Finis Terrae
José Manuel García Iglesias / Silvia Hermida Sánchez
Xurxo Martiño, un artista conceptual pertencente á nova xeración de pintores composteláns que na década dos noventa se decantou por pintar paisaxes urbanas e faros a través dunha pintura matérica, resaltada con diferentes escalas de cor, pigmentos e texturas. Con esta técnica, e grazas á utilización dunha gama cromática que oscilou entre os brancos, os azuis e os negros, o pintor conseguiu producir grandes efectos de luz e sombra.
A carreira artística de Xurxo Costa Pérez, máis coñecido polo seu nome artístico Xurxo Martiño, en honra ao seu irmán falecido, comezou moi pronto. Formouse en escultura e pintura na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Con todo, o seu traballo non foi recoñecido ata o momento no que lle brindaron a oportunidade de mostrar as súas obras nunha exposición colectiva que tivo lugar no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela en 1985.
Posteriormente, decidiu levar a súa produción a diferentes cidades galegas, pero tamén a outras zonas da península como Valencia, e mesmo a zonas fóra de España como Lorient, cidade da rexión francesa de Bretaña. A partir de entón, comezou a recibir galardóns polo seu traballo, como o da Bienal de Pontevedra en 1988 ou o do II Certame de Artes Plásticas de Isaac Díaz Pardo da Coruña en 1991. Con todo, foi o Primeiro premio de pintura José Malvar para novos valores o que o consagrou como artista en 1994.
Actualmente as súas obras, que mostran tanto paisaxes naturais como urbanas, atópanse expostas en diversos museos galegos e algunhas conforman coleccións institucionais moi prestixiosas.
En definitiva, un artista conceptual, perfeccionista e innovador que se pode identificar co novo realismo grazas aos discursos coherentes que establece e nos que mostra unha preocupación constante polos novos medios e técnicas, facendo que apareza sempre nas súas obras un compoñente diferente que renova a actuación creativa.
Díxose del que o seu realismo “pode evocar en nós os ecos agastados que achamos no norteamericano Edward Hopper: retratar o baleiro, o silencio o anonimato da paisaxe…” (A. Castro, 1993: 399); que “parte de posicións nas que unha realidade de condición case fotográfica se combina cun sentido moi vivido da pintura que xustifica eses alongamentos tan seus no mundo do matérico, conseguindo así rechamantes contrastes” (J. M. García Iglesias, 1997); que , no seu caso, “a obra técese ao redor dunha figuración realista, sen tópicos e sen a ‘obsesión polo obxecto’. Nos seus cadros relativízase a realidade e intúese a man do home no silencio e o misterio dos seus edificios e contornas” (M. Rozas, 1997); que “combina técnicas e estilos diferentes para reforzar os contidos simbólicos das súas abatidas paisaxes que nos trasladan a un mundo marcadamente romántico onde seguramente nada é o que parece” (J. Mazorra, 1998: 19): que “sostén o potencial figurativo, asumíndoo como pensamento conceptual, intelectual e creativo” (M. Rozas, 2007: 19); que, en cada unha das súas obras, reside “unha estrutura determinada, non tanto queda, como experimentada e estudada” (X. Lens, A. Otero, 2007: 85).
Esta obra, tras conseguir o premio de Pintura para Novos Valores Xosé Malvar, formou parte da colección da USC. Neste caso, o artista tomou como fonte de inspiración o Faro de Fisterra e a paisaxe que o rodea para poder simbolizar o illamento, o lirismo, a melancolía, a distancia e, tamén, o perigo. Esta idea salientouna coa utilización de cores frías e a aplicación de diferentes materiais, recortes e veladuras na táboa. Con todo isto, Martiño conseguiu distanciarse do espectador e mesmo da realidade, facendo que a obra oscile entre o hiperrealismo e o expresionismo.
Pero ninguén mellor que o propio Martiño á hora de comentar esta obra:
“Sempre xorde nos meus cadros a confrontación entre o controlado e o non controlado, entre o coñecido e o descoñecido, o palpable e o non palpable.
Esta tensión, no tema dos faros, aparece dividida nas tres partes primixenias da tradición grecolatina: terra, auga e aire. A unión desas tres partes establécea a construción humana.
O aire/ceo forman parte do soporte, en realidade son só soporte en si. A zona que ocupa a auga semella máis definida como espazo pero nunca será algo controlable porque aparece tapando un misterio. A terra soe mesturar control e non control. A construción simboliza o poder do home como creador; pequeno demiúrgo dotado só da capacidade de crear artificio” (X. Martiño, 1997).
Da relación do pintor co tema dos faros díxose: “A memoria da infancia deste mundo industrial son os faros de cemento, ferro e vidro, sólidos e duradeiros como unha esperanza certa, para o mariño e para quen en terra teme a incerteza do mar. O faro é unha promesa de seguridade construída por humanos, un lume de semideuses que fura as néboas e desafía aos vendavais; un faro é unha fermosa soberbia de humanos audaces e inxenuos” (S. de Toro, 1998:77).
En calquera caso, como se afirmou noutra ocasión, no concerninte á valoración deste tipo de paisaxes de Martiño, contémplase neste tipo de obra “unha especie de deterioración que permite imprimirlle á superficie do cadro un traballo de calidade certamente importante” (J. M. García Iglesias, 1993:32).
Castro, 1993: A. Castro Fernández, “Os anos noventa”, en X. A. Castro, (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, p. 399.
J. M. García Iglesias, 1993: J. M. García Iglesias, “Dez artistas na Compostela de fin de século”, en (catálogo de exposición) Dez visións da arte compostelá, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago), pp. 31-33.
J.M. García Iglesias,1997: J. M. García Iglesias, “Artistas Galegos”, en (catálogo de exposición) Expresiones y técnicas: Xesús Carballido, Ángel Cerviño, Mª Xosé Díaz, Xurxo Martiño, Simón Pacheco, Lola Solla, Madrid (Xunta de Galicia), 1997. 2 pp.
X. Lens, A. Otero, 2007: X. Lens, A. Otero, Compostelarte, Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia), 2007, pp. 85-96.
X. Martiño, 1997: “(Finis Terrae)” en (catálogo de exposición) Expresiones y técnicas: Xesús Carballido, Ángel Cerviño, Mª Xosé Díaz, Xurxo Martiño, Simón Pacheco, Lola Solla, Madrid (Xunta de Galicia), 1997.
J. Mazorra, 1998: J. Mazorra, “De metáforas, apariencias y otros simulacros”, en (catálogo de exposición) Cercanías. Quintana Martelo-Roberto González- Guerreiro- Xurxo Martiño- Diego Casado, Lugo (Museo Provincial-Diputación Provincial de Lugo), 1998, pp. 16-19.
M. Rozas, 1997: M. Rozas, “Expresiones y técnicas” en (catálogo de exposición) Expresiones y técnicas: Xesús Carballido, Ángel Cerviño, Mª Xosé Díaz, Xurxo Martiño, Simón Pacheco, Lola Solla, Madrid (Xunta de Galicia), 1997. 4 pp.
M. Rozas, 2007: M. Rozas, “A memoria reinventada”, en (catálogo de exposición) Memoria. Pinturas, X. Antón Castaño/Luis Iglesias Diz/ Xurxo Martiño/ Nolo Suárez, Santiago de Compostela (Concello de Santiago), 2007, 17-20
S. de Toro, 1998: S. de Toro, “Melancolía para construir burbujas”, en (catálogo de exposición) Cercanías. Quintana Martelo-Roberto González- Guerreiro- Xurxo Martiño- Diego Casado, Lugo (Museo Provincial-Diputación Provincial de Lugo), 1998, pp. 76-77.