Eduardo Vilariño Magdalena
Este retrato encádrase na galería de presidentes da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, tendo en conta que ocupou tal cargo entre os anos 1906 e 1911. Segue as pautas fixadas noutros precedentes: medio corpo, mirando cara a un lado, fondo neutro e levando no peito a medalla desta institución. Este cadro, asinado por Fenollera, dátase en 1916, ano no que morre o retratado, tamén estreitamente vinculado á Universidade, xa que foi catedrático de Dereito, así como ao Concello de Santiago, do que chegou a ser alcalde.
Nace na parroquia de San Xián de Soñeiro, Sada (A Coruña) en 1868 e falece en Santiago en 1916 (F. Puy Muñoz, 1975, pp. 53-57; C. Carrasco García, 2013). É profesor da Universidade de Santiago desde 1895 e obtén o recoñecemento de catedrático numerario de Elementos de Dereito Natural en 1898. A súa rápida traxectoria académica púxose en relación coa súa militancia política, entre os monteristas (X. R. Barreiro, M. A. Cendón, M. X. Souto, 2002, p. 41). Pronunciou o discurso inaugural do curso 1909-1910 (E. Vilariño Magdalena, 1909).
Formou parte de diversas asociacións compostelás e fixo carreira, tamén, no seu Concello (M. Barral, 2016:12-37): segundo tenente de alcalde (1897-1899) -cargo que o levou a realizar as invocacións perante o Apóstolo o Día da Translación dos anos 1897 (E. Vilariño Magdalena, 1897 ) e 1898 (E. Vilariño Magdalena, 1898), ambas contestadas polo cardeal Martín de Herrera (C. Presas Barrosa, 2000, pp. 177-178, 204-205)-; primeiro tenente de alcalde (1899-1901), presidente da Comisión Municipal de Instrución Pública de Santiago (1897-1901); e alcalde en 1904, ano en que Compostela recibe a visita de Alfonso XIII e en que, unha vez máis, Vilariño será o responsable da invocación do Día da Translación (E. Vilariño Magdalena, 1904), tamén contestada polo cardeal Martín de Herrera (C. Presas Barrosa, 2000, p. 351).
No relativo á súa participación na actividade da Sociedade Económica cabe valorar, entre outras cuestións e en primeiro lugar, a súa incorporación como socio de número en 1891 por proposta de D. Ramiro Rueda Neira; tamén que en 1897 é recoñecido como socio de mérito, segundo figura no expediente que sobre a súa persoa se garda nesta entidade (Arquivo da Sociedade Económica, Cartafol 129.9). Resultou moi importante, nos mesteres que se expoñen desde a Económica, o seu labor en relación coa Exposición Rexional de 1909, xa que foi vicepresidente da súa Xunta Central e un dos asistentes á reunión celebrada en decembro de 1907, na que se propuxo levar adiante esta mostra (J. M. González Monxe, 2010, p. 299; M. Barral, 2010: 142-146).
Estamos ante un elegante personaxe, de pelo encanecido e xeneroso bigote, cunha certa pose fotográfica no encadramento do que se parte, testemuña, por outra banda, da boa man do pintor Fenollera neste xénero.
M. Barral, 2010 : M. Barral Martínez, “O espírito expositivo na época contemporánea e a organización e desenvolvemento da Exposición Regional Gallegal de 1909”, en C. García Martínez, R. M. Méndez García, J. Conde Roa (ed.), Exposición Gallega de 1909. Conmemoración do 1º Centenario. Exposición Regional Gallega. Santiago, 1909, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago, Museo do Pobo Galego, Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento”), 2010, pp. 121-194.
M. Barral, 2016 : M. Barral Martínez, “Eduardo Vilariño Magdalena na realidade monterista de Compostela (1897-1906)”, en (catálogo de exposición) Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2016, pp. 12-37.
X. R. Barreiro, M. A. Cendón, M. X. Souto, 2002: X. R. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Blanco , 2002 “O Século XIX”, em X. R. Barreiro (dir.), Historia da Universidade de Santiago de Compostela, II, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2002.
C. Carrasco García, 2013: C. Carrasco García, “Vilariño Magdalena, Eduardo (1868-1916)”, en Diccionario de Catedráticos Españoles de Derecho (1847-1943). Madrid (Universidad Carlos III de Madrid ), en
J. M. González Monje, 2010: J. M. González Monje, “Os persoeiros da Exposición: apuntes biográficos”, en C. García Martínez, R. M. Méndez García (ed.), Exposición Galega de 1909. Conmemoración do 1º Centenario Exposición Regional Gallega Santiago 1909, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago e Museo do Pobo Galego), 2010, pp. 283-300.
J. Portela, 1909: J. Portela Cantelar, “Recuerdo de un Congreso importante”, Compostela. Revista Literaria Ilustrada de Actualidad, 22 de octubre de 1909, pp. 1-3.
C. Presas Barrosa, 2000: C. Presas Barrosa, Martín de Herrera (1889-1922). El Boletín Oficial Eclesiástico del Arzobispado de Santiago, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 2000.
F. Puy Muñoz, 1975: F. Puy Muñoz, 1975, La Filosofía del Derecho en la Universidad de Santiago: (1807-1975), Santiago de Compostela (Imp. Paredes), 1975.
E.Vilariño Magdalena, 1897: E. Vilariño Magdalena, Invocación pronunciada en la Santa Iglesia Catedral de Santiago el día 30 de diciembre de 1898 por…. como segundo teniente alcalde, presidente interino del Excmo. Ayuntamiento, en el acto de presentar la ofrenda nacional al Patrón de las Españas por delegación de S.M. el rey D. Alfonso XIII y de S.M. la reina regente Dña. María Cristina, Santiago (Escuela tipográfica municipal), 1897.
E. Vilariño Magdalena, 1898: E. Vilariño Magdalena, Invocación pronunciada en la Santa Iglesia Catedral de Santiago el día 30 de diciembre de 1898 por… como segundo teniente alcalde, presidente interino del Excmo. Ayuntamiento, en el acto de presentar la ofrenda nacional al Patrón de las Españas por delegación de S.M. el rey D. Alfonso XIII, Santiago (Escuela tipográfica municipal), 1898.
E. Vilariño Magdalena, 1904: E. Vilariño Magdalena, Invocación pronunciada en la Santa Iglesia Catedral de Santiago el día 30 de diciembre de 1904, por… Alcalde, Delegado-Regio, en el acto de presentar la ofrenda nacional al Patrón de las Españas por delegación de S.M. el rey D. Alfonso XIII, Santiago (Escuela tipográfica municipal), 1904.
E. Vilariño Magdalena, 1909: E. Vilariño Magdalena, Discurso leído en la Universidad de Santiago en la solemne inauguración del curso académico de 1909-1910, Santiago (Imprenta de José M. Paredes), 1909.