Jacobo Gil Villanueva

Manuel Aramburu Núñez
José Manuel García Iglesias

O inicio da constitución dunha galería de retratos de decanos, propia da Facultade de Dereito, coincide co traslado desta ao edificio que hoxe ocupa (J. M. García Iglesias, 2016, p. 223). O decano daquel momento encargoulle a súa posta en marcha ao pintor pontevedrés Aramburu (J. M. García Iglesias, 2012, p, 15-38). Elixíronse daquela os nomes dos que ían contar, nese tempo inicial, cun lugar na devandita galería, sendo Jacobo Gil Villanueva, que ocupa o posto entre 1889 e 1991, o máis antigo dos representados.

O seu autor tivo que ter en conta algunha imaxe deste catedrático de Dereito Civil como a mostrada en Coruña Moderna o 28 de maio de 1905 ou mesmo a que nos presenta a lápida que os seus alumnos lle dedican, encargándolla a Asorey (J. M. García Iglesias, 2016, p. 223). Óptase, neste caso, por unha formulación moi sinxela, de medio corpo, coa muceta vermella de Dereito e a medalla de doutor, buscando o pintor, sobre todo, ser o máis fidedigno posible no tratamento do rostro, delimitado por un fondo neutro. Foi, tamén, reitor da USC entre 1890 e 1891, e posteriormente entre 1904 e 1906. O mobiliario da súa casa gárdase na chamada Casa da Troia (A. López Medina, 2021).

 

J. M. García Iglesias, 2012: J. M. García Iglesias, “Manuel Aramburu na Historia”, en Aramburu: da infancia á madurez, catálogo da exposición, Pontevedra, Museo de Pontevedra, 2012, pp. 15-38.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.

A. López Medina, 2021: A. López Medina, “Gil Villanueva, Jacobo”, en Diccionario de Catedráticos españoles de Derecho (1847-1984), https://humanidadesdigitales.uc3m.es/s/catedraticos/item/14831, 2021.

 

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000415
Autoría: Manuel Aramburu Núñez
Título: Jacobo Gil Villanueva
Temas: 
Retrato
Masculino
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 63 cm Ancho: 63 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Dereito