Caruncho 7-12
Dentro das súas últimas composicións, atópase este acrílico de Caruncho, unha obra completamente abstracta que se sustenta en base a dous principios: cor e xeometría, débeda da súa vinculación con propostas suprematistas e construtivistas. Neste caso estamos diante dunha serie de seis cadros que unidos forman unha composición; tódalas repiten o mesmo esquema: a superficie pictórica está dividida en tres franxas de cor horizontais e paralelas na que se xoga con distintas tonalidades de azuis, laranxas, amarelos... Sobre estas bandas trázanse unhas liñas en branco e gris que fragmentan a obra xerando planos xeométricos, fracturas e unha enorme tensión á obra, creando a sensación de que se trata dun puzzle.
Correspóndese co cartapacio “Vidreiras para Compostela”, serie limitada integrada por seis pezas gráficas de Luís Caruncho acompañadas por cadanseu poema de Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Xulio Valcárcel.
