A lenda da serea- Vítor en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos

Menchu Lamas
Laura Carballido Méndez

Obra encomendada pola USC á pintora viguesa Menchu Lamas, con motivo da celebración en 2023 do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Trátase dunha versión actualizada dos tradicionais "vítores" universitarios, sendo esta a primeira ocasión na que a USC lle dedica un vítor, non a unha persoa, senón a todo un colectivo.

Esta pintura en acrílico recolle como personaxe única e protagonista unha gran serea. Entre o carácter abstracto e formal, a artista viguesa reflexa a personaxe marítima como símbolo da heráldica galega estudada por investigadores do Seminario de Estudos Galegos, entre eles Castelao, quen fixo a súa propia proposta do escudo de Galicia con esta imaxe.

A peza distínguese polas súas cores vivas e nítidas a través de longas pinceladas e figuras a priori xeométricas: o triángulo como cabeza, escamas e a monoaleta, xunto cunha silueta redondeada en forma de “C” para simular o corpo da serea. O contorno en negro resalta a intensidade expresiva da serea disposta de forma total e impoñente nun fondo azul, que simularía o mar.

A Lenda da Serea é o primeiro vítor co que a Universidade de Santiago de Compostela homenaxea a todo un colectivo -neste caso ao Seminario de Estudos Galegos- na celebración do seu centenario e non a unha traxectoria individual como é usual.

Menchu Lamas naceu en Vigo en 1954 e, tras vivir un tempo en Venezuela, volve con oito anos a Galicia. Estuda en Madrid Deseño Gráfico e alí coñece a outros artistas como Antón Patiño, con quen formará o Colectivo da Imaxe. Pasará por outras agrupacións como o grupo poético Rompente ou o grupo artístico Atlántica, o cal reactivou a plástica galega a través de exposicións colectivas ao aire libre na Praza Princesa de Vigo. Ademais de Menchu Lamas, outros pintores como Antón Lamazares, Manuel Moldes ou Ángel Huete e escultores como Ignacio Basallo, formaban parte deste gran colectivo. Nestes anos, Lamas comeza unha gran produción artística que dará pé á súa primeira exposición individual na Galería Buades de Madrid en 1982.

Expón por toda España e Europa, tamén en Nova York na Five Spanish Artists e na XVIII Bienal de São Paulo, facéndose un oco en coleccións como o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid ou o Patio Herreriano de Valladolid e culminando o seu labor co recoñecemento do Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010 e posteriormente co ingreso en 2018 na Real Academia Galega de Belas Artes.

A súa obra, entre o figurativo e abstractivo, evolucionou a través de ritmos rupestres e estruturas contemporáneas creando unha linguaxe propia empapada da súa esencia. Figuras recoñecibles e fondos con xogos xeométricos, rostros triangulares, mans redondeadas trazadas en cores vivas, crean unha experiencia artística inmersiva. Como ela mesma admite, estas decisións creativas vense influenciadas polo seu paso por Venezuela, onde comezou o seu amor polo cromatismo vivo así como polos grupos activos aos que pertencía dende os anos 80, sobre todo por Atlántica. Como co-fundadora, a renovación estética e a lóxica sobre as limitacións artísticas, levaron a que Lamas construíra unha gran produción que a elevaría a proxectarse nacional e internacionalmente como a artista galega máis nova do momento e con maior repercusión dentro do circuíto da arte contemporánea.

En grandes formatos, as formas simplificadas contrastan coa densidade das anchas pinceladas e a súa paleta influenciada pola arte Pop. As súas propostas compositivas conseguen xerar un gran impacto visual. Dende o seu comezo ata a súas obras máis recentes, existen formas impregnadas nas súas obras como os círculos ou as espirais. Por exemplo, Os Siameses do círculo (1984) e o Camiño Espiral (2024) comparten o protagonismo destas dúas figuras a pesar de que sexan de distintos momentos da súa carreira. O xogo de texturas é un dos seus elementos claves. En Rotación, de 2012, vemos claramente como, non só volve a protagonizar a peza unha forma circular, senón que cada elemento está suxeito a unha textura diferente: a man que contén unha textura rugosa, que case reproduce a da pel, contra o fondo que se define por cada pelo do pincel.

Polo tanto, vemos unha constante temática e práctica que evoluciona ao longo da súa obra sen perder as raíces que fan de Menchu Lamas unha artista característica, completa e imprescindible para entender a arte dos últimos 40 anos en Galicia.

As sereas pertencen ao imaxinario colectivo galego polas lendas que as recollen. Moitas inciden en que estes animais mitolóxicos atraen os mariñeiros grazas as súas propiedades hipnóticas ou a súa capacidade de sedución. A serea de Fisterra, a serea Orzán ou a Maruxaina de San Cibrao son só algunhas das lendas que recollen narrativas sobre as mesmas.

A tradición oral encárgase de manter vivas estas historias míticas vinculadas ao océano e as súas criaturas. Unha das máis coñecidas corresponde ao romance entre o nobre cabaleiro de Lobeira e unha serea. Os Mariño de Lobeira foron unha das familias nobres galegas máis coñecidas durante a Idade Media e Moderna. Coñecemos o seu comezo dende o século XIII onde aparece por primeira vez citada. Segundo o relato popular, Pedro Froila de Trava, sufrirá un fatal naufraxio nas costas sendo salvado por unha serea que o leva á Illa de Sálvora. Tempo despois do encontro, nacería o alcume de “Mariño” para esta familia. Nesta heráldica é na que se inspira Castelao para facer a súa propia proposta en 1937 do escudo de Galiza, aludindo á grandeza espiritual e social de Galicia.

A proposta de Castelao publicouse no número 6 da revista Nova Galiza. O autor reivindica a orixe das cores da bandeira e a necesidade de trocar o símbolo central eucarístico do escudo tradicional por un que represente a paz e a liberdade. No seu debuxo, unha serea envolve o escudo coa fouce e a estrela vermella de cinco puntas xunto coa frase Denantes mortos que escravos. A composición xorde como símbolo de unión entre labregos e mariñeiros, entre traballo e liberdade e a relación do océano Atlántico cos galegos.

As sereas tamén forman parte da historia da arte galega, protagonizando obras como Sirena alada (1946 ) do pintor Urbano Lugrís (1908-1973), onde a temática mariña deixa espazo en moitas das súas obras á misticidade do mar. A escultura de Márgara Hernández na praia coruñesa do Matadoiro, elaborada no ano 1995, tamén nos recorda a lenda que baña a costa coruñesa e a vitalidade das fábulas no territorio galego.

A Lenda da Serea supón o primeiro vítor dedicado a un colectivo, o Seminario de Estudos Galegos, conformado en boa parte por alumnos, ex alumnos e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Xunto co seu gran labor científico-cultural, o Seminario traballou dende 1923 ata 1936 no Colexio de Fonseca a favor da investigación e difusión do coñecemento e do estudo galego.

Para pertencer ao grupo, segundo os Estatutos aprobados en novembro de 1930, os socios activos deberían presentar unha investigación inédita sobre algún tema galego. Unha vez dentro, tiñan que expoñer un texto ou unha investigación anual. Tanto os artistas como os investigadores, podían ser socios activos á vez que protectores (podían ser persoas ou institucións) achegando unha cota mínima. A pesar de que a maioría eran galegos, como o escritor Manuel Lugrís Freire, o intelectual Otero Pedrayo ou Fermín Bouza Brey, un dos máis fecundos fundadores da Revista Nós, tamén serían partícipes outros ilustres de distintas zonas de España e nacionalidades como a polaca Margot Sponer, investigadora sobre a historia da lingua galega.

O primeiro presidente do Seminario foi, dende a súa creación, Armando Cotarelo Valledor, quen tamén participou activamente nas Irmandades da Fala, dende a súa fundación en 1916 na Coruña, así como moitos outros integrantes, como o poeta Ramón Cabanillas. Tamén se publicaron textos do Seminario na revista Nós, dirixida por Vicente Risco e Castelao, tamén integrantes do Seminario. Entre 1924 e 1936, o SEG editou unha vintena de libros e seis números da revista interdisciplinaria Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

O Seminario de Estudos Galegos foi, dende os seus comezos, unha institución sólida cuns procedementos e un funcionamento regulado dedicado á investigación cara os ocos do coñecemento galego e as ciencias necesitadas pola economía galega. De feito, colaborou con outras institucións científico-culturais máis renovadoras de España de maneira continuada. Cabe destacar o estudo monográfico interdisciplinar sobre as comarcas e parroquias galegas, sendo un proxecto pioneiro no estudo científico de tipo xeográfico en Europa. O papel normalizador do galego como lingua da cultura foi un obxectivo clave do SEG, que de non ser pola sublevación militar de xullo de 1936, podería ter sido maior pola decena de manuais de divulgación da cultura galega dirixidos aos escolares e que quedaron incompletos. Un destes libros sería As cruces de pedra na Galiza de Castelao, un estudo comezado en 1924 sobre os cruceiros galegos e outras cruces en pedra e publicado postumamente co selo da institución dende Bos Aires grazas á editorial Nós.

O Seminario deixou de estar activo en 1936 por mor da forzosa incautación franquista. Co paso da guerra, a pesar da intención dalgúns membros de impedir que os bens fosen espoliados, no 1939 prodúcese a súa extinción total. En 1943, coas bases do SEG creouse o “Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento”, baixo o ”Consejo Superior de Investigaciones Científicas”. Unha nova institución onde irán incorporándose paulatinamente algúns dos antigos membros do Seminario. Fermín Bouza-Brey foi un dos que, aínda con reticencias, veu na nova institución un oco para desenvolver un traballo doutra maneira xa inviábel. De feito, Bouza-Brey realizará un importante labor na consolidación do órgano divulgativo da nova institución a través dos Cuadernos de Estudios Gallegos, onde dará a coñecer, por exemplo, as súas investigacións biográficas sobre Rosalía de Castro.

É así como o Seminario de Estudos Galegos traballou, en menos dunha década, no comezo e no desenvolvemento de investigacións en distintas disciplinas sobre a realidade galega e o galego. Isto supuxo tamén, un proceso de normalización lingüística necesaria para a continuidade e a valoración do galego como lingua académica.

 

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

Lamas, Menchu (2022): ANDA, ven, vuela MUSAC, León

Lamas, Menchu (2021): El viaje del color, sala de exposicións Lonja del Pescado, Alacante

Mato, Alfonso (2018): Semblanza de Seminario de Estudos Galegos (1924- 1936). En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) - EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/seminario-de-estudos-galegossantiago-1924-1936-semblanza-888978/

Rivera Vázquez, Iria-Friné (2023): Todas as mans á obra: O Seminario de Estudos Galegos en Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (PDF de descarga gratuíta)

Seixas Seoane, Miguel Anxo: “A organización do SEG” en Consello da Cultura https://consellodacultura.gal/paxina-area.php?id=9349&arq=4372

Seixas Seoane, Miguel Anxo: “Innovadores dunha tradición” en Consello da Cultura https://consellodacultura.gal/paxina-area.php?id=9348&arq=4372

Villares, Ramón (2023): Lois Tobío: Lembranzando Seminario de Estudos Galegos, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela

Castelo, Daniel (1937): Nova Galiza: Os novos símbolos da nova Galiza ,n6, pp 2, Barcelona

Las sirenas gallegas: leyendas marinas, Bluscus: Galicia Marinera https://bluscus.es/las-sirenas-gallegas-leyendas-marinas/

 

 

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0001180
Autoría: Menchu Lamas
Título: A lenda da serea- Vítor en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos
Temas: 
Alegórico
Data: 2023
Técnicas: 
Acrílico
Dimensións: 
150 cm x 150 cm
Materiais: 
Lenzo