Equilibrio xiratorio

Elena Colmeiro González
MIriam Elena Cortés López

Peza escultórica reañizada por Elena Colmeiro na década dos '70. 

A obra de Elena Colmeiro González (1932-2021) constitúe unha boa mostra da práctica escultórica da artista nestes tempos, a década dos setenta. Trátase dunha peza realizada en técnica cerámica de gran formato e constitúe unha interesante reflexión sobre a idea que queda plasmada no seu título. Partindo polo tanto deste carácter conceptual da obra, resólvese a peza, na que a artista busca suxerir esa idea de equilibrio, cun punto de apoio que é a base, durante un movemento que é o que achega a idea de xirar. A hélice que xera suxire non só a acción, senón que propicia que entre en xogo a luz, ao conseguir diferentes efectos e contrastes, que se motivan polo propio xiro da peza, pero tamén polos acabados en parte rugosos e en parte lisos, con brillo ou mate cos que se xoga.

Elena Colmeiro foi unha artista dedicada á escultura, cuxa vocación lle vén de familia. Filla de Manuel Colmeiro, comeza a súa carreira no exilio, xunto a súa familia. A finais da década dos corenta ten a posibilidade de ingresar na Escuela Nacional de Cerámica de Buenos Aires. Este feito marcará definitivamente a súa obra, dado que se acabará convertendo nunha das especialistas máis destacadas na creación de escultura cerámica. Ao largo da súa vida, foi merecedora de varias bolsas, entre as que destaca a da Fundación Juan March, en 1964. Presentou a súa obra a concursos, sendo a gañadora da Medalla de Oro de la Exposición Internacional de Cerámica de Farenza en 1967. Viaxou por numerosos países, o que lle facilitou coñecer diferentes maneiras de traballar a escultura cerámica.

Na evolución da súa profesión, haberá outro feito fundamental: o seu enlace co tamén escultor Jesús Valverde, que lle facilitou poder dispor do espazo adecuado para a execución da súa obra, xa que a familia deste contaba cunha fábrica de vidro e dispoñía de grandes fornos onde poder dar forma e experimentar con cocción de esmaltes e outros materiais.

É nesta década dos cincuenta, na que retorna de América e se establece en Madrid, cando a súa actividade comeza a despuntar e a compartir as inquietudes dun grupo de artistas que experimentaron a arte da Abstracción, que desembocaría no desenvolvemento do Informalismo. A súa obra comeza a experimentar variedades formais non definidas, empregando calquera tipo de elemento de refugallo industrial.

A súa maneira de entender a escultura continuará ao longo das décadas seguintes, engadindo novas exploracións, entre elas as que consegue grazas a unha estadía de investigación no European Ceramics Work Centre de Holanda. A introdución do óxido como recurso estético enriquece as súas esculturas, xunto coa exploración formal e cromática.

Será nas décadas finais da súa carreira cando comece a explorar as posibilidades da materia orgánica, sen saír da Abstracción, pero dando un xiro radical á concepción da súa obra.

Elena Colmeiro foi membro de Honor da Academia Galega. A relevancia do seu traballo demóstrase a través das numerosas exposicións nas que participou en distintos países, a primeira delas na Galería Müller, en 1954. Tamén o fai no seu recoñecemento por parte das institucións, museos e centros de arte de España coa adquisición da súa obra. O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía é exemplo diso.

A. Bonet Correa, 1962: A. Bonet Correa, Elena Colmeiro, Editorial Nacional, Serie de Cuadernos de Arte del Ateneo de Madrid, n.º 94, 1962.

B. Castelo Álvarez, 1993: B. Castelo Álvarez, “Elena Colmeiro”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 204.

VV. AA., 1985: Elena Colmeiro. Cerámicas, A Coruña, Concello de A Coruña, 1985.

VV. AA., 1986: Elena Colmeiro, Barcelona, Ajuntament de Barcelona, 1986.

VV. AA., 1993: Elena Colmeiro, Vigo, Caixavigo, 1993.

VV. AA., 1994: Elena Colmeiro, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.

VV. AA., 2004: Elena Colmeiro, Zaragoza, Caja de Ahorros de la Inmaculada, 2004.

VV. AA., 2007: Elena Colmeiro. Constructora no tempo, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, 2007.

VV. AA., 2014: Elena Colmeiro. Sen título, Pontevedra, Diputación de Provincial y Museo de Pontevedra, 2014.

VV. AA., 2019: Construíndo cos materiais. Elena Colmeiro, 1958-2016, Vigo, Concello de Vigo, Rede de Museos y Casa das Artes.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000686
Autoría: Elena Colmeiro González
Título: Equilibrio xiratorio
Temas: 
Abstracto
Data: 1970
Técnicas: 
Cerámica
Dimensións: 
Alto: 120 cm Longo: 65 cm Ancho: 67 cm
Materiais: 
Calcaria
Óxido