Francisco Bellot Rodríguez
Retrato pertencente á galería de decanos da Facultade de Farmacia realizada por Felipe Criado. O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña asumiu os custes da súa realización. Asinado no lateral inferior esquerdo: "Felipe Criado/1975".
Don Francisco Bellot Rodríguez naceu en Madrid, en 1911, e morreu na propia capital de España en 1983. Foi decano da Facultade de Farmacia da USC entre 1958 e 1961. Licenciado en Farmacia pola Universidade Central en 1933, formouse en Botánica co profesor don José Cuatrecasas. En 1944, superado un expediente de depuración, consegue a praza de catedrático de Botánica da Facultade de Farmacia da USC, que desempeña ata o ano 1964, cando se marcha á Facultade de Ciencias da Universidade Complutense. Dirixiu tamén, en Compostela, en relación co CSIC, a sección do Instituto Español de Edafoloxía, Ecoloxía e Fisioloxía Vexetal (R. Gurriarán, 2006, p. 720). O seu labor foi decisivo na actualización da Flora Galega, que ten nos seus traballos a referencia indispensable para todas as investigacións que se desenvolveron a continuación. Iniciou os estudos palinolóxicos e cultivou diversos campos da Botánica Farmacéutica, así como outros relacionados por exemplo coa implantación de prados en Galicia. Durante o seu mandato de decano inaugurouse o pavillón novo de Fonseca.
En 1964 trasládase á Universidad Complutense; alí ocupará unha cátedra de Fitografía e Xeografía Botánica na Facultad de Ciencias, na súa sección de Bioloxía. Ademais, por aquel tempo, fora nomeado director do Jardín Botánico de Madrid. É sabido que en “1974 deixou o cargo a petición propia por discrepancias coa reestruturación proxectada no Jardín, no que se ía instalar o Museo de Goya. Tamén daquela dimitiu e devolveu as medallas de conselleiro do CSIC e de Académico da Real de Farmacia, o que lle supuxo o seu illamento ata a súa xubilación” (F. Teixidó Gómez, 2011; F. Díaz-Fierros Viqueira, 2014). Parece ser que, daquela, “a súa conduta cambia bruscamente e, se antes obtivera distincións e cargos oficiais, a partir de entón adopta unha actitude belixerante contra os representantes da ciencia oficial […], o que lle causa un paulatino illamento, que sería xa total coa súa xubilación” (S. Castroviejo, 1983; F. Díaz-Fierros Viqueira, 2014).
O retrato que Felipe Criado fai de Bellot dátase en 1975, nun momento, pois, lixeiramente posterior ao da súa dimisión no Jardín Botánico de Madrid e a ese tempo debe de corresponder, probablemente, a fotografía da que se partiu á hora de captar o seu rostro, cos anteollos afumados e disposto lixeiramente en tres cuartos, deixando ver, mellor, a parte esquerda do seu rostro, posición habitual á hora de fotografalo.
O feito de que se dispoña nun espazo aberto, cunha grande árbore ao fondo remite á súa formación e dedicación aos xardíns botánicos, tanto en Santiago de Compostela como en Madrid. Móstrase nese ámbito coas mans enlazadas nun primeiro plano e sentado nunha cadeira de brazos, consonte o xa feito nos retratos dos decanos González Carreró e Aniceto Charro Arias. Igualmente mantén o uso dun traxe de paisano, nesa liña que López Garabal propuxera no de Pedro Pena Pérez para a galería de decanos da Facultade de Medicina (J. M. García Iglesias, 2016, p. 218).
R. Álvarez Barrera, 1981: R. Álvarez Barrera, “Datos biográficos y bibliográficos del profesor Bellot Rodríguez”, en Trabajos del Departamento de Botánica y Fisiología Vegetal, 11, 1981, pp. 17- 24.
X. A. Castro, 2014: X. A. Castro, Felipe Criado. Homenaxe, catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.
S. Castroviejo, 1983: X. A. Castro, “In Memoriam Francisco Bellot Rodríguez”, en Anales del Jardín Botánico de Madrid, 40, 1, (1983), pp. 3-4.
M. E. Cortés López, 2018: M. E. Cortés López, Pegadas sobre papel: o gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, Ribeira, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, 2018.
F. Criado e M. A. Fernán-Vello, 1987: F. Criado e M. A. Fernán-Vello, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
F. Criado e J. Lens, 2004: F. Criado e J. Lens, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, 2004.
F. Díaz-Fierros Viqueira, 2014: F. Díaz-Fierros Viqueira, “Francisco Bellot Rodríguez”, en Álbum de Galicia, Consello da Cultura Galega, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22237, 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.
J. M. García Iglesias, 2021: J. M. García Iglesias, A Minerva Compostelá. As súas glorias, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
S. García-Bodaño, 1985: S. García-Bodaño, 37 debuxos para un país, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1985.
R. Gurriarán, 2006: Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago, USC, 2006.
L. Máiz Eleizegui, 1961: L. Máiz Eleizegui, Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (cien años de vida de la facultad. 1857-1957), Santiago, Facultade de Farmacia.
R. Pereiro e A. Castro, 2000: R. Pereiro e A. Castro, Felipe Criado: pinturas e debuxos: 1989-1999, catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000.
F. Teixidó Gómez, 2011: F. Teixidó Gómez, “Francisco Bellot Rodríguez”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico, https://dbe.rah.es/biografias/21707/francisco-bellot-rodriguez, 2011.
VV. AA., 1985: Felipe Criado. 4 variantes para 14 posibles temas, Oviedo, Centro Regional de Bellas Artes de Asturias.
VV. AA., 1993: “Felipe Criado” en Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 173.
VV. AA., 1997: Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1997.
VV. AA., 2008: Felipe Criado, Santiago de Compostela, 2008.
VV. AA., 2011: Felipe Criado: dende as vivencias 2007-2010, catálogo da exposición, Ourense, Deputación Provincial, 2011.
VV. AA., 2014: Felipe Criado: inicio de catálogo razonado, 1952-2012, A Coruña, Deputación Provincial, 2014.