José Andrey Sierra
A retratística de Tito Vázquez caracterízase polo seguimento das pautas decimonónicas; a fidelidade ao modelo, neste caso Andrey Sierra, é a principal búsqueda no retrato que se evidencia perfectamente no rostro. O pintor sitúa o personaxe case frontal. lixeiramente xirado, é cortado por debaixo do peito; vai vestido cun traxe escuro, sobre o que superpón a banda dourada e branca e unha medalla na chaqueta, ambas da orde de Isabel a Católica; colgada do peito leva a medalla da Universidade. Tito Vázquez centra a importancia na ollada, de aí que o personaxe mire directamente ao espectador e potencia ese efecto por medio dun foco de luz que ilumina o rostro e modela a figura. No relativo á técnica, Tito Vázquez é debedor dun concepto decimonónico caracterizado pola importancia do debuxo e a renuncia a unha pincelada solta, o que deixa ver tamén a influencia de Fenollera. Asinado no a.s.d.: "M. VAZQUEZ/SANTIAGO 1900
Foi considerado este “vicerreitor, decano e pensador da Medicina”, valorándoo como “excelente obstetra, decano responsable e loitador polos intereses da Facultade de Medicina de Santiago, plenamente entregado á causa da mellora da docencia, ás dotacións da mesma e á potenciación da formación práctica dos alumnos” (E. Jiménez, F. Ponte Hernando e J. González Castroagudín, 2013; A. Franco Grande, 2014, p. 707-711).
Séguense neste retrato similares pautas ás do que tamén fora decano Morales Carballo, co que coincide en autoría e data -M. VAZQUEZ / SANTIAGO / 1900-. É presentado, neste caso, con traxe escuro, a medalla da Universidade e a banda e a Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica (R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014; J. M. García Iglesias, 2016, p. 212-214). Mariano Tito Vázquez mostra o seu talento á hora de representar un personaxe recentemente falecido -decano entre os anos 1872 e 1874-, cunha caracterización no seu rostro moi acorde co que pode verse nalgunha fotografía e debuxo que, igualmente, o mostran (E. Jiménez, F. Ponte Hernando e J. González Castroagudín, 2013).
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora, 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.
R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014: R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, A galería de decanos da Facultade de Medicina, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.
E. Jiménez, F. Ponte Hernando y J. González Castroagudín, 2013: E. Jiménez, F. Ponte Hernando y J. González Castroagudín, “José María Andrey y Sierra”, en Álbum de Galicia, Consello da Cultura Galega, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22206, (2013).