Bóla de Cantón 2

Autoría descoñecida
Ana Pérez Varela

Bóla de Cantón en marfil tallado de estilo Netsuke. Son esferas caladas concéntricas, unha dentro da outra a partir dunha bóla compacta. Este exemplar está adornado con estilizacións vexetais de carácter naturalista. Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Entre os obxectos máis curiosos do Gabinete de Curiosidades da Universidade de Santiago de Compostela están dúas bólas de cantón ebúrneas de orixe chinesa. Este xogo popularizouse enormemente no século XIX e principios do XX como un obxecto preciosista moi exportado cara a Occidente, especialmente pola beleza da súa factura. Tradicionalmente atribúeselle a orixe das bólas de cantón á cidade portuaria de Cantón -China-, que lles dá o nome, urbe coñecida pola súa mestría na talla do marfil (H. de Morant, 1980, p. 87). Están formadas por varias esferas superpostas que se moven independentemente as unhas das outras, en diferentes tamaños e materiais, sendo as máis habituais de madeira, pero tamén as hai de xade, esteatita ou, coma neste caso, marfil. Trátase dun crebacabezas que consiste en aliñar perfectamente as esferas que a forman para que se poida introducir un palillo dun lado ao outro, actividade que resulta ben complexa en exemplares que chegan a ter ata trinta e corenta esferas superpostas, polo que se coñece como o cubo de Rubik chinés.

Nas bólas de cantón conservadas que podemos admirar hoxe en moitas coleccións, as esferas interiores adoitan decorarse con delicados campos de adornos xeométricos ou minuciosas ornamentacións vexetais, mentres que nas exteriores é habitual que se despregue un maior virtuosismo, chegándose a tallar mesmo pequenas aldeas, paisaxes ou dragóns entrelazados. As bólas poden ir acompañadas dun soporte do mesmo material en forma de balaustre alargado que remata na súa base cunha figura antropomórfica ou animal, que non se conservou en Santiago en ningún caso.

O marfil, a materia que conforma os cairos dos elefantes, foi tallado desde a Antigüidade para realizar pezas artísticas, polo seu brillo, tacto e textura, ademais da riqueza intrínseca derivada da súa escaseza e a dificultade de extracción (M. Estella, 1994, p. 435). Podemos relacionar esta peza coa moda dos netsuke xaponeses -ne (raíz) + tsuke (fixar)-, pequenas esculturas estendidas tamén aos territorios veciños, que teñen a súa orixe no país nipón no período Muromachi -século XIV-. Malia que os elementos máis empregados foron a madeira de buxo, o metal, a arxila, a porcelana, a laca ou, coma neste caso, o marfil, tamén se utilizaron dentes e cornos doutros animais, bambú, xade, ágata, coral e outras pedras ricas.

A técnica para levar a cabo estas esferas é moi minuciosa e require de gran precisión, xa que son talladas nunha soa peza de marfil macizo á que se lle realizan buracos e logo desde estes, con ferramentas en forma de L, vanse cortando as esferas interiores para que se poidan mover por elas mesmas. Isto explica que fose a esfera exterior a que podía despregar unha maior suntuosidade decorativa, xa que o resto se tallaba a través de pequenos buracos.

M. Estella, 1994: M. Estella, “La talla de marfil”, en A. Bonet Correa (dir.), Historia de las artes aplicadas e industriales en España, Madrid, Cátedra, 1994, p. 435.

H. de Morant, 1980: H. de Morant, Historia de las artes decorativas, edición orixinal 1970, Madrid, Espasa-Calpe, 1980, p. 87.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000172
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Bóla de Cantón 2
Data: Séculos XVIII-XIX
Técnicas: 
Eboraria
Dimensións: 
Diámetro: 8 cm
Materiais: 
Marfil