Guitarra
Debuxo de Maruja Mallo que representa unha guitarra. Asinado e datado: a. s. d.: "M Mallo - 40"
Tal e como queda reflexado sobre o papel, Maruja Mallo (1902-1995) debuxa Guitarra, no ano 1940. A obra, a primeira vista, acusa a influencia de Picasso, polo menos en canto a temática se refire. Apenas existe unha referencia espacial, alén dunha simple liña de fondo perfilada sobre o papel en branco. A referencia cubista pode verse na fragmentación ou creación de varios perfís do obxecto, aínda que de maneira contida, xa que o instrumento se identifica claramente. A descrición de volumes e perfís suxírese co xogo do grafito sobre o branco. De feito, é a cor negra a que se encarga de crear a imaxe e todo o que a rodea. A obra lembra as caricaturas e debuxos doutros artistas como Castelao ou Seoane. Finalmente, cabe matizar que a obra podería ser tanto un exercicio de debuxo, como unha proba preparatoria para un traballo de maiores dimensións.
Ana María Gómez González, coñecida como Maruja Mallo, reúne na súa figura tres aspectos interesantes. É a artista galega que suscitou desde hai anos un interese destacado no desenvolvemento das vangardas. Os inicios da súa carreira comezan en Madrid, na Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde tivo como profesores aos más sobranceiros artistas do momento, entre eles a Julio Romero de Torres. Neses anos, no contexto da Residencia de Estudantes, relaciónase con personaxes como García Lorca, Buñuel, Neruda, Miguel Hernández, Dalí, Alberti ou Benjamín Palencia, entre tantos outros, gañándose o seu afecto e amizade. Este acontecemento resulta especialmente rechamante, entendendo que Maruja era unha muller entre tantos homes. Maruja debía de ser unha persoa especial, pois xa se gañara a confianza de Ortega y Gasset, ao elaborar e presentar varias das súas ilustracións para a Revista de Occidente. Este será o comezo de máis colaboracións con outras revistas.
A actividade desta muller percíbese non so no que se refire á súa vida social, senón que axiña viaxará cunha bolsa a París, onde entra en contacto directo coas novas correntes artísticas, que definitivamente influirán na súa obra. Nestes anos de goberno republicano, comeza a traballar como profesora na Escola de Cerámica e na Residencia de Estudantes. As súas viaxes e exposicións sucédense, destacando a de Arte Contemporáneo Español, en París.
O conflito bélico que freou, entre outras cosas, o desenvolvemento das artes en España propiciou que Maruja viaxara a América, establecéndose, igual que outros compatriotas galegos, en Buenos Aires. Alí continuará a súa actividade e coñecerá entre outros a Gómez de la Serna, autor da primeira monografía da súa obra, o que en certo sentido revela a fama que estaba tendo esta muller. Nestes tempos expón e pronuncia conferencias en países onde a comunidade galega xa asentara raíces, como consecuencia do fenómeno migratorio.
Axiña coñecerá a obra de André Breton, feito fundamental na elaboración das súas obras, onde se pon de manifesto a preferencia polos códigos surrealistas. Se á capacidade de crear imaxes e narrar historias se lle pode unir a imaxinación da artista, o resultado é unha obra que foi gabada internacionalmente e que a mitificou como artista muller. Son numerosos os museos que teñen obra súa. De feito, en tanto que non se produce o seu regreso, durante os anos do franquismo, o seu traballo foi exposto en España.
Maruja Mallo presenta diferentes mundos, maneiras e realidades. É esa actitude camaleónica a que actúa nas súas obras, produto das súas inquedanzas, da súa maneira de vivir e de estar aberta ao coñecemento constante, do diálogo, da lectura e da súa capacidade para interrelacionar os conceptos. Na súa pintura apréciase a base académica na que se formou, pero esta queda diluída no medio doutra serie de recursos nos que se aprecia a influencia, en ocasións, de Ernst e Dalí. A súa amizade con Diego Rivera non pasará desapercibida no relativo é idea de arte mural. Como sucede coa arte dos grandes mestres da pintura, a pegada de Maruja Mallo está presente en todas as súas obras.
X. R. Barreiro Fernández e B. López Morán, 2016: X. R. Barreiro Fernández e B. López Morán, Maruja Mallo, una memoria en construcción: series y obras desconocidas de la etapa americana, Vigo, Mar Maior, 2016.
X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Maruja Mallo”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 60-63.
M. O. Carnero Vázquez et al., 1995: M. O. Carnero Vázquez et al., Maruja Mallo, la gran ignorada en Galicia, Lugo, Deputación Provincial, 1995.
E. de Diego Otero, 2008: E. de Diego Otero, Maruja Mallo, Madrid, Fundación Mapfre, 2008.
J. L. Ferris, 2004: J. L. Ferris, Maruja Mallo: la gran transgresora del 27, Madrid, Temas de Hoy, 2004.
C. Gándara, 1978: C. Gándara, Maruja Mallo, Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1978.
A. Gómez Conde et al., 2021: A. Gómez Conde et al., Maruja Mallo: Catálogo razonado de óleos, Madrid, Fundación Azcona, 2021.
R. Gómez de la Serna, 1942: R. Gómez de la Serna, Maruja Mallo, Buenos Aires, Editorial Losada, 1942.
F. Huici March e J. Pérez de Ayada, 2009: F. Huici March e J. Pérez de Ayada (eds.), Maruja Mallo, Madrid, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2009.
M. Mallo, 1939: M. Mallo, Lo popular en la plástica a través de mi obra, Buenos Aires, Editorial Losada, 1939.
S. Mangini González, 2012: S. Mangini González, Maruja Mallo y la vanguardia española, Barcelona, Circe, 2012.
VV. AA., 1993: Maruja Mallo, Santiago de Compostela.