño, R. Cid Manzano (Antonio Casares), Boletín das Ciencias, XXV, 75 (2012).
A. Casares Rodríguez, 1850: A. Casares Rodríguez, Oración leída en la Universidad de Santiago en la solemne apertura del curso académico de 1850 a 1851 por el Doctor D… Catedrático de Química y Decano de la Facultad de Filosofía, Santiago (Impresa de Orden de la Universidad, Imprenta de D. Juan Rey Romero), 1850.
B. Cores Trasmonte, 2001: B. Cores Trasmonte, A Tuna de Santiago, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2001.
E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos pictóricos, Santiago de Compostela (Real Sociedad de Amigos del País de la Ciudad de Santiago), 2010.
X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, 1993, X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galícia. Autores, 1868-1936, Sada- A Coruña (Ediciós do Castro), 1993.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela (Andavira Editora), 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
A. Iglesias Diéguez, 1999: A. Iglesias Diéguez, Historia do Pensamento Antropolóxico en Galicia, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1999.
L. Máiz Eleizegui, 1952: L. Máiz Eleizegui, Estudio biobibliográfico del doctor don Antonio Casares y Rodríguez : catedrático de Química General de la Facultad de Ciencias de la Universidad de Santiago y organizador y primer Decano de la Facultad de Farmacia de la misma Universidad, Madrid (Real Academia de Farmacia), 1952.
L. Máiz Eleizegui, 1961: L. Máiz Eleizegui, Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (cien años de vida de la Facultad) 1857-1957, Santiago de Compostela (Facultad de Farmacia), 1961.
A. Milón y Reales, 1890a: A. Milón y Reales, “Al Excmo. Sr. D. Antonio Casares. Rector de esta Universidad” , en Memoria estadística del curso 1888 a 1889 y 1889 á 1890, Santiago (Imprenta de José M. Paredes), 1890, 4 pp.
A. Milón y Reales, 1890b: A. Milón y Reales,“Escuela de Artes y Oficios” , en Memoria estadística del curso 1888 a 1889 y 1889 á 1890, Santiago (Imprenta de José M. Paredes), 1890.
J. M. Monterroso Montero, M. Gerveno, 2002: J. M. Monterroso Montero, M. Gerveno, “D. Antonio Casares y Rodrigo (rector da Universidade de Santiago em 1880)”, en (Catálogo de Exposición), Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo", Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2002, pp. 34-35.