Francisco Asorey

Felipe Criado
José Manuel García Iglesias / Miriam Elena Cortés López

Asorey naceu en Cambados e viviu en Santiago de Compostela desde 1918, ano no que obtén a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina. Neste caso, o vítor parte dun retrato obra de Felipe Criado, datado en 1957. Preséntao no seu obradoiro, con Compostela como fondo. Convértese en vítor en 1969, en razón do enmarcado que recibe, engadíndoselle un texto: “Francisco Asorey/Escultor anatómico de esta Universidad/ (1889-1961)”, seguindo criterios de Ramón Otero Túñez, decano da Facultade de Filosofía e Letras.

Francisco Asorey (Cambados, 1889-Santiago de Compostela, 1961), ademais de ser docente na Escola de Arte Mestre Mateo, foi contratado para a Facultade de Medicina, no seu oficio de escultor, para Anatomía. Desempeña este cargo de escultor anatómico ata a súa xubilación, momento no que se lle renden dúas homenaxes na Universidade, un deles na Facultade na que traballara; o outro, na de Filosofía e Letras (vid. R. Otero Túñez, 1959, pp. 81-83).

Mediante o emprego do vítor, represéntase ao escultor Asorey para lle render homenaxe. Trátase, nesta ocasión, dunha adaptación do retrato que o propio Felipe Criado Martín fai do escultor, presentándoo como mestre, no seu espazo de traballo, acompañado dunha pequena escultura, elemento co que se define a súa actividade artística.

Felipe Criado representa ao escultor galego Francisco Asorey no interior dunha estancia, en postura frontal e tres cuartos, apoiado sobre unha mesa. O lugar podería corresponderse con algún espazo do seu obradoiro, no que aparece na súa parte posterior unha ventá. A través dela pode verse unha paisaxe con algunhas arquitecturas de fondo. Como sucede no retrato de Rosalía, anúnciase a identidade da cidade xacobea, coa axuda do perfil que xeran as torres da catedral compostelá no último plano. Neste caso non so figura a Berenguela, senón as proxectadas por Casas y Novoa para a fachada Oeste.

Malia que non se visualizan instrumentos de traballo, existen tres elementos que nos dan a pista da súa actividade: dous libros que repousan nunha mesa e a escultura dun santo que, polo atributo que porta, un tondo que encerra un año, podería tratarse de san Xoán Bautista. Estes tres obxectos defíneno como mestre escultor, ilustrado.

Neste caso, a cor volve converterse en protagonista, malia que os espazos aínda son definidos, claros e evidentes, malia que a maneira na que se proxecta acusa o emprego da perspectiva aberrante, pola cal a caixa escénica na que se desenvolve a acción se envorca lixeiramente cara ao espectador. En consecuencia, o chan, a mesa e o brazo da cadeira parecen romper directamente a barreira entre o marco real e o representado.

O vítor, como tal, entrará a formar parte do patrimonio universitario a partir dun acordo que se toma na Facultade de Filosofía e Letras e consiste en solicitar á familia do artista un cadro realizado por Felipe Criado en 1957 (Libro de actas cit. Sesión do 17 de novembro de 1968, en R. Otero Túñez, 1970, p. 292). Será xa en 1969 cando se colga nas aulas compostelás aquel retrato (vid. R. Otero Túñez, 1959, pp. 67-68; R. Otero Túñez, 1970, pp. 292-293; R. Estévez, 1995, pp. 562-563; C. Pereira, J. Suárez Otero, 1996, p. 130; M. C. López Calderón, 2007, pp. 101-105). Así pois, foi feito en vida de Asorey e rememorando o obradoiro dun artista que apreciara o valor deste cadro no que, ao fondo, se ve Compostela e no que, ante todo, se fai mención expresa á individualidade do personaxe, seguíndose os ditados académicos aprendidos de Vázquez Díaz (M. C. López Calderón, 2007, p. 101) . O marco co que leva a cabo a remodelación do retrato en vítor combina “o recordo barroco e… as letras do Victor latino, entrelazadas e orladas polas simbólicas follas de loureiro”, á vez que é Mayer quen grava a placa metálica na que se escribe o texto correspondente (R. Otero Túñez, 1970, p. 192).

Aquí, unha lápida lémbranolo desde a seguinte epígrafe: “En lembranza de/ Francisco Asorey/ Escultor anatómico da Facultade (1889-1961). No seu 125 aniversario/ San Lucas 2014 por Candido Pazos”: “A peza concibida por Pazos está elaborada en serpentina con incrustacións de xade, incorporando unha man de azaira con pátina de bronce. A obra destaca a dimensión de Asorey como escultor anatómico da facultade.” (Faro de Vigo, 18.10.2014, en http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2014/10/18/escultor-escultor/1114018.html).

Francisco Asorey, tras a súa morte o 2 de xullo de 1961, será enterrado directamente aquí. Faise no chan, sen monumento algún, próximo á tumba de Brañas. Unha sinxela cruz inscríbese no lousado e abaixo dise, simplemente, ASOREY (vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 329-330, 342, 348-349).

Felipe Criado Martín (1928-2013) naceu en El Musel-Xixón, pasou a súa infancia entre Asturias, Cataluña e Santander, e morreu na Coruña. Establécese en Galicia cando ten nove anos, en Ourense e con posterioridade en Compostela, en tempos da Posguerra e desde aí ata a década de 1970. Durante esa época de 1940 comeza a desenvolver o seu interese pola práctica da pintura, á par que realiza os estudos de Medicina e Anatomía. Este feito propicia que xunto con Francisco Asorey afonde en cuestións como o estudo da anatomía artística, disección e modelado anatómico en escultura (1949-1952). A súa seguinte etapa (1954-1959) virá marcada polo seu ingreso na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.

Os anos sesenta supoñen para o artista e seu afianzamento profesional como profesor, primeiro como catedrático de Debuxo, en Institutos Nacionais de Ensino Medio, para posteriormente ser designado profesor de termo por oposición libre de Anatomía Artística e Debuxo do Natural en Movemento. En 1963 é designado director da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos en Santiago de Compostela. En 1966 conseguirá a cátedra de Debuxo do Instituto Eusebio da Guarda, na Coruña.

En canto á súa faceta como artista-creador pode dicirse que o seu recoñecemento é internacional, participando en numerosas exposicións nacionais como Santiago, A Coruña, Vigo ou Madrid, e internacionais como Los Ángeles -1973-, San Luis Obispo -1974- ou Nova York -1975-. A importancia da obra de Felipe Criado faise evidente por medio do respaldo de numerosos museos e institucións públicas que a acollen: Museo do Pobo Galego, Pinacoteca da Universidade de Santiago, Pinacoteca de la Academia de Bellas Artes, CGAC, Museo Provincial de Lugo, Parlamento de Galicia ou Salomon by Company de Londres. Entre outros méritos destacables, Felipe Criado foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Recibiu a Medalla de Prata da Exposición Trienal de Pintura, Escultura e Gravado de Santiago de Compostela.

Pola súa traxectoria, Felipe Criado Martín engrosa a listaxe de artistas contemporáneos que se inclúen dentro da historia da arte galega. É deses artistas con identidade propia. Os trazos da súa obra identifícana co estilo recoñecido tradicionalmente como Expresionismo Neobarroco. O universo Criado Boado configúrano obras gráciles e alegres. Nesta tarefa súmanse factores como a destreza, coñecementos en composición e modelado, produto da súa formación en estudos anatómicos. Isto permitiulle desenvolver obra puramente gráfica e pictórica. Óleos e murais, debuxos, acuarelas e técnicas mixtas como o linóleo son algunhas das técnicas que practicou.

No tocante ao emprego de temas, parece evidente a súa preferencia polos retratos, especialmente femininos e tamén paisaxes centradas en escenas marítimas. Malia que na súa traxectoria artística, coincidindo co apoxeo da súa carreira profesional -anos sesenta- percíbese un primeiro momento de maior pesimismo, axiña se aprecia un cambio radical, talvez o máis significativo da súa obra, coa recreación dun mundo idealizado, repleto de gozos vitais. Detrás de trazos característicos da súa obra como a inxenuidade e inocencia que desprenden os seus debuxos, suavizados polo emprego da curvilínea, así como o seu gusto pola arte figurativa, acúsase a influencia de artistas mestres no emprego e estudo das cores: El Greco, Zuloaga, Benjamín Palencia ou Matisse foron algúns dos seus referentes.

R. Estévez, 1995: R. Estevez,“Retrato de Francisco Asorey”, en (Catálogo de Exposición), Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 562-563.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 329-330, 342, 348-349.

M. C. López Calderón, 2007: M. C. Calderón, “Artistas para a memoria”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 101-112.

R. Otero Túñez, 1959: R. Otero Túñez, El escultor Francisco Asorey, Santiago de Compostela (Imprenta Paredes), 1959.

R. Otero Túñez, 1970: R. Otero Túñez, “Los últimos vítores de la Universidad Compostelana”, Cuadernos de estudios gallegos, XXV, 77 (1970) pp. 290-298.

C. Pereira, J. Suárez Otero, 1996: C. Pereira, J. Suárez Otero, “Los fondos artísticos”, El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Catálogo, en VILA JATO, M. D. (coord.), Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 83-155.

X. A. Castro, 2014: X. A. Castro, Felipe Criado. Homenaxe, catálogo de la exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.

M. E. Cortés López, 2018: M. E. Cortés López, Pegadas sobre papel: o gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, Ribeira, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, 2014.

F. Criado y M. A. Fernán-Vello, 1987: F. Criado y M. A. Fernán-Vello, Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, Caixa Galicia, 1987.

F. Criado y J. Lens, 2004: F. Criado y J. Lens, Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, 2004.

S. García-Bodaño, 1985: F. Criado y J. Lens, 37 debuxos para un país, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1985.

R. Pereiro y A. Castro, 2000: R. Pereiro y A. Castro, Felipe Criado: pinturas e debuxos: 1989-1999, catálogo de la exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000.

VV. AA., 1985: Felipe Criado. 4 variantes para 14 posibles temas, Oviedo, Centro Regional de Bellas Artes de Asturias, 1985.

VV. AA., 1993: “Felipe Criado” en Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 173.

VV. AA., 1997: Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1997.

VV. AA. 2008: Felipe Criado, Santiago de Compostela, 2008.

VV. AA., 2011: Felipe Criado: dende as vivencias 2007-2010, catálogo de la exposición, Ourense, Diputación Provincial.

VV. AA., 2014: Felipe Criado: inicio de catálogo razonado, 1952-2012, A Coruña, Diputación Provincial.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000100
Autoría: Felipe Criado
Título: Francisco Asorey
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1957
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Sen marco:  Alto: 140,5 cm  Ancho: 95,5 cm Con marco: Alto: 191cm  Ancho: 119cm 
Materiais: 
Lenzo