Lope Gómez de Marzoa

Juan José Cancela del Río
José Manuel García Iglesias

O retratado leva unha pluma na destra e a outra man sobre un volume no que pode lerse “Libro de Actas/ (de)l Concejo/ (d)e / Santiago/ (15)01”. Tamén, ao outro lado do tinteiro, vese un protocolo cunha cuberta que di “A. Lopo Gómez / Not(ario)”, identificándose de tal modo ao personaxe. Naceu Lope Gómez de Marzoa cara a 1440 e viviu en Santiago desde os anos 60, falecendo en 1501.

Esta obra, de Cancela del Río, fíxose para ser disposta na Biblioteca. É un recoñecemento feito en 1852, sendo reitor Juan José Viñas, ao momento fundacional da Universidade compostelá na súa condición segrar.

Este retrato encádrase nun momento moi concreto da historia da Universidade compostelá, aquel no que Juan José Viñas Valduvieso é o seu reitor (Vid. J. R. Barreiro Fernández, 1966, pp. 250-251; F. López Alsina, 1998, pp. 799-812). Por outra banda, foi Ano Santo en Compostela, especialmente enaltecido pola presenza dos Duques de Montpensier, como oferentes reais na festa do 25 de Xullo, recibidos tamén nese momento polo reitor na Universidade.

O feito de que Lope Gómez de Marzoa se incorpore agora a esta galería de retratos - na que están xa presentes Diego de Muros III e Alonso de Fonseca- cun cadro obra de Cancela do Río, non deixa de ser un recoñecemento ao momento fundacional da Universidade compostelá na súa vertente laica que tanto tardará en poñerse de manifesto, xa que Compostela non terá un reitor que non parta das filas clericais ata os aínda moi próximos tempos de Lamas Pardo, algo no que pon especial énfase, por certo, o propio reitor Viñas (J. J. Viñas, 1857, pp. 37-38).

Neste retrato preséntase ao personaxe en pé, mirando ao espectador no interior dun despacho que deixa aberta unha xanela cara a un lateral ( J. Couselo Bouzas, 1950, p. 180 ; C. Pereira, J. Súarez Otero, 1996, pp. 118-119; J. M. B. López Vázquez, 2007, pp. 51-59). A indumentaria coa que se adorna o personaxe pretende, aproximadamente, remitilo ao seu propio tempo; en palabras de López Vázquez, “á moda do emperador Carlos”, mesmo na forma de imaxinar a súa face (J. M. B. López Vázquez, 2007, p. 55). Pola súa parte, a composición xeral evoca a Tiziano, aínda que coñece tamén receitas utilizadas por Vicente López (J. M. B. López Vázquez, 2007, p. 55). En todo caso, este é un cadro de fondo carácter historicista, algo que pretende expresar no seu conxunto, mesmo no modo de interpretar o marco da xanela do fondo...

Nun lateral da mesa pode lerse o seguinte: LOPE GÓMEZ DE MARZOA/NOTARIO PÚBLICO DEL CON/CEJO E NUMERO DE SANTº/ UNO DE LOS FUNDADORES/ DE ESTA UNIVERSIDAD EN/ EL DÍA 17 DE JULIO DEL/ AÑO DE 1501. Chama a atención a precisión coa que se achega a data -por certo, 1501, que tamén fora Ano Santo en Santiago-. Quizais, con iso o reitor Viñas -a través da imposición desta lenda- buscase incidir nesa visita de xullo dos duques de Montpensier á Universidade de Santiago, nas orixes dunha universidade que ten no fundacional unha parte do seu carácter civil. Todo iso ten un maior sentido se se ten en conta que naquel mesmo momento García Cuesta, o recentemente chegado arcebispo dese momento, estaba a demandar ante a raíña Isabel II que o Seminario de Santiago adquirise o rango de Seminario Central. O 12 de xuño de 1852 dátase a solicitude que García Cuesta fai a Isabel II; entre as razóns que aduce chama a atención a seguinte: “Aquí hay multitud de graduados en Ciencias eclas. qe con el nuevo arrglo de Unibersidades y estudios se ven defraudados de las esperanzas qe pudieron abrigar al invertir y consumir quizá sus intereses en habilitarse pa el profesorado” (C. García Cortés, 2006, pp. 336-337).

Por outra banda, non é estraño que nese mesmo ano de 1852 Neira de Mosquera dedique un artigo ao Estudo Vello no que, sen ocultar a figura de Gómez de Marzoa, pon especial énfase, desde o propio título utilizado, na relevancia doutro dos seus fundadores: “O Estudo Vello de Santiago. O Bispo D. Diego de Muros” (A. Neira de Mosquera, 1852, pp. 379-381. Vid. J. M. Zepedano, 1870, p. 83; A. López Ferreiro, 1885, pp. 479-493; M. Murguía, 1888, p. 438 ).

Aínda sendo así, a importancia de Lope Gómez de Marzoa na posta en marcha dos estudos universitarios en Compostela xa fora manifestada no século XVIII ao configurarse o escudo da Universidade, presentando nun dos seus cuarteis as armas dos Marzoa. Con posterioridade á concreción desta pintura, en 1868, López Ferreiro aludirá ao “inesquecible Lope Gómez de Marzoa”, en relación coa súa fundación de 1495 (A. López Ferreiro, 1868, p. 78. Vid. J. R. Barreiro Fernández, 1966, pp. 250-251; M. J. Justo Martín, 1995, pp. 102-107). Murguía cita o mesmo documento desde o Arquivo de Simancas - Cont. de Mercedes.- Juros de Carlos V. Leg. 36, fol 25 (M. Murguia, 1888, p. 438. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 192-195).

J. R. Barreiro Fernández, 1966: J.R. Barreiro Fernández, “Incorporación del monasterio benedictino de San Martín Pinario de Santiago a la Reforma de Valladolid”, Compostellanum, XI, 2 (1966), pp. 27-48.

J. Couselo Bouzas, 1950: J. Couselo Bouzas, La Pintura Gallega, A Coruña (Porto y Cia. Editores), 1950.

C. García Cortés. 2006: C. García Cortés, El Cardenal García Cuesta (1803-1873). Un eminente arzobispo compostelano en la España liberal, Santiago de Compostela (Cabildo Catedral de Santiago-Instituto Teológico Compostelano- Seminario Conciliar de Santiago), 2006.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

M. J. Justo Martín, 1995: M. J. Justo Martín, “Lopo Gómez de Marzoa en el origen de la Universidad: 4 de septiembre de 1495”, en en (Catálogo de Exposición), Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 102-107.

F. López Alsina, 1998: F. López Alsina, “Marzoa, Melgar, Muros, Fonseca: de la escuela medieval al estudio universitario en Galicia”, Compostellanum, 43, 1-4 (1998), pp. 797-850.

A.López Ferreiro, 1868: A. López Ferreiro, “Apuntes históricos sobre el monasterio de San Pelayo de Antealtares, de la ciudad de Santiago”, Santiago de Compostela, El Eco de la Verdad, 7, 14 y 28 de marzo; 2, 16,23 y 30 de mayo; 6 de junio de1868 - Se reedita en X. R. Fandiño Veiga (ed.), Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago-Alavarellos Editora) 2010, pp. 31-92-.

A.López Ferreiro, 1885: A. López Ferreiro, Galicia en el último tercio del siglo XV, Santiago de Compostela (Imp. De Jesús L Alende), 1885.

J. M. B. López Vázquez, 2007: J. . B. López Vázquez, “A propósito de tres retratos da colección da Universidade de Santiago de Compostela: O estilo de Cancela del Río e a súas débedas co de Vicente López”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 51-59.

M. Murguía, 1888: M. Murguía, Galicia, Barcelona (Establecimiento Tipográfico- Editorial de Daniel Cortezo y Cª), 1888- Hay dos ediciones fácsimil publicadas una en Santiago de Compostela, (Edicións Salvora), 1985, 2 volúmenes; y otra en Vigo (Edicións Xerais de Galicia - Concello de Arteixo), 2000.

A.Neira de Mosquera, 1852: A. Neira de Mosquera, “El Estudio Viejo de Santiago. El Obispo D. Diego de Muros”, Seminario Pintoresco Español (28, XI, 1852), pp. 379-381. Se reedita en Santiago de Compostela (Ara Solis. Consorcio de Santiago), 2000, pp. 239-248.

C. Pereira, J. Súarez Otero, 1996: C. Pereira, J. Súarez Otero, “Los fondos artísticos”, El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Catálogo, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 83-155.

J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, ANUARIO (1857), pp. 5-50.

J. M. Zepedano, 1870: J. M. Zepedano, Historia y descripción de la Basílica Compostelana. Lugo (Imprenta de Soto Freire), 1870 -Hay una edición fácsimil realizada en Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1999-.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000194
Autoría: Juan José Cancela del Río
Título: Lope Gómez de Marzoa
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1852
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto. 107 cm Longo: 170 cm
Materiais: 
Lenzo