Luís Blanco Rivero
Conta Luis Blanco Rivero (1871-1942) -catedrático de Anatomía Topográfica a partir de 1904 en Santiago e decano entre 1936-1941- cun retrato asinado por Tito Vázquez, co que medra esta galería de decanos. Leva no peito a medalla de doutor e tamén a banda e a Gran Cruz propia da Real Orde de Isabel a Católica. Dada a autoría desta pintura, trátase dun cadro feito en vida do decano en cuestión e será, posiblemente, o punto de partida para o que faga Elvira Santiso para a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, hoxe na Facultade de Xeografía e Historia. Foi alcalde de Santiago entre 1914 e 1917 e reitor da universidade compostelá entre 1921 e 1930.
Dirixe a Sociedade Económica entre 1933 e 1940. Foi catedrático de Operacións e Clínica Cirúrxica da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago a partir de 1903 e cirurxián da Beneficencia provincial (Vid. X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, 1993, pp. 37-38; A. Franco Grande, 2014, pp. 939-950). No seu mandato como reitor promoveu a subscrición popular que fixo posible incorporar a biblioteca Lago á da Universidade de Santiago (M. V. Pardo Gómez, 1995, p. 482). Desde a súa condición de alcalde, pronuncia tanto o discurso que rende homenaxe ao cardeal Martín de Herrera o último día do 1915, coma as invocacións da festa da Translación dese ano e do seguinte (C. Presas Barrosa, 2000, pp. 554-556, 561).
Estaba este retrato no Decanato da Facultade de Medicina (M. M. Carro Amigo, 1956, p. 4. Vid. R. Gurriarán, X. Otero Costas, J. M. García Iglesias, 2014). Hai neste cadro un evidente ánimo de concordancia cos retratos dos dous decanos previamente pintados, o cal parece supoñer a intencionalidade de continuar con aquel proxecto iniciado no Colexio de Fonseca no que, por outra banda, quedaran pendentes a realización de varios. Co ánimo de ir completando o plan, ía botarse man de fotografías para ir personificando os sucesivos decanatos. Nese labor ben puido estar presente, nun primeiro momento, o propio Perico Vázquez e, posteriormente, Elvira Santiso.
O seu retrato para esta institución foi realizado en 1942. Débese a Elvira Santiso “...Recibín da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, a cantidade de TRESCENTAS PESETAS, polo cadro co retrato de D. Luís Blanco Rivero. Santiago 3 de Decembro de 1942. Fdo. Elvira Santiso Son 300 Pts.”, no Cartafol 158 Contas anos 1935-1941 (o recibo en cuestión está nun cartafol que non lle corresponde, no Arquivo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, hoxe na Cidade da Cultura). O soldo mensual de Elvira Santiso, como profesora nesta Real Sociedade, era de 125 pesetas mensuais. Ademais de distinguilo a medalla da Económica, leva a banda e a Gran Cruz propia da Real Orde de Isabel a Católica (E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010, pp. 70-71. Vid. J. M. García Iglesias, 2106, pp. 214-215).
E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero e S. C. Ariarte, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero e S. C. Ariarte, Real Sociedad Económicos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos pictóricos, Santiago de Compostela, Real Sociedad Económicas de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, 2010.
X. A. Fraga Vázquez e A. Mato Domínguez, 1993: X. A. Fraga Vázquez y A. Mato Domínguez (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galicia. Autores (1868-1936), Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1993.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora, 2014.
J. M. López Vázquez, 1997: J. M. López Vázquez, “Tito Vázquez”, en A. Pulido (dir.): Artistas gallegos. Pintores. El Regionalismo, Vigo, Nova Galicia, 1997, pp. 103-139.
M. V. Pardo Gómez, 1995: M. V. Pardo Gómez, “Un tiempo para las Colecciones. La Biblioteca Universitaria”, en J. M. García Iglesias (dir.): Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1995, pp. 480-485.
C. Presas Barrosa, 2000: C. Presas Barrosa, “Martín de Herrera (1889-1922)”, en El Boletín Oficial Eclesiástico del Arzobispado de Santiago, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, (2000).