Juan Casares Long

Rafael Romero Masiá
José Manuel García Iglesias

Este retrato realízase ao concluír o mandato de Juan José Casares Long como reitor entre os anos 2010 e 2014. Nacido na Coruña en 1950, estudou a Licenciatura de Química en Santiago e doutorouse na Autónoma de Barcelona en Enxeñaría Química. A súa primeira cátedra obtena na Universidade de Sevilla (1988) e, desde alí, trasládase á de Cantabria. Desde o ano 2001 imparte docencia a tempo completo na Universidade compostelá.

É Rafael Romero Masiá, pintor compostelán nado en 1952, quen leva a cabo este retrato. As insignias da Universidade compostelá aparecen a carón da figura do reitor, logrando o artista fixar unha imaxe realista del. Porta o bastón reitoral como atributo identificador das responsabilidades exercidas.

Dirixiu o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) a partir de 1993. En 1997 é nomeado director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Xunta de Galicia (https://gl. wikipedia.org/wiki/Juan_Casares_Long; G. Fernández, 2010).

Rafael Romero Masiá (1953) formouse na Academia de Bellas Artes de Sevilla e exerceu como profesor de Debuxo Artístico na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Compostela ata a súa xubilación. Ao tempo, desenvolveu unha sobresaliente carreira como pintor, con obra abundante e variada que discorre, indistintamente, polos campos do realismo, o expresionismo e a abstracción. O seu coñecemento da arte é profundo e, segundo os temas tratados, os seus referentes son distintos (vid. J. M. García Iglesias, 2003: 336-341).

Unha obra destas características, nun contexto concreto como é, neste caso, o dunha galería de reitores, ten como referente primeiro esa circunstancia. Neste caso, o retrato máis próximo a este é o do reitor Sanz Pedrero, obra de Felipe Criado, artista entre os aquí presentes, máis afín aos gustos e ás formas de Romero Masiá, tamén admirador neste xénero nada menos que de Velázquez, pola súa achega non só no estritamente plástico, senón tamén polo seu talento na captación psicolóxica do personaxe, algo que ocupa e preocupa, tamén, a Masiá. O resultado é a consecución dunha obra ben desenvolvida e cunha calidade expresiva que cómpre destacar.

G. Fernández, 2010: G. Fernández, “Juan Casares Long: reitor da Universidade de Santiago de Compostela”, Eco: revista do Eixo Atlántico, 234 (2010), pp. 20-24

J. M. García Iglesias, 2003: J. M. García Iglesias, “Romero Masiá”, en A. Pulido Novoa (dir.), Artistas Galegos Pintores. Realismos, expresionismos, abstraccións, Vigo (Nova Edicións), 2003, pp. 336-341.

s. a. ; s. a., Juan Casares Long, en https://gl.wikipedia.org/wiki/Juan_Casares_Long

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000888
Autoría: Rafael Romero Masiá
Título: Juan Casares Long
Data: 2014
Dimensións: 
Sen marco: Alto: 98 cm    ancho: 80 cmCon marco: Alto: 116 cm    ancho: 98 cm    fondo: 3 cm