Manuel Fernández Varela
Este retrato, realizado en Compostela, coñece o concibido por Vicente López pero fai unha serie de variables a partir do mesmo. Fernández Varela naceu en Ferrol (1772-1834). Ingresou no Colexio de Fonseca con bolsa en 1796, colexio do que chegou a ocupar o cargo de reitor por 1798. Como noutros retratos deste centro, cóntase aquí coa presenza desa beca vermella sobre a mesa, colocándose un libro encima, todo baixo a destra do personaxe. No seu peito distínguese a cruz da Orde de Carlos III. Na parte alta, engalanando a arquitectura, pode verse parcialmente un relevo alusivo ao tema da Epifanía completando o conxunto. Pódese vincular esta obra a Cancela. O seu coñecemento e seguimento da obra de Vicente López lévanos, cando menos, a supoñelo.
Fernández Varela naceu en Ferrol (1772-1834) e ingresou con bolsa no Colexio de Fonseca en 1796 e mesmo chegou a ocupar o cargo de reitor do mesmo en 1798 (Vid. M. Ovilo y Otero, 1880; M. Saralegui y Medina, 1904; A. Fraguas Fraguas, 1995; A. Meijide Pardo, 1982, pp. 91-104; A. Gil Novales, 2010, p. 1085). É nese momento cando pronunciou a súa ‘Oración á memoria de Fonseca’, publicada en Madrid o ano seguinte (M. Fernández Varela, 1799). Foi párroco de Sada (1803), Prior de Coba (1807), Deán de Lugo (1815) e Dignidade da Metropolitana de Toledo.
Foi correspondente da Academia da Historia desde 1802 e en 1824 foi nomeado comisario xeral das Tres Grazas -Subsidio, Escusado e Santa Cruzada- en todo o territorio das Españas. En 1825 foi arcediano de Madrid e dignidade da Igrexa Primada de Toledo. Tamén foi distinguido como Cabaleiro da Orde de Carlos III (1827). Estivo vinculado á Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da que chegou a ser viceprotector, desde cuxa condición lle regalou un retrato seu en 1833 “como se recolle na correspondente acta da Xunta Ordinaria celebrada o 21 de abril” (M. Saralegui y Medina, 1904, p. 125). “Foi un dos 31 cadros españois que figuraron na Exposición Universal de Londres de 1862” (M. Saralegui y Medina, 1904, p. 37 ). Fora pintado en 1829 (Vid. J. L. Díez, 1999, I, p. 359; II, p. 140). Díxose del que se trata da “obra que verdadeiramente anuncia a nova visión do retrato que Vicente López forxa para a nova década” e do que existen diversas copias (Vid. J. L. Díez, 1999, II, pp. 140-141). Así, en 1830 enviou unha delas para a sala capitular do Hospital da Caridade de Ferrol (M. Saralegui y Medina, 1904, p. 61). Hai, ademais, unha réplica no Museo Nacional de Arte de Catalunya, adquirida en 1911 (J. L. Díez, 1999, II, p. 140).
No seu testamento, outorgado en Madrid o 28 de setembro de 1834, dise que “é a miña vontade que no meu funeral non se saia dunha moderada pompa correspondente á dignidade do meu estado, como dispoñan os señores os meus testamentarios, non esquecéndose de colocar sobre o túmulo, entre o manto de Carlos III, a banda do meu Colexio maior de Fonseca, para facer memoria do respecto que conservei sempre a aquela santa casa na que fun educado tan proveitosamente” (M. Saralegui e Medina, 1904, pp. 21,116).
Foi un protector desta Universidade. Tal e como se nos di, “o Colexio de Fonseca debeulle a severa decoración da súa sala reitoral e a colección de retratos dos seus homes ilustres, entre os cales figura unha segunda copia do propio doante” (M. Saralegui e Medina, 1904, p. 64).
O reitor Viñas, polos anos medios do século XIX, deixa constancia de que “o Colexio de Fonseca legounos un catálogo de homes ilustres que vestiron a banda; e o distinguido patricio D. Manuel Fernández Varela, comisario xeral de Cruzada, fillo daquel Colexio e desta Universidade, procurou ir formando unha colección de retratos dos que, como el, foron elevados ás máis altas dignidades” (J. J. Viñas, 1857, p. 47).
Foi este un persoeiro vinculado especialmente a Compostela, tanto á súa Universidade como á Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Por 1834, sendo comisario de Cruzada, responde ao Presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País, ofrecendo unha dotación (Vid. M. Saralegui y Medina, 1904; P. Pérez Costanti, 1915, p. 32; A. Fraguas Fraguas, 1995, pp. 430-431; A. Couceiro Freijomil, 1952, pp. 70-72). Alude entón a: “... un bo mestre para a Academia de Debuxo, facilitar un local cómodo para a mesma no Colexio de Fonseca fermoseado con perfección e adornado con estatuas exemplares escollidas de xeso baleirado á antiga,... e cunha colección bastante numerosa de Academias e estudos de bos profesores, dotándoo ademais dos mellores deseños traídos de París, que servan para adorno das artes...” (E. Fernández Castiñeiras, 1991, pp. 269-270).
Nesa carta tamén menciona que fai entrega á Sociedade dun “exemplar do retrato exacto da nova Raíña, e doutro de si mesmo” (M. Saralegui y Medina, 1904, p. 65). Iso xustifica a presenza entre as pinturas desta Sociedade dun retrato sedente deste personaxe, a datar nese momento (por 1834) e relacionado coa Escola de Vicente López (E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010, pp. 82-83 ). Segue as pautas propias doutros vinculados á mesma escola relativos igualmente a Fernández Varela, como o que se conserva actualmente no Museo de Pontevedra (A.Bernaldo de Quirós y Salvador, 1945, pp. 51-64). Desde este mesmo criterio cabe valorar o que está actualmente localizado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 166-169).
A.Bernaldo de Quirós y Salvador, 1945: A. Bernaldo de Quirós y Salvador: “Un retrato de Vicente López (Fernández Varela)”, El Museo de Pontevedra, III (1944-1945), pp. 51-64.
A.Couceiro Freijomil, 1951-1953: A. Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. 3 vols. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), 1951-1953.
J. L. Díez, 1999: J. L. Díez, Vicente López (1772-1850), Madrid (Fundación de Apoyo a la Historia del Arte Hispánico), 2vols. 1999
E. Fernández Castiñeiras, 1991: E. Fernández Castiñeiras, Un siglo de pintura gallega: 1750-1950 (Tesis doctoral inédita dirixida por J. M. García Iglesias), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 1991.
E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos pictóricos, Santiago de Compostela (Real Sociedad de Amigos del País de la Ciudad de Santiago), 2010.
M. Fernández Varela, 1799: M. Fernández Varela, Oración que a la inmortal memora del Sr. D. Alonso de Fonseca. Arzobispo de Santiago y Toledo… dico…, Madrid (Imprenta Real), 1799.
A. Fraguas Fraguas, 1995: A. Fraguas Fraguas, O Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1995.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
A. Gil Novales, 2010: A. Gil Novales, Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid (Fundación Mapfre), 2010.
A. Meijide Pardo, 1982: A. Meijide Pardo, Escritos e autores na Galicia da Ilustración, A Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 1982.
M. Ovilo y Otero, 1880: M. Ovilo y Otero, Hijos ilustres de la Universidad de Santiago, Santiago (Imp. de la Gaceta de Galicia), 1880.
P. Pérez Costanti, 1915: P. Pérez Costanti, “Los Colegiales de Fonseca: apéndice a ‘Linajes Galicianos’ ”, Boletín de la Real Academia Gallega, 9, 98 (1915), 36 pp.
M. Saralegui y Medina, 1904: M. Saralegui y Medina, Apuntes biográficos del Excmo.Sr.Comisario General de Cruzada D.Manuel Fernández Varela. Madrid, (Est.Tip.de Jaime Ratés), 1904.
J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, Anuario (1857), pp. 5-50.