Bandexa de nácar

Autoría descoñecida
Ana Pérez Varela

Bandexa redonda, a alma feita de madeira sobre a cal está incrustada unha decoración de nácar e outras pedras ámbar e azuis. Posiblemente de orixe filipina. Pertencía ao Gabinete de Curiosidades creado en 1841. Está datada na época de Filipe IV (1606-1665).

Esta bandexa, datada no século XVII, presenta alma de madeira de forma circular e está completamente cuberta de incrustacións de materiais preciosos. Os adornos seguen unha disposición xeométrica radial, cun centro formado por unha gran pedra de ámbar cinguida de perlas, da que inician os radios, partidos á súa vez por un anel concéntrico que marca o arranque da ampla beira. Ornaméntanse todos estes con incrustacións de pequenas pedras, e especialmente nácar, constituíndo formas -tiras, trapecios, triángulos-, que lle outorgan á peza un aspecto claramente xeométrico.

O nácar, tamén chamado madreperla, é unha substancia naturalmente presente na coiraza dalgúns moluscos -haliótidos, nautilinos, etc.-, de gran beleza polos seus reflexos iridescentes, semellantes aos da perla, material tamén presente na bandexa. A obra, que pode estar relacionada con varias culturas asiáticas -Oriente Próximo, Filipinas, etc.-, responde ao gusto dos gabinetes de curiosidades polas incrustacións de materiais preciosos e exóticos.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000278
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Bandexa de nácar
Data: século XVII
Dimensións: 
Diámetro: 30 cm
Materiais: 
Madeira
Minerais
Outros