Facultade de Química. Portada

José Ferreiro
José Manuel García Iglesias

A Facultade de Ciencias (agora de Química) levántase na chamada “Residencia”. Encoméndaselle a Jenaro de la Fuente (1961). En certo modo, o arquitecto presenta esta portada evocando a do edificio da Universidade, do que proviña o grupo presidido por Minerva, hoxe aquí situado tras ser retirado do seu lugar orixinal e pasar por diferentes espazos. Ten en conta tamén o estilo ao que responde en xeral a urbanización da “Residencia”, tan vinculada á súa persoa. Foi José Ferreiro quen, seguindo o disposto pola Xunta de Obras da Universidade, levou a cabo este grupo escultórico (1803).

A construción do edificio central da Universidade de Santiago é cuestión ben estudada (Vid. M. C. Folgar de la Calle, 1996, pp. 44-55; J. A. Sánchez García, 1996, pp. 56-59). Conta cun proxecto de Domingo Lois Monteagudo (Vid. José Couselo Bouzas, 1933; pp. 418-422; L. Cervera Vera, 1985, pp. 32-37; E. Guillén Marcos, 1989, pp. 179-205; Francisco Singul, 2001, pp. 127-129 de 1771; A. Goy Diz, F., Pérez Rodríguez, 1996, pp. 178-179, 183). Proxéctase unha fachada principal que dispón aliñadas, tanto a súa propia portada como a da igrexa anexa, o que suporía que esta tería que acurtarse na súa lonxitude (Vid, F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, 1998, pp. 195-232; J. M. B. López Vázquez, 1993, pp. 99-103).

A parte propiamente da Universidade, a principal, remátase en altura cun tímpano triangular en cuxo interior pode verse un escudo da Monarquía entre bandeiras e canóns, sobre o que se pode ver unha coroa real que sobresae encima do tímpano propiamente dito. Catro figuras, dúas a cada lado, completan este conxunto: as catro son mulleres. As máis próximas á coroa móstranse sedentes. Unha é alada e toca unha trompeta -é a Fama- e a outra, tamén cunha trompeta, é quizais Calíope, a musa da poesía épica e a elocuencia. Están de pé as mulleres que se presentan nos vértices do triángulo do tímpano. Unha leva na man unha póla de palmeira e pode ser identificada como a deusa Vitoria, mentres que a outra parece portar unha coroa que cabe supoñer de loureiro e un ramo na man, posiblemente de oliveira, polo cal estamos quizais perante unha representación de Minerva, a deusa da sabedoría.

Por 1773, frei Plácido Caamiña intervén na obra (J.García-Alcañiz Yuste, 1989, p. 92; F. Singul, 2001, p. 129), Esta porase en mans de Miguel Ferro Caaveiro en 1774 ( Vid. J. Couselo Bouzas, 1993, pp. 347-343; M. S. Ortega Romero, 1970, pp.143-164; J. M. B. López Vázquez, 1991, pp.193-207; F. Pérez Rodríguez, 2003, pp. 84-105; ; F. Pérez Rodríguez, 2010). Tras unhas correccións de Ventura Rodríguez, encárgaselle en 1781 a José Pérez Machado (J. Couselo Bouzas, 1933, pp. 520-522). Faise así, mediante poder outorgado por Ferro Caaveiro, para que realice “novos planos por mor do engadido por Ventura Rodríguez”. Posteriormente, por mandato do Real e Supremo Consello de Castela anterior ao 5 de agosto de 1783, realízanse determinados perfís e alzados para a construción da Biblioteca –“a Biblioteca, que foi o primeiro pensamento do Claustro ao trasladarse ao local que se lle concedeu” (J. J. Viñas, 1857, p. 29)- e aulas da Universidade. E, concretamente, a traza “da fachada principal da entrada pola parte de poñente na rúa principal que vai á praza do Mercado onde se pon a Sala de Claustro e a Secretaría” dátase en 1784 e débese a Miguel Ferro Caaveiro (A. Goy Diz, F. Pérez Rodríguez, 1996, p. 206).

Mantense a forma dun gran tímpano triangular, que remata a portada correspondente, incluíndose no seu interior o escudo real tamén rodeado de insignias e canóns. Na parte máis alta do tímpano pode verse unha figura alada tocando unha trompeta; trátase dunha representación da Fama a cuxos pés se atopan uns xenios. Sobre os vértices inferiores do tímpano dispóñense pedestais encima dos que se identifican motivos similares, como se recoñece noutro proxecto posterior do mesmo autor, mostrándonos “o globo e a esfera acompañada de xenios”.

Corresponde igualmente a Miguel Ferro Caaveiro un novo proxecto, datado en 1798, no que se mostra na citada portada “un ático sinxelo, coroado coas Armas Reais, a quen serve de tenantes Minerva e a Eloquencia ou, no seu lugar, outras deidades que se consideran máis alusivas ao asumpto”. A utilización de tenantes é, polo demais, cuestión común na heráldica compostelá do momento (Vid. M. S. García Lorenzo, 1958, pp. 69-77).

Indícase tamén: “Y sobre las Pilastras tuve por combeniente plantar el Globo y la Esfera Acompañada de Genios; porque me ha parecido que las Mathematicas, abrazan todas las ciencias exactas, y algo más. En el Cuerpo Saliente del Ático coloqué un vajo relieve, el Parnaso con las Musas y el Templo de Apolo; para que por estos, u otros modelos alegóricos se venga en conocimiento del destino de este Edificio, y por ellos se evita lo común de las Ynscripciones que principian, y con razón, a desterrarse de semejantes lugares” (A. Goy Diz, F. Pérez Rodríguez, 1996, pp. 214-215, 221). O certo é que este proxecto non gustou á Xunta de Obras da Universidade, o que leva a pedirlle, nese mesmo ano 1798, un novo deseño a Melchor de Prado que tampouco foi aceptado (M. C. Folgar de la Calle, 1996, p. 52).

Hai que dicir que ao longo da obra trazada por Miguel Ferro Caaveiro, está ao seu lado José Pérez Machado, construíndo boa parte dela e tamén que ambos tiveron unha importante relación coa Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago xa que os dous ensinaron Arquitectura e Matemáticas na súa Escola de Debuxo sendo Pérez Machado socio de mérito desta (J. Couselo Bouzas, 1933, p. 520). Tal como indica Couselo Bouzas en relación coa citada Escola de Debuxo, no referente a Miguel Ferro Caaveiro cabe ter en conta o seguinte: “ofreceulle innumerables deseños e propúxolle ser o seu mestre gratuitamente durante a súa vida, cedéndolle todos os libros que posuía de arquitectura á súa morte? “ (J. Couselo Bouzas, 1933, p. 342).

Xa en 1799, ao non aceptarse na súa totalidade nin as propostas de Ferro Caaveiro nin as de Melchor de Prado, tómase a opción de que José Pérez Machado faga unha nova. É entón cando se dispón como “máis útil, económico e arranxado á arte, o frontón” (M. C. Folgar de la Calle, 1996, p. 54). Á hora de completar a arquitectura cun programa escultórico, óptase tamén entre dous memoriais presentados en setembro de 1802: un realizado por Manuel de Prado e outro por José Ferreiro, mostrando cada un deles as condicións á hora de facer a obra (M. C. Folgar de la Calle, 1996, p. 54).

Outra cuestión diferente serían os contidos que se ían representar. Para iso tivéronse en conta unha serie de informes da Xunta de Obras e, ao ser convocado José Ferreiro o 31 de xaneiro de 1803, “instruírono das estatuas que o claustro acordara poñer no frontis do seu edificio”; cuestión que lle foi encomendada polos catedráticos Agustín Vales Vaamonde, de Vésperas, de Leis; e Vicente José de Neira, de Institucións Civís (J, Couselo Bouzas, 1933, pp. 323-324). Así pois, a decisión de que fose a deusa Minerva a que presidise a Universidade desde o alto é cuestión disposta desde a Xunta de Obras e na que os citados catedráticos deberon ter unha influencia importante. Iso non debe levar a pensar, tendo en conta o perfil dos catedráticos citados, que a obra resultante ía marxinar o crecente valor que a ciencia adquiría nestes momentos; figuras como a do matemático Rodríguez supoñían agora a apertura a novos horizontes universitarios ( Vid. F. Díaz-Fierros Viqueira, 1971; pp. 413-416; I. Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez, 2011, pp. 79-82; F. Díaz-Fierros Viqueira, 2013).

Con todo, a propia historia da construción, coas sucesivas trazas previstas, ten indubidablemente un peso á hora de elaborar o novo plan. Así, o esquema xeral de 1784, naquel caso culminado pola figura da Fama, é o que se segue co escudo real inscrito no frontón triangular. En tanto que do trazado por 1798 tómase a imaxe de Minerva, naquela ocasión presentada como unha tenante, en relación co escudo real que o centraba todo.

A Ferreiro daríanlle por esta obra 30.000 reais, coa obrigación por parte da Real Universidade de “desbastar as pedras necesarias na canteira, conducilas e facer as xuntas para a súa unión, colocalas unhas sobre outras para que o escultor e os seus oficiais puidesen traballalas” e “despois de concluídas as figuras no obradoiro, apealas e colocalas no seu lugar será obrigación de Ferreiro; pero dándolle a Universidade as estadas, así como o pago do apuntamento da ferramenta” (J. Couselo, 1933, pp. 323-324). Esta encarga foi descrita como “unha bela estatua de Minerva e grupos de xenios que representan a Astronomía, a Teoloxía e as Matemáticas” (A.Neira de Mosquera, 1845, pp. 250-251). Este repertorio escultórico foi obxecto dun traballo complementario en 1804. É entón cando, concretamente o 24 de xullo, a “Rl. Unibersidad ha hajustado con Dn Placido Fernández, maestro Pintor la pintura de las Estatuas, Escudo Real, Leones y Tablero…” (E. Fernández Castiñeiras, 1991, pp. 221-222). Faise alusión neste mesmo contrato ao branco de chumbo para as figuras e á utilización do dourado nos trofeos. Tamén, e por outro documento de 1805, sábese que o traballo foi realizado. Con todo, en relación coa pintura da inscrición prevista, “que ha poñerse no frontis do edificio... non executou por non encontrarse aberta” (E. Fernández Castiñeiras, 1991, p. 223).

Ferreiro entende a Minerva como unha deusa riseira, cuberta por un casco que evoca a súa condición guerreira, algo que viña subliñado pola existencia dunha lanza que orixinariamente se mostraba en pé, á súa esquerda, mantida de tal modo tras o seu antebrazo. Así pode verse nun plano que nos mostra esta fachada (M. J. Bao Varela, 1995, pp. 386-387). Tamén nunha litografía (M. C. Folgar de la Calle, 1996, p. 53), así como en antigas fotografías realizadas tanto na súa localización orixinal como posteriormente no claustro do Colexio de San Clemente. Sobre o seu peito loce unha medalla sostida por un colar na que se ve unha cabeza disposta de forma frontal que ben podía entenderse como a da Medusa. Tamén foi interpretada como un autorretrato de Ferreiro, sendo descrita así: “Era home enxoito, de pómulos saíntes e fronte despexada; parece respirar bondade e serenidade, aínda que tinguida de suave melancolía” (R. Otero Túñez, 1951, pp. 37-38).

Móstrasenos como protectora da sabedoría, ao estar a acoller ante si a un neno con coidadoso xesto coa súa man dereita, á vez que porta na outra un par de redondas coroas de loureiro. Cinco nenos, a modo de xenios medio nus, poden relacionarse co exercicio do estudo. O máis afastado, á dereita da deusa e sentado sobre nubes, está nunha actitude reflexiva e pode relacionarse con ese libro aberto que mantén coa súa man dereita, en tanto que na esquerda porta o que pode ser un prego ou un caderno dobrado. Aos seus pés, no mesmo inicio do conxunto escultórico, hai unha serie de instrumentos -entre outros, un compás e unha regra-. Á beira deste neno, nunha posición intermedia con respecto a Minerva, hai outro axeonllado en actitude contemplativa con relación á deusa; o seu libro aberto está ante si, abandonado, segundo se desprende dun plano realizado pouco tempo despois de ser montado este conxunto escultórico (M. J. Bao Varela, 1995, pp. 386-387). Debe considerarse este plano, gardado no Arquivo Histórico da Universidade, como un traballo realizado cara a 1836, tal como se indica de xeito manuscrito nunha litografía (M. C. Folgar, 1996, p. 53). En todo caso, é anterior ao ano 1844, momento no que se proxecta a escaleira actual (A. Goy Diz, F. Pérez Rodríguez, 1996, pp. 228-229). Pois ben, este neno tiña tras de si unha frecha -a recoñecer como un elemento solto, como a lanza de Minerva, que debía de estar cravada na base, tras a imaxe-, o que nos leva a entendelo como pertencente á “Lexión de Palas”, na que se consideraban, nunha cronoloxía lixeiramente posterior, aos estudantes integrados no denominado batallón universitario. Con data de 1822 disponse no propio edificio universitario unha placa que así os denomina (J. M. Fernández Sánchez, J. M. Freire Barreiro,1885, p. 230; C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, 1934, p. 80).

Á beira de Minerva, outro neno disponse en actitude de estar a chegar ata tal lugar; trae un libro entre as súas mans e parece ser acollido pola deidade. Entre os dous nenos sedentes que están á esquerda de Minerva, dándolle as costas, móstrasenos un globo terráqueo que podemos relacionar co interese que este tipo de obxectos teñen por entón e que se manterá posteriormente, valorando a súa importancia máis aló do decorativo. Este globo vale tamén como apoio a un posible mapa que está a consultar o infante máis próximo á deusa. Tal tipo de formulación deste conxunto cabe poñelo en relación cos intereses e instrumental que, por aquel entón, se utilizaban na Universidade compostelá. Cando por 1790 se fai un inventario en relación coa Biblioteca, cítanse dous globos, un terrestre e outro celeste, á vez que se alude a adquisicións que habería que acadar: “Unha esfera armilar, un telescopio de gradación montado, unha Machina Phneumática, un microscopio, e outros instrumentos de astronomía, óptica e física, que se encontren” (C. Varela Orol, 2007: 63). O bibliotecario Patiño apunta no libro de novas adquisicións que abre en 1812: “Dous grandes globos que están colocados nos dous extremos do Salón, o celeste e o terrestre... dúas esferas sobre o seu correspondente trípode que están no gabinete, unha do sistema de Tolomeo e a outra de Copérnico” (C. Varela Orol, 2007: 65). A compra dos globos fíxose en París e foron realizados por Delamarche (C. Varela Orol, 2007: 61).

O outro neno, tamén cun mapa ou plano na man, dirixe a súa mirada cara ao ceo, apuntando coa súa man esquerda a algo que parece distinguir no alto. De feito, tal como pode verse no plano anteriormente citado, levaba un óculo nesa man. Na actualidade pode verse como se bota en falta nesa parte do conxunto unha peza coa que se completaba a súa representación. Neste sentido, non debe pasar desapercibido o feito de que se valoramos como foi este conxunto na súa disposición orixinaria, sobre a porta da Universidade, ese ultimo neno está orientado cara ao sur; é dicir, cara ao lugar no que o ceo resplandece con máis intensidade, co sol na súa aparente circulación diaria. A idea da procura da luz, co que iso simboliza, ben puido terse en conta á hora de propoñerse esta composición.

No relativo á parte heráldica, incluída no tímpano triangular, a diferenza de trazas anteriores nas que tan só se consideraba a presenza das armas reais -aquí tamén realzadas pola coroa- mostrábanse aos seus lados e nun tamaño considerablemente menor outros dous escudos que ben poderían corresponderse cos propios de Galicia e da Universidade, aínda que de ser así, estaríase a violar unha norma pola que se impedía o seu uso “sobre as portas exteriores” (A. Milón y Reales, 1895, p. 126). Un león a cada lado gardaban este perdido conxunto heráldico, realizado xa polo seu xenro Vicente Portela (R. Otero Túñez, 1957, p. 8).

Onde cabe o debate, anteriormente sinalado, á hora de elixir o contido deste programa? De que trataron os membros da Xunta de Obras para chegar a esta representación? No momento en que se realiza este conxunto, a Universidade de Santiago está inmersa nunha certa disputa ideolóxica xa que, sendo os estudos habituais e tradicionais os de Canons, Teoloxía, Xurisprudencia e Medicina, agora empezan a ter unha certa relevancia outros tipos de ensino, como é o caso das Matemáticas e da Física Experimental (Vid. R. Sisto Edreira, X. A. Fraga Vázquez, 1996, pp. 23-58; R. Sisto Edreira, M. L., Losada Sanmartín, 2009, pp. 15-30). Así, os estudos de Matemáticas tiveron, entre 1775 e 1792, como catedrático a Luís Marcelino Pereira, un dos promotores da Real Sociedade Económica de Amigos do País (E. Martínez Rodríguez, 1980, pp. 39-40). A presenza dun instrumental como punto de partida de todo o conxunto, dun globo e dun mapa, como centro da outra parte pode, quizais, levar a subliñar esa notabilidade que agora pretende darse ao científico (Vid. F. Díaz-Fierros Viqueira, 1971, pp. 387-423; R. Sisto Edreira, X. A. Fraga Vázquez, 1996, pp. 23-58; P. L. Gasalla, P. Saavedra, 1998, pp. 397-477). E isto é así con independencia de que sexan catedráticos do campo legal os que teñen un certo protagonismo á hora de presentar o programa en cuestión.

O desenvolvemento do proxecto de Velázquez Bosco supuxo, pois, que todo o conxunto escultórico elaborado por José Ferreiro deixase o seu lugar e, tras ser desmontado, houbo que buscarlle un novo destino. Difícil era destruílo cando a prensa compostelá valorara tan altamente o existente; tanto é así que chegara a comparar a monumentalidade do edificio universitario coa do Partenón (J. A. Sánchez García, 1996, p. 59). Por outra banda, o interese manifestado pola conservación das estatuas de Ferreiro por parte da Real Sociedade Económica de Amigos do País -que pretendía que se mantivesen no seu lugar- debeu de ser fundamental á hora de que polo menos a parte das figuras propiamente ditas se trasladasen ao patio de San Clemente “Conservando a súa existencia, non sen padecer traballos e penalidades, grazas a unha alma caritativa que lle deu albergue no claustro de San Clemente” ( J. Couselo, 1933, pp. 323-324), edificio que, entre os anos 1883 e 1945, foi sede da devandita Sociedade (M. Barral Martínez, 2006, p. 84). En tal conxunto tamén se desenvolven nese momento funcións museísticas -o grupo de Minerva “foi trasladado ao Museo de San Clemente” (R. López e López, 1920, p. 114)- xa que desde o ano 1884, ao celebrarse o seu centenario, creouse o denominado Museo Arqueolóxico Central (Vid. A.B. Requejo Alonso, 2001, pp. 273-296; A. B. Requejo Alonso, 2006, pp. 143-153). Aquel vai ser, pois, o destino de Minerva e os xenios que a acompañan; “ostentaba un fermoso e elegante frontón sobre o cal aparecía Minerva coroando os xenios, grupo escultórico de gran valía, está hoxe depositado no Museo da Sociedade Económica de Amigos do País como obra mestra do renomeado artista Ferreiro” (A. Milón y Reales, 1909, p.VI). No entanto, por razóns de espazo, o escudo quedará situado no patio da Universidade (Gaceta de Galícia. Diario de Santiago, 12, I, 1897). A relación co mundo artístico deste espazo de San Clemente faise máis patente entre os anos 1886 e 1945 xa que en todos estes anos estivo, tamén aquí, a sede da Escola de Artes e Oficios (Vid. J. Sousa, F. Pereira, 1988).

Será, pois, nese contexto de condición museística e de centro vinculado coa práctica das artes no que encaixe, por unha banda, un grupo que, tal como ilustra unha fotografía de 1919, se montou cara ao centro do patio seguindo a ordenación orixinaria. Por entón aínda conservaba parte do branco de chumbo que lle outorgaba un certo sentido clásico. Xa noutra fotografía de 1943, -con alumnas do Instituto Rosalía de Castro diante- pode verse como aínda naquel momento o grupo seguía alí pero, xa entón, estaba o granito espido de calquera aditamento.

Ademais, hai que dicir que, en certo xeito, ao irse Minerva a San Clemente non deixaba do todo a Universidade, tendo en conta que os estudos desaloxados pola reforma do edificio central da Universidade tamén tiveron nese antigo colexio a súa localización. É máis, os propios de Veterinaria manteríanse aquí ata 1912 (J. A. Sánchez García, 1996, p. 39). O feito de que en 1939 se sitúe neste lugar -en principio, con condición transitoria- o instituto feminino, propiciaría tanto a marcha da Económica como que, co paso do tempo, esta monumental construción compostelá se dedicase unicamente aos estudos do Ensino Medio (M. J. Enríquez Morales, 2004, pp. 37-39).

En todo caso, a Universidade non deixou de sentir de seu esta Minerva tras abandonar un edificio compartido. Tanto é así que cando Jenaro de la Fuente Álvarez presenta o seu “ante-proxecto” da Residencia de Estudantes en 1930, conta con este grupo para que forme parte dunha fonte monumental que habería de dispoñerse no eixe central de todo o conxunto da Residencia, en liña co estanque central, existente entre os espazos previstos como áreas deportivas (Vid. R. Villares, 2003, pp. 514, 532).

Deste xeito, a obra de Ferreiro recuperaría un protagonismo en clave universitaria, asumindo de novo en certa medida ese papel de introducirnos nun novo espazo universitario. O feito de que o programa de Ferreiro estivese previsto para unha localización alta supoñía que darlle unha localización máis ben baixa, non fose totalmente pertinente. Pola razón que fose o que si pasou é que a Universidade ía recuperar esta obra e transportouna ata o solar da Residencia, á espera dunha nova reutilización. Segundo un testemuño de Antonio Fraguas recollido por X. S. Mariño, “chegou a estar sepultada baixo unha morea de terra para evitar a súa deterioración” (X. X. Mariño, 1991, p. 107).

Tempo despois, por 1951, Otero Túñez, aludindo a este grupo, di que “case non se pode xulgar sobre o seu valor, descomposta como se atopa hoxe, pero os fragmentos son de tal calidade que fan notoria a súa urxente restauración no lugar para o que foi feita” (R. Otero Túñez, 1951, p. 46). Xa en 1957 o mesmo profesor propón en relación coa “espléndida Minerva acrótera da Universidade galega, seica a mellor escultura civil do momento en España”, que “o seu destino non debe ser outro que volver ao lugar para o cal foi feita, con máis motivo parece imprescindible substituír as actuais estatuas de cemento e a restauración non require senón o eficaz desexo dos dous organismos chamados a realizala: a Universidade e o Patrimonio Artístico Nacional” (R. Otero Túñez, 1957, p. 4).

Finalmente, a construción dunha nova Facultade, a de Ciencias, nun dos extremos do espazo da Residencia na zona máis próxima ao ensanche urbano, ía traer de novo a Jenaro de la Fuente. Neste caso, será para construír nesta zona da Compostela universitaria na que uns anos antes, por 1955, levantara o Sanatorio da Esperanza, edificio co que esta Facultade garda unha certa relación de simetría nesta parte do ordenamento urbanístico (Vid. P. Costa Buján, J. Morenas Aydillo, 1989, pp. 57-65; J. Morenas Aydillo, 1994; J. M. García Iglesias, J. M. Monterroso Montero, 2000, pp. 114-115, 116; J. M. González Fernández, 2007). En certo modo, o arquitecto mira á portada do edificio da Universidade do que proviña o grupo, recoñécea na súa estruturación orixinal e, a partir de tal idea, evócaa.

Parece ser que foi o catedrático de Dereito Canónico, Paulino Pedret, quen defendeu esta nova localización para este conxunto. Iso leva ao arquitecto a dispoñelo sobre un pórtico, estruturado por medio de catro columnas lisas de sabor clásico e orde xigante -neste caso, dórica-, aínda cando as dos extremos están embebidas nos corpos laterais da terraza que centra, sobre esa columnata, o grupo en cuestión. Pero non só esta construción parte do que segue sendo o edificio central universitario xa que, tamén, ten en conta o estilo ao que responde en xeral á urbanización da Residencia, tan vinculada á súa persoa.

Esta arquitectura pode considerarse anacrónica e de intención monumentalista (J. M. B. López Vázquez, 1988, pp. 159-160). É, en todo caso, consecuente co contexto no que se inscribe e ata coa cidade e o territorio ao que responde, o que permite, nesta orde de cousas, entendela como afín a ideas semellantes ás do arquitecto Manuel Gómez Román (I. Seara Morales, 1993, p. 349) pero tamén moi próxima a formulacións como as de Pons Sorolla, considerado como un arquitecto-restaurador (Vid. B. M. Castro Fernández, 2007). Pons ten por entón, non só unha especial proxección en Santiago -sobre todo na Catedral (Vid. C. González Martín, 2005, pp. 499-509; R. Méndez Forte, 2007, pp. 213-253)- senón tamén na xeneralidade de Galicia, fundamentalmente en obras vinculadas aos camiños de Santiago (Vid. B. M. Castro Fernández, 2010). Estamos, en definitiva, ante a elección dun modo de facer por parte dun arquitecto que, noutros contextos urbanísticos -é o caso do propio de Vigo-, opta por solucións que cabe considerar máis acordes co estilo propio do seu tempo xa que practica habitualmente solucións racionalistas (Vid. V.V. A.A., 2006; J. M. García Iglesias, 2016, pp. 63-74).

M. J. Bao Varela, 1995: M. J. Bao Varela, “Planimetría del edificio de la Universidad”, en (Catálogo de Exposición) Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 386-387.

M. Barral Martínez, 2006: M. Barral Martínez, “A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. A institución no século XX, en (Catálogo de Exposición) Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela/ 1784-2006, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2006, pp. 81-99.

B. M. Castro Fernández, 2007: B. M. Castro Fernández, Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto-restaurador; sus intervenciones en Galicia (1945-1985), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2007.

B. M. Castro Fernández, 2010: B. M. ., Castro Fernández, El redescubrimiento del Camino de Santiago por Francisco Pons-Sorolla, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 2010.

L. Cervera Vera, 1985: L. Cervera Vera, El arquitecto gallego Domingo Antonio Lois Monteagudo (1723-1786) y su "libro de barios adornos", A Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 1985.

P. Costa Buján, J. Morenas Aydillo, 1989: P. Costa Buján, J. Morenas Aydillo, Santiago de Compostela, 1850-1950, Santiago (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), 1989.

J. Couselo Bouzas, 1933: J. Cousela Bouzas, Galicia Artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX, Santiago de Compostela (Imprenta, Librería y enc. del Seminario), 1933.

F. Díaz-Fierros Viqueira, 1971: F. Díaz-Fierros Viqueira, “Os comenzos da cencia moderna na Universidade compostelana”, Compostellanum, XVI (1971), pp. 387-423.

F. Díaz-Fierros Viqueira, 2013: F. Díaz-Fierros Viqueira, Arte e Ciencia en Galicia. A ilustración científica e técnica, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2013.

M. J. Enríquez Morales, 2004: M. J. Enríquez Morales, “O Colexio de San Clemente de Pasantes e o seu fundador”, en (Catálogo de Exposición) J. M. García Iglesias (dir.), Compostela e o Colexio de San Clemente de Pasantes, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 2004, pp. 29-40.

E. Fernández Castiñeiras, 1991: E. Fernández Castiñeiras, Un siglo de pintura gallega: 1750-1950 (Tesis doctoral inédita dirigida por J. M. García Iglesias), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 1991.

I.Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez, 2011: I.Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez, As Matemáticas e a Astronomia en Galícia, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela, 2011.

J. M. Fernández Sánchez, J. M. Freire Barreiro,1885: J. M. Fernández Sánchez, J. M. Freire Barreiro, Guía de Santiago y sus akrededores, Santiago (Imprenta del Seminario Conciliar), 1885.

M. C. Folgar de la Calle, 1996: M. C. Folgar de la Calle, “El edificio de la Universidad”, en VILA JATO, M. D. (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Estudios, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 44-55.

X. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, 2000: X. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, Fonseca: patrimonio e herdanza. Arquitectura e iconografía dos edificios universitarios composteláns (sécalos XVI-XX), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2000.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

M. S. García Lorenzo, 1958: M. S. García Lorenzo, “Heráldica neoclásica compostelana con tenantes y soportes”, Boletín de la Universidad Compostelana, 66 (1958), pp. 69-77.

J.García-Alcañiz Yuste, 1989: J. García-Alcañiz Yuste, Arquitectura del Neoclásico en Galicia, La Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 1989.

P. L. Gasalla, P. Saavedra, 1998: P. L. Gasalla, P. Saavedra, “Debates renovadores. Do plano de estudios de 1772 ó de 1872”, en BARREIRO, X. R., Historia da Universidade de Santiago de Compostela, I , Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1998, pp. 397-477.

C. González Martín, 2005: C. González Martín, “Las intervenciones de Francisco Pons-Sorolla en la Catedral de Santiago entre 1962 y 1975”, en S. Huerta, (ed.), Congreso Nacional de Historia de la Construcción (4º. 2005. Cádiz). Actas del cuarto Congreso Nacional de Historia de la Construcción: Cádiz, 27-29 de enero de 2005, I., Madrid (Instituto Juan de Herrera), 2005, pp. 499-509.

A.Goy Diz, F., Pérez Rodríguez, 1996: A. Goy Diz, F., Pérez Rodríguez, “Planimetría antigua”, en M. D. Vila Jato (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Catálogo, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 157-232.

J. M. González Fernández, 2007: J. M. González Fernández, El patrimonio arquitectónico de la Universidad de Santiago de Compostela: campus de Santiago 195-2000 (tesis de licenciatura inédita dirigida por A. Garrido Moreno), Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), 2007.

E. Guillén Marcos, 1989: E. Guillén Marcos, “La fortuna de un arquitecto pensionado en Roma: Domingo Lois Monteagudo”, Academia : Boletín de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, 69 (1989), pp. 179-205.

R. López y López, 1920: R. López y López, Santiago de Compostela: Guía del peregrino y del turista, Santiago (Tip. de El Eco Franciscano), 1920.

J. M. B. López Vázquez, 1988: J. M. B. López Vázquez, “El arte contemporáneo”, en Gran Enciclopedia Temática de Galicia. Arte, V, Barcelona (Ediciones Nauta S. A.), 1988, pp. 151-240.

J. M. B. López Vázquez, 1991: J. M. B. López Vázquez, “Un ejemplo de arte efímero gallego: El templo de Jano Cerrado de Miguel Ferro Caaveiro”, Cuadernos de Estudios Gallegos, XXXIX, 104 (1991), pp.193-207.

J. M. B. López Vázquez, 1993: J. M. B. López Vázquez, “El proyecto de Domingo Lois Monteagudo para la Universidad de Santiago”, en J. López Calo (coord.), Estudios sobre Historia del Arte ofrecidos al prof. Dr. D. Ramón Otero Túñez en su 65º cumpleaños, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 1993, pp. 99-103.

X. X. Mariño, 1991: X. X. Mariño, O escultor Ferreiro, Noia, 1991.

E. Martínez Rodríguez, 1980: E. Martínez Rodríguez, “La etapa reformista (1748-1845). Ciencia moderna y centralización”, en M. C. Díaz y Díaz (coord.), La Universidad de Santiago, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1980, pp. 37-47.

C. González Martín, 2005: R. Méndez Forte, “As intervencións de F. Pons-Sorolla na catedral de Santiago de Compostela (1945-1969)”, en X. Leira, López (ed.), Aulas no camiño: diálogos nun camiño da cultura europea, A Coruña (Universidade da Coruña), 2007, pp. 213-253.

R. Méndez Forte, 2007: R. Méndez Forte, “As intervencións de F. Pons-Sorolla na catedral de Santiago de Compostela (1945-1969)”, en LEIRA LÓPEZ, X., (ed.), Aulas no camiño: diálogos nun camiño da cultura europea, A Coruña (Universidade da Coruña), 2007, pp. 213-253.

A.Milón y Reales, 1895, A. Milón y Reales, “Universidad de Santiago”, Boletín Oficial de la Dirección General de Instrucción Pública, 3 (1895), Madrid (Tipografía de los Hijos de M. G. Hernández), 1895, pp. 107-152.

A.Milón y Reales, 1909, A. Milón y Reales, “Ligera reseña histórica de la Universidad Compostelana”, en Memoria acerca del estado de la Universidad de Santiago en el curso de 1907 a 1908, Santiago de Compostela (Establecimiento tipográfico de José Mª Paredes), pp. IV-IX.

J. Morenas Aydillo, 1994: J. Morenas Ayudillo,“Aproximación en el desarrollo urbano del parque de la Alameda y del paseo de la Herradura de la Ciudad”, en La Alameda de Santiago de Compostela. Dibujos de sus arquitecturas por los alumnos de la Escuela de Artes Aplicadas y Oficios Artísticos, Santiago (Consorcio de Santiago), 1994, pp. 9-50.

A.Neira de Mosquera, 1845: A. Neira de Mosquera, “La Universidad de Santiago”, Seminario Pintoresco Español (18, V, 1845), pp. 153-155. Se cita desde …Santiago de Compostela (Ara Solis. Consorcio de Santiago), 2000, pp. 249-254.

M. S. Ortega Romero, 1970: M. S. Ortega Romero, “El arquitecto Miguel Ferro Caaveiro”, Cuadernos de Estudios gallegos, XXV, 76 (1970) pp. 143-164.

R. Otero Túñez, 1951: R. Otero Túñez, “Un gran escultor del siglo XVIII. José Ferreiro”, Archivo Español de Arte, XXIV, 93 (1951), pp. 35-46.

R. Otero Túñez, 1957: R. Otero Túñez, El escultor Ferreiro (1738-1830), 10ª Exposición del Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, Santiago de Compostela (Tip. Seminario), 1957.

C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, 1934: C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, La Universidad de Santiago (el pasado y el presente), Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1934.

F. Pérez Rodríguez, 2003: F. Pérez Rodríguez, “Miguel Ferro Caaveiro”, en PULIDO NOVOA, A. (dir.), Da Ilustración ó eclecticismo, Vigo (Nova Galicia Edicións), 2003, pp. 84-105.

F. Pérez Rodríguez, 2010: F. Pérez Rodríguez, El arquitecto D. Miguel Ferro Caaveyro : (1740-1807) - tesis doctoral dirigida por A. A. Rosende Valdés- 2 vols., Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela), 2010.

F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, 1998: F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, “El proceso constructivo de la fachada principal de la Universidad de Santiago, 1790-1805: su arquitectura y escultura”, Cuadernos de Estudios Gallegos, 45, 110 (1998), pp. 195-232.

A.B. Requejo Alonso, 2001: A. B. Requejo Alonso, “El Museo de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago y su relación con el nacimiento de los primeros museos en Galicia”, Boletín Auriense, XXXI (2001) pp. 273-296.

A.B. Requejo Alonso, 2006: A. B. Requejo Alonso, “Da feira a Exposición no ámbito local. Conservar, expoñer e mirar como condicións para o progreso”, en (Catálogo de Exposición) Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela/ 1784-2006, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2006, pp. 143-153.

J. A. Sánchez García, 1996: J. A. Sánchez García, “De la reforma de Montero Ríos al Estatuto de Autonomía”, en M. D. Vila Jato (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Estudios, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 56-79.

I.Seara Morales, 1993: I. Seara Morales, “Da arquitectura racionalista á arquitectura autárquica”, en J. M.B. López Vázquez, I. Seara Morales, Arte Contemporánea en Galicia. Arte XV, A Coruña (Hércules Ediciones), 1993, pp. 322-513

F. Singul, 2001: F. Singul, La Ciudad de la Luces. Arquitectura y urbanismo en Santiago de Compostela durante la Ilustración, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago), 2001.

R. Sisto Edreira, X. A. Fraga Vázquez, 1996: R. Sisto Edreira, X. A. Fraga Vázquez, “A recepción da ciencia moderna na Universidade de Santiago, 1772-1845: a incorporación da física e da química e qa labor dos colexios prácticos”, Ingenium, 5 (1996), pp. 23-58.

R. Sisto Edreira, M. L., Losada Sanmartín, 2009: R. Sisto Edreira, M. L., Losada Sanmartín, Historia da Física na Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2009.

J. Sousa, F. Pereira, 1988: J. Sousa, F. Pereira, Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela 1888-1988, La Coruña (Excma. Diputación Provincial de La Coruña), 1988.

C. Varela Orol, 2007: C. Varela Orol, A Biblioteca Pública da Real Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007.

R. Villares, 2003: R. Villares, “La ciudad de los “dos apóstoles” ”, en E. Portela Silva (dir.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela), 2003, pp. 477-557.

V.V. AA., 2006: V.V.AA., Jenaro de la Fuente arquitecto. Lenguaje racionalista. Vigo (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.Vigo-Caixanova), 2006.

J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, Anuario (1857), pp. 5-50.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000883
Autoría: José Ferreiro
Título: Facultade de Química. Portada
Temas: 
Arquitecturas e edificios
Data: 1803
Localización: Facultade de Química