Jesús Novoa López
Aínda que apenas se coñecen datos do autor, si que se sabe que participou en distintas exposicións rexionais en Santiago con retratos, xénero que domina con mestría. Nesta obra representa a Jesús Novoa López, catedrático de Medicina na facultade compostelá. Seguindo a corrente realista das primeiras décadas do século XX, o retrato está fortemente influenciado pola aparición da fotografía, (xa o autor, xunto a sinatura, sinala que o realiza a partir dunha fotografía) o que trasmitía unha sensación de inmediatez e verismo visible no rostro, logrando unha gran caracterización do personaxe visible na expresión e no bigote. Vai vestido con traxe no que sobresae a medalla peitoral, de medio corpo. O personaxe, aínda que frontal, xira lixeiramente a cabeza cara o seu lado esquerdo ante un fondo neutro. O autor transmite a sensación de profundidade ao xogar coas gamas dos grises no fondo, máis escuro cara o lado esquerdo e aclarándoo no dereito, sobre todo no perfil da figura, froito dunha maior luminosidade.
Foi catedrático de Hixiene Pública e Privada desde 1876 e decano entre 1902 e 1906. Quen o pintou partiu, á hora de facelo, dunha fotografía (A. Franco Grande, 2014, p. 1245; R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014; J. M. García Iglesias, 2016, p. 216).
Séguense os criterios de Tito Vázquez, cos que se configurara a galería de decanos de Medicina. Agora é Fernando Martín Marqués quen o leva a cabo, en 1923; era profesor de Debuxo Artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago, cargo que ocupou entre os anos 1920 e 1930, e estaba considerado un autor próximo a Tito Vázquez; ambos os dous figuran como asinantes no regulamento da Sociedade de Amigos da Arte de Santiago, constituída en 1928 (A. Fraguas y Fraguas, 1974, p. 6; J. M. García Iglesias, 2016, p. 302). Mantense, tamén aquí, o traxe escuro e o tratamento dun rostro ben iluminado, cun graduado claroscuro. Na procura dun apreciable realismo, o pintor detense á hora de mostrarnos as lentes e a súa cadea. Leva sobre o seu peito a medalla de doutor.
A. Fraguas y Fraguas, 1974: “La Sociedad Amigos del Arte. Apuntes para su historia”, en Abrente, (1974), pp. 6-61.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora, 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.
R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014: R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, A galería de decanos da Facultade de Medicina, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.