Lope Sánchez de Ulloa

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

Retrato de D. Lope Sánchez de Ulloa, reitor da Universidade entre 1534 e 1545. O personaxe aparece sentado ante un fondo neutro nunha cadeira de madeira. É un retrato frontal lixeiramente xirado, de medio corpo. O personaxe mira de fronte ao espectador e aparece vestido coa vestimenta de fidalgo do século XVI: casaca negra que deixa ver o alzacolo e puños brancos, luvas -signo de poder- e sostén na dereita a beca de colexial vermella. Lenda: "LUPUS SANCTIUS DE ULLOA/ EX COMIT. DE MONTEREI/ CASTELLAE PRAESES".

Lope Sánchez de Ulloa é recoñecido como natural de Santiago de Compostela -ca. 1480-1545-. Era sobriño de Alonso III de Fonseca e pertencía á casa dos condes de Monterrei (A. Fraguas y Fraguas, 1995, p. 205; Iglesias Ortega, 2019, p. 386-391). O seu rol resulta importante á hora de poñer en marcha a fundación de Fonseca tanto por ter un papel na presentación da súa proposta diante do papa Clemente VII como na construción e posta en marcha do Colexio de Fonseca, ao que lle doa a súa librería en 1534 (A. Brañas Menéndez, 1889, p. 311), cando era reitor do Colexio -1534-1545)-. Débeselle a el a contratación como catedrático de Álvaro de Cadaval.

Foi quen, en 1535, propuxo o cambio de lugar, a outro espazo catedralicio, para as tumbas reais sitas na capela de Santa Catalina da catedral de Santiago, onde “quería facer certa memoria” (A. López Ferreiro, 1905, p. 371). A partir do momento no que se lle permitiu, fixo alí novas obras e, en tal lugar, foi enterrado. Murguía cualificou o testamento de Lope Sánchez de Ulloa o Vello, datado en 1544, como “moi curioso”.

O seu retrato móstrao sentado, cuberto, con indumentaria negra e gorgueira branca. Na súa man sostén a beca. Unha inscrición, disposta na parte alta do cadro, di: LUPUS SANTUS DE ULLOA / EX COMIT DE MONTEREI / CASTELLAE PRAESES.

Chama a atención o modo no que dispón a súa man dereita, en actitude de entrega da beca de Fonseca; con este retrato iníciase toda unha serie na que se encadran outros personaxes desa mesma galería propia orixinariamente do Colexio de Fonseca e á que pertencen entre outros os de Cayetano Gil Taboada, Juan García de Vaamonde e Felipe Gil Taboada. Todos eles foron regalados por Manuel Fernández Varela a este colexio (J. J. Viñas, 1857, p. 47; M. Saralegui y Medina, 1964, p. 64).

Tras a súa localización na Biblioteca Pública (J. M. García Iglesias, 2021, p. 30-31) foi colocado na Reitoría —daquela no primeiro andar do edificio central da Universidade— entre 1956 e 1967; de alí pasaría ao Colexio de San Xerome, que cumpre agora as funcións de Reitoría.

A. Brañas Menéndez, 1999: A. Brañas Menéndez, El regionalismo: Estudio sociológico, histórico y literario, Santiago de Compostela, Fundación Alfredo Brañas, Edición original 1889, Barcelona, 1999.

A. Fraguas y Fraguas, 1995: A. Fraguas y Fraguas, O Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 1995.

J. M. García Iglesias, 2021: J. M. García Iglesias, A Minerva Compostelá. As súas glorias, Santiago, Universidade de Santiago de Compostela.

A. Iglesias Ortega, 2019: A. Iglesias Ortega, Catálogo biográfico de la catedral de Santiago de Compostela. Dignidades, canónigos y racioneros del siglo XVI, t. II, Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela, 2021, pp. 386-391.

A. López Ferreiro, 1905: A. López Ferreiro, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, t. VIII, Santiago de Compostela, Imp. e Enc. do Seminario Conciliar Central, 1905.

M. Saralegui y Medina, 1904: M. Saralegui y Medina, Apuntes biográficos del Excmo. Sr. Comisario General de Cruzada D. Manuel Fernández Varela, Madrid, Est. Tip. de Jaime Ratés, 1904.

J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, Anuario de 1857, (1857), pp. 5-50.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000208
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Lope Sánchez de Ulloa
Temas: 
Retrato
Masculino
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 127,2 cm Longo: 104 cm  Ancho: 8 cm
Materiais: 
Lenzo