Francisco de Aguiar y Seijas

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

Seguindo a tipoloxía de retrato oficial, aquí vemos o que fora reitor da Universidade entre 1668-1674, Francisco de Aguiar y Seijas. Trátase dun retrato de tres cuartos no que o personaxe aparece de pé, frontal ainda que lixeiramente ladeado. Vai vestido, como é tradicional neste tipo de retratos, co hábito episcopal composto por muceta azul, roquete branco e sotana; ó peito leva a cruz reitoral, na man esquerda porta un libro e a dereita está apoiada sobre unha mesa na que se distinguen a beca de colexial, o palio arzobispal branco coas cruces negras bordadas e un bonete. O retratado aparece nun interior, no que vemos á esquerda unha librería e á dereita unha inscrición na que se le: "FRANCISCUS AGUIAR ET/ SEIXAS ARCHIEP. MEXICAN./ REGNIQ. NOV-E HISPANI-E/ GUBERNAT. ET DUX./ EX BRIGANTIO= FLAVIO.".

O seu retrato é, no compositivo, próximo ao concerninte ao do bispo de Quito, malia que resulta máis complexo o tratamento do fondo. Móstrannos os lombos dunha nutrida librería disposta tras unha mesa na que cabe distinguir un bonete e unha estola sacerdotal, así como a beca, sobre a que pousa a súa man. Está en pé, a súa indumentaria é a propia dun prelado e o seu rostro resulta moi semellante ao que pode verse na versión existente na Torre de Illobre e tamén cabe relacionalo con outro, parecido, que garda a Universidade de Santiago (J. M. García Iglesias, 2021, p. 41-43).

Contén un epígrafe que di: FRANCISCUS DE AGUIAR ET / SEIXAS ARCHIEP. MEXICAN / REGNIQ NOVAE HISPANIAE / GUBERNAT. ET DUX / EX BRIGANTIO-FLAVIO. Chama a atención que non se aluda ao tema da súa pretendida santidade e si, en cambio, ao seu papel de goberno, tal como sucede no caso salmantino.

Este retrato atopábase na Biblioteca Pública da Universidade compostelá (J. M. García Iglesias, 2021, p. 41-43) e, despois, na sala de profesores da Facultade de Farmacia en 1956; de alí pasaría a San Xerome, no momento no que se adaptou como Reitoría.

J. M. García Iglesias, 2021: J. M. García Iglesias, A Minerva Compostelá. As súas glorias, Santiago, Universidad de Santiago de Compostela, 2021.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000213
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Francisco de Aguiar y Seijas
Temas: 
Retrato
Masculino
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 127,2 cm Longo: 104 cm Ancho: 8 cm
Materiais: 
Lenzo