Luís Rodriguez Seoane

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

De autoría descoñecida é este retrato de Luis Rodríguez Seoane, catedrático da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Este aparece retratado de medio corpo, case frontal, mirando á esquerda. Aparece vestido con traxe negro e leva as condecoracións que recibiu: a banda branca e amarela e cruz da Real Orde de Isabel a Católica e a Cruz da Beneficencia. O autor logra transmitir unha sensación de gran verismo no rostro. Emprega unha gama cromática escura a base de grises, poñendo como nota de cor nas condecoracións, cunha pincelada pouco cargada de materia.

Era “catedrático de Terapéutica, Materia Médica, Arte de Receitar e Nocións de Hidroloxía Médica”, consonte indica a portada do seu discurso de apertura de curso de 1895-1896, onde tamén é citado como “individuo correspondente das Reais Academias de Medicina e da de Bellas Artes de San Fernando (L. Rodríguez Seoane, 1895). Foi decano entre 1896 e 1902, ano no que falece.

Mantén unha certa liña de continuidade cos retratos que Mariano Tito Vázquez realizara dos decanos Morales Carballo e Andrey Sierra, pudendo ser tamén este do devandito pintor, nunha cronoloxía próxima á da data do seu pasamento; incídese en mostralo con traxe escuro, distinguido, neste caso, coa banda amarela e branca propias da Real Orde de Isabel a Católica e as placas da Orde de Beneficencia, Cruz de terceira clase e da Gran Cruz da Real Orde de Isabel a Católica (A. Franco Grande, 2014, p. 1245-1247; R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014; J. M. García Iglesias, 2016, p. 215). O tratamento do rostro, ben particularizado e distinguido por unha certa luminosidade, está na liña, tamén, do modo de facer de Tito Vázquez.

Deste decano tamén hai un bo retrato, obra de Fenollera, de 1895, que foi encargado na súa condición de director da Real Sociedad Económica de Amigos de Santiago de Compostela (J. M. García Iglesias, 2016, p. 136-138).

A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora, 2014.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.

R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014: R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, A galería de decanos da Facultade de Medicina, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.

L. Rodríguez Seoane, 1895: L. Rodríguez Seoane, Rodríguez Seoane, Luis, Discurso inaugural del Curso académico de 1895 a 1896, Santiago, Universidade Literaria de Santiago, Imprenta de José M. Paredes, 1895.

 

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000379
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Luís Rodriguez Seoane
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1877
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 74,5 cm Longo: 54,5 cm Alto: 90 cm Longo: 70 cm Ancho: 5,3 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Medicina