Lucenza 1992

Xaime Quessada
José Manuel García Iglesias / Silvia Hermida Sánchez

A paisaxe da súa terra natal convértese nunha fonte de inspiración para Quessada.  Lucenza é representada en diferentes ocasións; trátase da vista que rodea a súa casa. Entre dous castiñeiros, o artista amósanos as terras de prados e campos que se suceden. Chama a atención o colorido, no que se percibe a influencia da luz mediterránea, frecuente nas obras do autor debido ás tempadas que pasou no seu obradoiro de Eivisa. Podemos dicir que aquí Quessada une o concepto dunha luz mediterránea coas cores propias dunha paisaxe galega: os verdes do prado ou as cores avermelladas das árbores. Anteriormente estaba no Parlamento de Galicia e a finais de 1996, por conta da USC e por indicación do artista, trasladouse á USC.

Quessada naceu en Ourense no ano 1937 e, a pesar de que viviu a súa infancia no contexto da posguerra, a súa vocación pictórica xa xurdiu por aquel entón ao nacer no seo dunha familia de artistas (vid. S. Cendán Caaveiro, 1993: 179-180). A súa formación comezou na Escola de Artes e Oficios e anos máis tarde, en 1956, ingresou na Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, onde se empezou a interesar polo Renacemento italiano, polos impresionistas e polas vangardas (vid. S. García- Bodaño, 1974: 24-28; J. Gómez Alén, D. Villanueva, 2002; J. Gómez Alén, S. García Bodaño, 2003).

Quessada, sendo estudante de Belas Artes en San Fernando, foi seleccionado para a bolsa do Paular. Era entón o ano 1959. Froito desa experiencia é a consecución do Premio Extraordinario de Paisaxe das Escolas de Belas Artes Nacionais. O cadro que lle outorgou ese galardón titulábase Terras e achegaba unha visión, un tanto dramática, dos desfiladeiros do Duratón de Sepúlveda.

Pasarán os anos e o discurso pictórico deste prolífico e virtuoso artista andará mil camiños, mostrando un coñecemento dos logros dos pintores de todos os tempos altamente salientables, facendo seus -é dicir, incorporando na cita o selo da súa personalidade- tantos e tantos modos de interpretar unha determinada temática.

A súa traxectoria artística poderíase dividir en tres etapas diferentes. A primeira comezaría en 1960, momento no que culminou o seu proceso formativo na Academia de San Fernando; conseguiu a III Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes; viaxou por diversos países empapándose así de novos coñecementos que foron determinantes para a súa carreira artística; en 1971 tras a súa viaxe a América, xurdiu toda a produción artística que contribuíu á formación de colección pictórica da Facultade de Económicas; elaborou obras cun gran dramatismo e cunha gran carga política manifestada xa nos propios títulos e cultivou temas intimistas sobordando lirismo. Neste primeiro período, aínda que se deixou influír polo Renacemento Italiano e polos impresionistas, o seu estilo oscilou entre a abstracción, o expresionismo e as vangardas, sendo Picasso o seu gran referente.

A segunda etapa abarcaría desde 1970 ata 1980. Nesta decidiu descompoñer ao seu antollo motivos figurativos, xogar coa abstracción, co dinamismo e desviarse cara a unha tendencia surrealista. Así mesmo, apostou por utilizar espazos oníricos e indeterminados que tendían á xeometrización das formas e unha paleta de cores moi viva e intensa, conseguindo grandes contrastes nos seus lenzos.

Finalmente, a terceira etapa comprendería desde 1980 en diante. Foron uns anos nos que, aínda que decidiu indagar novos camiños e reformular o seu estilo utilizando delicadas e sensuais figuras femininas, retomou intensamente a abstracción. Á súa vez, andou por novas sendas a través de obras cun tratamento da cor próximo ao fauvismo e ao expresionismo, con formas cubistas e con motivos de tipo surrealista (vid. J. M. García Iglesias, 1987; X. M. del Caño, 2008).

Quessada, con tantas viaxes ás súas costas na súa mocidade, centrará a súa vida en Ourense, a súa cidade natal, pero fixando a súa residencia en Lucenza. Fixo alí a casa e o fogar, o lugar onde naceron tantos e tantos cadros. Nos arredores da leira que gardaba a súa intimidade acompañábao un bosque de vellas árbores, encadre maxestoso de vistas que debuxan amplos horizontes. Pois ben, iso tan próximo para el vai converterse, nun momento dado, alá por 1992, nun puntual reencontro coa paisaxe, grandiosa, na que os ocres e os verdes adquiren matices varios para outorgarlle vida á natureza.

E, aínda que utilizou unha paleta de cores variada, nesta obra predominaron as tonalidades cálidas. Isto débese á influencia que tivo sobre el a luz mediterránea característica da illa de Eivisa onde tiña o seu taller. O artista creou un xogo entre luz e cor, entre a luz mediterránea e as tonalidades verdes e avermelladas típicas da paisaxe galega (vid. F. Pablos, 1981).

X. M. del Caño, 2008: X. M. del Caño, Xaime Quesada: artista da xenialidade. Vigo (Nova Galicia Edicións), 2008.

S. Cendán Caaveiro, 1993: S. Cendán Caaveiro, “A pintura nas décadas do sesenta e setenta”, en Castro, X. A. (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, pp. 179-180

S. García-Bodaño, 1974: S. García-Bodaño Zunzunegui, “Quesada Porto, Xaime”, Gran Enciclopedia Gallega, XXVI (1974), pp. 24-28.

J. M. García Iglesias, 1987: J. M. García Iglesias, Quessada, Ourense (Diputación Provincial de Ourense), 1987.

J. Gómez Alén, D. Villanueva, 2002: Xaime Quessada: Vigo (Concello de Vigo), 2002.

J. Gómez Alén, S. García Bodaño, 2003: J. Gómez Alén, S. García Bodaño, Xaime Quessada: Arte e liberdade, Vigo( Nova Galicia Edicións), 2003. 2 v.

F. Pablos, 1981: F. Pablos, Xaime Quessada, A Coruña (Atlántico), 1981, pp. 278-279.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000792
Autoría: Xaime Quessada
Título: Lucenza 1992
Temas: 
Paisaxe
Data: 1980
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Sen marco: 199 x 199  Con marco: 231 x 231 x 6 (fondo)
Materiais: 
Lenzo
Localización: Casa da Balconada