Jacobo María de Parga

Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
José Manuel García Iglesias

Cabe explicar a encomenda deste cadro en relación cunha importante doazón que fai á Biblioteca da Universidade desde o seu testamento. O personaxe, sentado, ambiéntase en certo modo en Fonseca, xa que se presenta co bastón de mando propio dun reitor, cargo que ostentou, e baixo a súa man dereita vemos a beca vermella, tan característica dos retratos vinculados a ese colexio. O seu peito está adornado tanto pola medalla como pola Gran Cruz da Orde de Carlos III. É un retrato de madurez, indubidablemente inspirado no estilo de Vicente López pero que debe de corresponder a unha autoría de alguén que traballa en Compostela; se cadra, Cancela del Río.

Naceu en Santo Tomei de Vilacoba, A Coruña (1774- 1850) (Vid. A. Meijide Pardo, 1992; A. Gil Novales, 2010, III, pp. 2336-2337; F. Díaz-Fierros Viqueira, 2012). Foi bacharel en Leis en 1793 e en Canons en 1795. No curso 1794-1795 foi membro da Real Academia de Ambos os Dereitos (Vid. A. Meijide Pardo, pp. 30-33). É doutor en Canons en 1798. Nos seus anos en Compostela sufriu un expediente da Inquisición que se inicia en 1795. A causa foi que entre os autores que lía se atopaban Montesquieu, Rousseau e Voltaire. Foi declarado "sospeitoso leve" (Vid. A. Meijide Pardo, 1992, pp. 36-38). Neste contexto naceu a súa amizade con Casiano de Prado (F. Díaz-Fierros Viqueira, 2012). Debe relacionarse co recoñecemento que tivo por parte da Universidade compostelá o feito de que no seu testamento lle cedese fondos para a súa biblioteca (A. Brañas Menéndez, 1885, p. 201; A. Brañas Menéndez, 1889, p. 312; A. Milón y Reales, p. 127). Tras a súa morte, chegou a Santiago “a colección das súas obras, encadernadas co maior luxo, (que) alcanza a cubrir o oco que se botaba de ver na biblioteca do Estudo Xeral de Galicia” (J. de Entrambasaguas, 1941, p. 353. Vid. A. Neira de Mosquera, 1853, pp. 145-150; A.Meijide Pardo, 1992, pp. 119-125).

O seu nome figura entre os impulsores da investigación científica na España do seu tempo. Foi oficial da Secretaría de Facenda desde 1802. Outórgaselle a Gran Cruz de Carlos III en 1814 e foi ministro interino da Gobernación da Península en 1820. Entre os seus cargos cabe citar tamén: Conselleiro de Estado (1821-1823), membro da Xunta Directiva do Crédito Público (1823), Presidente da Xunta de Fomento de Riqueza do Reino (1824), Conselleiro Honorífico de Estado (1828), Ministro do Real Consello de España e Indias (1834), Prócer do Reino (lexislatura 1834-1835) e Senador vitalicio (lexislatura 1845-1846) (Vid. F. Díaz-Fierros Viqueira, 2012).

O retrato que hai na Universidade deste personaxe vinculouse tradicionalmente, e desde antigo, a Vicente López. Contaba xa desde 1834 cun vítor no Colexio de Fonseca. Tamén nese mesmo ano é nomeado Socio de Honra pola Sociedade Económica de Santiago (A. Meijide Pardo, 1992, p. 132).

O encargo deste cadro explícase en relación con esa importante doazón que fixo á Biblioteca da Universidade desde o seu testamento. Pois ben, tal como sinala Meijide, nin no seu testamento de 1830, nin no de 1841 hai constancia de tal doazón, polo que hai que atrasarse a un momento próximo ao da súa morte, en 1850, ano no que, por outra banda, o reitor Viñas encárgalle a Manuel Colmeiro a tramitación do legado en Madrid (A. Meijide Pardo, 1992, p. 119).

Complétase cunha lenda que di JACOBUS Mª DE PARGA/ REGI A CONSILIIS/ ERUDITISSIMUS.

O debuxo de José Pena no que se presentan os dez personaxes máis representativos da centuria da Real Sociedade Económica, que se conmemora en 1884, presenta dous retratos nos que se mostra a Jacobo María de Parga e Puga (denominado na súa base do seguinte modo: Exmo. Sr. D. José Mº de Parga ) e a Ramón de la Sagra. En ambos os casos trátase de personalidades relevantes vinculados coa Económica compostelá que tiveron unha frecuente relación coa mesma enviándolle as súas publicacións.

Jacobo María de Parga y Puga figura, ademais, na relación dos seus socios (C. Fernández Casanova, 1981, p. 428) xa que foi proposto como tal en 1834 -Actas, Xunta 12 xuño 1834, Documento nº 47. Arquivo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago-. Ao explicar o conxunto de personalidades elixidas para o citado debuxo, Barcia dinos que “visitando o pasado ano (1883) a Biblioteca da Universidade o ilustre escritor D. Antonio Cánovas del Castillo, descubriuse respectuoso ante o retrato que daquel nobre bibliófilo posúe a nosa nacente iconoteca” (J. Barcia Caballero, 1884, p. 18 ). Cabe dicir, nese mesma orde de cousas, que cando José Pena parte dunha referencia para facer o seu traballo, o que o anima respecto diso é, precisamente, ese retrato da Biblioteca da Universidade compostelá (J. M. García Iglesias, 2016, pp. 190-192).

J. Barcia Caballero, 1884: J. Barcia Caballero, “Nuestros Grabados·”, El Primer Centenario. Número extraordinario de la Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago. Santiago (Estab. Tip. de la Gaceta, Felipe de la Torre y Cª), 1884, pp. 17-19.

A. Brañas Menéndez, 1885: A. Brañas Menéndez, “La Universidad de Santiago”, Memoria Anuario del Curso 1883-1884, Santiago (Tipografía de Jose Mª Paredes), 1885, pp. 199-209.

A. Brañas Menéndez, 1889: A. Brañas Menéndez, El regionalismo: Estudio sociológico, histórico y literario, Barcelona (Jaime Molinas), 1889. Entre otras reediciones: A Coruña (La Voz de Galicia), 1981; Santiago de Compostela (El Correo Gallego), ; Santiago de Compostela (Fundación Alfredo Brañas), 1999. Citamos desde esta última edición.

F. Díaz-Fierros Viqueira, 2012: F. Díaz-Fierros Viqueira, “Jacobo María de Parga y Puga”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega.

http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=303 [lectura: 29/VIII/2013]

J. de Entrambasaguas, 1941: J. de Entrambasaguas, “Sobre una colección de libros”, Revista de Bibliografía Nacional, II, 3-4 (1941), pp. 343-363.

C. Fernández Casanova, 1981: C. Fernández Casanova, La Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago en el siglo XIX. Un estudio de la organización interna y de su actuación a favor de Galicia, Sada (Ediciós do Castro), 1981.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

A. Gil Novales, 2010: A. Gil Novales, Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid (Fundación Mapfre), 2010.

A. Meijide Pardo, 1992: A. Meijide Pardo, El ilustrado, político y economista gallego Jacobo Maria de Parga y Puga, A Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 1992.

A. Milón y Reales, 1895: A. Milón y Reales, “Universidad de Santiago”, Boletín Oficial de la Dirección General de Instrucción Pública, 3 (1895), Madrid (Tipografía de los Hijos de M. G. Hernández), 1895, pp. 107-152.

A. Neira de Mosquera, 1853: A. Neira de Mosquera, “Donativo del Excmo. Sr. Parga y Puga a la Biblioteca de la Universidad de Santiago”, Seminario Pintoresco Español, 19 (1853), pp. 145-150.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000209
Autoría: Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
Título: Jacobo María de Parga
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1802
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 127,2 cm   Ancho: 104 cm   Fondo: 8 cm
Materiais: 
Lenzo