Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca
Na súa arquitectura súmase o edificio colexial do século XVI ao que se engade, nos momentos postremeiros desa centuria, a chamada Torre do Reloxo. Despois, co inicio do século XVIII, engadiráselle, cara ao lado sur, un novo espazo dedicado a hospedería. Xa nos anos medios do século XIX, en tempos do lembrado reitor Viñas, disponse un xardín botánico -hoxe aberto ao público- na parte posterior deste conxunto universitario que verá, no século XX, como se acurta tal espazo axardinado na súa parte setentrional para situar aí unha nova á que se destina actualmente a depósito de fondos bibliográficos universitarios.
O propio Alonso de Fonseca poñerá en marcha o que se entende no seu momento como un “Colexio Novo”, dedicado ao apóstolo Santiago Alfeo (A. Neira, 1850: 85-107; A. Odriozola, 1960: 25-35; J. M. Pita, 1960: 21-24; J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso, 2000: 51-96; M. Vázquez, 2001: 525-573). Agora trátase de levantar un edificio nun espazo sito no inicio da Rúa do Franco, onde unha parte do soar era propiedade da súa familia (vid. A. Fraguas, 1995: A. Goy, 1996; J. M. García Iglesias, 2016: 36-39). Tal como se indica na inscrición do claustro, cúmprese deste xeito o desexo de “…que se edificase este Ximnasio na casa do seu avó materno” (Vid. M. C. Díaz, 1996: 330-331; 341-344). A traza da parte máis antiga dátase en 1532 (J. M. García Iglesias, 1995: 30). Despois engadiránselle, xa nas primeiras décadas do XVIII, concretamente cara á parte meridional, a hospedería e o cuarto reitoral; e cara ao norte, “un cuarto para libros”, que cobre o sitio existente entre a Torre do Reloxo (J. M. García Iglesias, 2013a: 38-39) e o Colexio de San Xerome (M. C. Folgar, 1995: 143).
Volvendo á epígrafe do claustro (Vid. C. Almuiña, 1995: 90-97) non deixa de ser rechamante a denominación que se lle outorga, xa que a palabra grega gymnasium debe entenderse como lugar de instrución para mozos; e tamén se di, en relación co devandito lugar, que se levantou “…para que servise de grato solaz ás musas e escorrentase as tebras”, o que leva ao catedrático Cadaval, quen redacta este texto en 1544, a definilo como “inestimable foco de luz”. Pois ben, todo iso outórgalle a este concreto ámbito un sentido humanista digno de mención.
No friso da porta, que desde o claustro conduce ao usualmente denominado Salón Artesoado -a antiga “Xeral de Teoloxía”-, pode lerse a seguinte inscrición: “Alfonsus Foncesa archiepiscopus fundador”. Púxose en relación este sitio, en palabras de Freire e Barreiro, co lugar no que “…parece que naceu o esclarecido prelado e alí mesmo erixíase o altar en que se celebraba a misa solemne todos os anos o martes do Espírito Santo...” (J. M. Fernández, F. Freire, 1885: 217).
A magnificación do fundador (Vid. A. Neira, 1850: 7-17), que se relaciona co propio Erasmo por 1527-1529 (Vid, M. Fernández Varela, 1799: 43-44; P. M. Caravelos, 1902: 326-336), está, polo demais, omnipresente neste Colexio (Vid P. M. Caravelos, 1901-1903: pp. 173-179, pp. 326-336, pp. 547-557, pp. 1901-1903) xa que se nos sinala a súa obra, tamén, no citado friso que rodea o Claustro e que debe lerse en relación co programa de medallóns que o adornan, o cal, tal como indica Monterroso, ben puido ser ideado por Lope Sánchez de Ulloa, reitor e familiar do prelado (J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso, 2000: 96). É probable que quen figura nun de tales medallóns sexa o propio Alonso III de Fonseca. Hai que ter en conta que cando se realiza esta obra, xa morrera aos sesenta anos, e resulta totalmente lóxico que se nos mostre cunha certa similitude a outro en que se representa a Alonso II de Fonseca, na porta de acceso ao claustro, na catedral compostelá (Vid. J. M. García Iglesias, 2013 b: 167). Nese momento interesa presentar ao terceiro dos Fonseca como máis novo, cuestión que aquí non ten sentido; e é que, tal e como indica Monterroso, nesta mesma orde de cousas, “a iconografía do pai e do fillo termina por facerse equívoca” (J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso, 2000: 82).
Na actualidade, boa parte do edificio deste Colexio, fundado por Alonso III de Fonseca na primeira metade do século XVI, utilízase hoxe como Biblioteca Xeral da USC. Tamén conta con espazos dedicados a exposicións, no andar baixo -fundamentalmente, o seu Salón Artesoado, a antiga Xeral de Teoloxía, e a capela-, e na superior, nas ás do claustro. Ademais está aquí o denominado Salón Nobre de Fonseca. Súmase á súa anterior historia colexial a de ser lugar no que se impartiron diversos estudos -Farmacia, Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais (sección de Económicas, 1966)…- que tiveron aquí a súa sede. Tamén a tivo, por un tempo, o propio Parlamento de Galicia, nunha etapa primeira da Comunidade Autónoma de Galicia.
C. Almuiña, 1995: C. Almuiña Díaz, “Estructuras claustrales. Los espacios ocultos de Compostela”, en MARTÍ ARÍS, C. (coord.), Santiago de Compostela como presente, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago), 1995, pp. 90-97.
P. M. Caravelos, 1901-1903: P. M. Caravelos, “Apuntes históricos sobre el colegio de Fonseca”, en L. Zamora Carrete (ed.) Galícia Histórica, I (1901), pp. 173-179; II (1902), pp. 326-336; III (1903), pp. 547-557.
M. C. Díaz, 1996: M. C. Díaz y Díaz, “Álvaro de Cadaval, primer latinista de la Universidad de Santiago: Unas notas”, Cuadernos de estudios gallegos, 43, 108 (1996), pp. 323-359.
J. M. Fernández, F. Freire, 1885: J. M. Fernández Sánchez, F. Freire Barreiro, Guía de Santiago y sus alrededores, Santiago (Imprenta do Seminario Conciliar), 1885.
M. Fernández Varela, 1799: M. Fernández Varela, Oración que a la inmortal memora del Sr. D. Alonso de Fonseca. Arzobispo de Santiago y Toledo… dico…, Madrid (Imprenta Real) 1799.
M. C. Folgar, 1995: M. C. Folgar de la Calle, “Santiago, una ciudad para los estudios universitarios”, en (catálogo de exposición), Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 140-155.
A. Fraguas, 1995: A. Fraguas, O Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago, Instituto de Estudos “Padre Sarmiento”, Universidade de Santiago de Compostela, 1995.
J. M. García Iglesias, 1995: J. M. García Iglesias, “El Colegio de Fonseca”, en (catálogo de exposición) Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 28-39.
J. M. García Iglesias, 2013a: J. M. García Iglesias, “La Torre de Fonseca”, Jael Joyas de Galicia, 5 (2013), pp. 38-39.
J. M. García Iglesias, 2013b: J. M. García Iglesias, Secretos de Catedral. La basílica de Santiago de Compostela a través de los tiempos y espacios, Santiago de Compostela (Alvarellos Editora- Consorcio de Santiago), 2013.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la diosa de Compostela: espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora), 2016.
J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso, 2000: J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso, Fonseca: patrimonio e herdanza. Arquitectura e iconografía dos edificios universitarios composteláns (séculos XVI-XX), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2000.
A. Goy, 1996: A. Goy Diz, “Colegios de la Universidad”, en M. D. Vila Jato (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Estudios, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago-Parlamento de Galicia), 1996, pp. 30-43.
A. Neira, 1850: A. Neira de Mosquera, Monografías de Santiago: Cuadros históricos.-Episodios políticos.-Tradiciones y leyendas.-Recuerdos monumentales.-Regocijos públicos.-Costumbres populares, Santiago (Imp. de la Viuda de Compañel e Hijos), 1850. Cítase desde a edición: Santiago de Compostela (Ara Solis. Consorcio de Santiago), 2000, pp. 85-107
A. Odriozola, 1960: A. Odriozola, “El gran Alonso III de Fonseca: iniciación a su mecenazgo literario y musical”, El Museo de Pontevedra, 14 (1960), pp. 25-35.
J. M. Pita, 1960: J. M. Pita Andrade, “Alonso de Fonseca: párroco de Santa María, protector de las artes”, El Museo de Pontevedra, 14 (1960), pp. 21-24.
M. Vázquez, 2001: M. Vázquez Bertomeu, “El archivo de Alonso de Fonseca III, arzobispo de Santiago”, Estudios mindonienses, 17 (2001), pp. 525-573.