Corpiño verde con fondo amarelo
Obra de madurez de Seoane que representa unha muller de medio corpo inspirada nas campesiñas rurais. Asinada no ángulo inferior esquerdo. Foi doada pola súa viúva, Dª Elvira Fernández López, en 1992.
Liñas negras e cores planas, este é o singular vocabulario gráfico que define a obra de Luís Seoane (1910-1975). Co seu inconfundible estilo persoal, neste lenzo recolle unha desas tantas mulleres, nas que a identidade concreta non é o fundamental, senón máis ben o concepto que suxire. Trátase, de feito, dun retrato en tres cuartos, que parece extraído das escenas de grupos de paisanas galegas que manteñen parolas colectivas mentres descansan dos seus quefaceres, ou daquelas outras que esperan o retorno dos seus homes de Ultramar.
A través dunha linguaxe de mínimos, seguindo a estela de artistas como Castelao, quen emprega recursos similares na elaboración das súas caricaturas, Seoane debuxa sobre un fondo en dúas tintas, amarelo na súa maior parte e laranxa nun espazo marxinal, a figura feminina na que destaca o corpiño verde, como así se pon de manifesto no título. Resulta destacada a unión de ambos os dous planos, o espazo e a muller, pois a cor do fondo mantense no rostro, os peitos e as mans. Ademais, a diferenciación das partes non só se fai co emprego de pequenos, pero suxestivos, trazos en cor negra, senón que é o propio uso de distintas cores o que suxire as transicións. Resulta interesante apreciar como a liña se utiliza como recurso enfático daqueles elementos ou acenos que se queren resaltar. O sistema pictórico desenvolvido por Luís Seoane é brillante, non só porque en si mesmo é marca de artista, senón porque constitúe un bo exemplo do “menos é máis” aplicado ás artes gráficas. Con moi poucos compoñentes, o que mira a obra identifica perfectamente a composición e os elementos que a configuran.
Luís Seoane é un artista polifacético que ademais pode ser considerado como un dos grandes intelectuais galegos. Sendo fillo da emigración, como tantos outros de seu tempo, Seoane regresa a Galicia durante a súa mocidade. En Compostela estudou Dereito, malia que a súa verdadeira vocación estaba orientada a explorar o mundo das Artes.
Ao longo da súa vida desenvolveu a súa faceta artística como pintor, gravador e debuxante, e do mesmo modo que fixo Castelao, compaxinouno co cultivo das letras, practicando teatro e poesía. Non estraña que movéndose neste universo das artes plásticas e as letras destacase en actividades como a ilustración de libros e carteis. Do mesmo xeito, tamén foi promotor de diversidade de actividades culturais nas que o artista sempre procurou manter os lazos de unión co territorio americano, especialmente coa súa cidade natal, Buenos Aires.
De feito, durante os anos da Guerra Civil exíliase na Arxentina. En medio dese contexto será onde coñeza a Maruja Mallo ou Colmeiro. Nestes tempos colabora como ilustrador en xornais, o que lle permite establecer contactos con editoriais que, como a de Losada, aproximan e difunden a literatura das vangardas europeas. De maneira que Seoane tomará contacto desde o exilio arxentino coas novas correntes artísticas do vello continente, coñecendo a obra de artistas como Klee, polo que manifestou grande admiración. No medio de toda esta serie de acontecementos, Seoane é nomeado director da revista Galicia, do Centro Gallego de Buenos Aires. A esta etapa corresponde a publicación de libros ilustrados con debuxos e gravados, como Homenaje a la Torre de Hércules, que foi seleccionado como un dos dez mellores en Nova York.
O recoñecemento a toda a súa traxectoria resulta evidente. Foron numerosas as exposicións individuais e colectivas nas que participou: Venezuela, Buenos Aires e outros países do Sur de América. En Europa, a obra de Seoane expúxose en Francia e Inglaterra. Durante a década dos cincuenta, Domingo García-Sabell achega unha primeira revisión da súa obra e acontecementos como este proxectarán o seu nome por cidades como Nova York ou Madrid. O mesmo sucederá cos recoñecementos e galardóns que se lle outorgan, especialmente na Arxentina ou Bruxelas.
Como outra das súas grandes achegas cabe mencionar a creación do Laboratorio de Formas, en colaboración con Isaac Díaz Pardo e a Fundación do Museo Carlos Maside. Esta carreira imparable intercálase coa elaboración de libros de arte, literatura e poesía. Toda esta actividade é recoñecida nas revisións, estudos, análises e catálogos que se fixeron, coa creación da Fundación Luís Seoane e co soporte doutros museos.
Como trazos destacados da obra do artista, podería dicirse que nesta se aprecia a influencia do Expresionismo e de Picasso. As figuras de Seoane caracterízanse pola síntese no uso de liñas e cores. Desta maneira, o seu estilo e modo de crear imaxes, escenarios e historias resulta elegante e sutil; sinxelo, pero con suficientes datos para identificar as accións e os temas, destacando escenas tradicionais relacionadas cos oficios, a figura da muller, o mar, a mitoloxía; historias, todas elas, nas que a referencia ao ser humano adoita estar presente.
X. Cabido Cid, 1994: X. Cabido Cid, Seoane, 1910-1979. Unha fotobiografía, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1994.
X. Carro, 1994: X. Carro, “Luis Seoane, unha estética da necesidade”, Grial, n.º 122, (1994), pp. 219-233.
X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Luis Seoane y la abstracción”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, pp. 113-117.
D. García Sabell, 1954: D. García Sabell, Seoane, Vigo, Galaxia, 1954.
D. García Sabell (1965): D. García Sabell, Seoane. Grabados, Vigo, Galaxia, 1965.
C. M., 1974: C. M., “O arte de Luis Seoane”, Grial, nº 44, pp. 219-220.
C. Martínez Barbeito, 1981-82: C. Martínez Barbeito, “El pintor Luis Seoane. Hombre de letras”, Abrente, nº. 13-15, (1981-82), pp. 21-36.
C. Otero Vázquez, 1991: C. Otero Vázquez, Luis Seoane, A Coruña, Deputación Provincial, 1991.
M. L. Sobrino Manzanares, 1978: M. L. Sobrino Manzanares, “Luis Seoane ou a integración das artes”, Grial, n.º 59, (1978), pp. 1-7.
M. D. Vila Jato, 1996: M. D. Vila Jato (coord.), O Patrimonio histórico da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela e Parlamento, p. 135.
VV. AA., 1996: Seoane, Buenos Aires, Galería Bonino, 1996.
VV. AA., 1989: Luis Seoane. Mostra antolóxica, A Coruña, Xunta de Galicia, Concello da Coruña, 1989.
VVAA., 2003: Seoane e a vangarda. Os seus mestres, os seus amigos, A Coruña, Fundación Luis Seoane, 2003.
VV. AA., 2004: Homenaje a la Torre de Hercules: 49 dibujos por Luis Seone: [1944-2004] sesenta años de su publicación, A Coruña, Fundación Luis Seoane, 2004.
VV. AA., 2007: Itinerario do trazo: debuxo e ilustración de Luís Seoane, A Coruña, Fundación Luis Seoane, 2007.
VV. AA., 2010: Luís Seoane. Imaxes de Galicia: 72 xilografías orixinais, A Coruña, Consello da Cultura Galega, 2010.