Manuel Lago González

José Capuz Mansano
José Manuel García Iglesias

O busto do arcebispo Lago (1865-1925) preside a Sala de Investigadores da Biblioteca Xeral da universidade compostelá na que están depositados, precisamente, eses fondos que foron propiedade de dito prelado.

É obra realizada polo escultor José Capuz Mansano (1884-1964), quen a asina nun lateral. A fundición correspondente fíxose, como se indica ao outro lado, en “Codina Hnos. Madrid”. Móstrase coa indumentaria propia dun eclesiástico, de xeito marcadamente frontal e coa súa mirada orientada ao lonxe.

Naceu en Tui en 1865 (Vid. C. García Cortés, 1991, pp. 621-624; X. R. Barreiro Fernández, 2003, I, pp. 356-357; C. García Cortés, 2012, pp. 269-283). Cando era bispo de Osma (1917-1923), representou no Senado o Arcebispado de Burgos, concretamente entre 1914 e 1915. Xa como bispo de Tui cumpriría o mesmo labor, agora en nome da provincia de Santiago, en 1918-1919 (X. R. Barreiro Fernández, 2003, I, p. 357; http://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/fichasenador/index.html?ide1=1531) . Tamén é este un prelado que conta con vínculos tanto coa universidade compostelá como coa Real Sociedade Económica, que o distingue cun retrato. Debe ser valorado como a evocación dun personaxe que deixara un importante sinal, non só en Compostela onde é recibido de forma “triunfal e apoteósica” (A. Rodríguez González, 1924, p. 100), senón tamén en toda Galicia.

Cando Lago chega á sede compostelá, tal como sinala Filgueira Valverde, pasaran cento vinte e cinco anos desde a morte do último prelado nado en Galicia, Frei Sebastián Malvar (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXVI. Vid. tamén A. Rodríguez González, 1924; A. Rodríguez González, 1925). Tal circunstancia é posta en valor polos propios estudantes da Universidade Literaria, concretamente no mes de abril de 1924 pouco tempo despois da chegada de Lago a esta cidade, sinalando como os “…estudantes composteláns, que coidan que hoxe os osos xa seculars de Fre Sebastián Malvar e Pinto, o arzobispo galego que vos precedeu, tremarán de gozo a o ser feridos, como nós fomos, pol-a-lus de miragre que irradia da cadeira dos Xelmires e dos Fonsecas”, texto anónimo que foi identificado como propio de F. Bouza Brey (J. Filgueira Valverde, 1965, p. 212).

Será no Colexio de San Clemente, por entón sede da Sociedade Económica, onde nese mesmo ano 1924 fai o arcebispo Lago o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, que o nomea Presidente de Honra (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXVII). Un ano despois, chegaríalle a morte deixando un magnífico recordo. Será sepultado na Capela da Comuñón da Catedral de Santiago (C. García Cortés, 2012, p. 282).

A devoción mariana está presente nel desde a súa mocidade. Nos dous primeiros volumes das súas poesías, seis das corenta e dúas alí contidas dedícanse a María. Tamén na súa obra poética hai textos como o do “Himno de la peregrinación gallega al Pilar y Lourdes” (1908) e outros como os titulados “El Vergel de María” (Lugo 1902?), “A la Virgen” (1904), “Flor de Mayo” (1904), “A Nuestra Señora de los Ojos Grandes”, “Con María, Inmaculada”… (J. Filgueira Valverde, 1965, p. LXXIV). En tanto o escrito que alude á “Universalidad de Jesucristo” refírese á súa única Pastoral na que se presenta como “Arcebispo de Santiago de Compostela, Capelán Maior da súa Maxestade Católica, Individuo de Número da Real Academia Galega” e que se dedica a tal cuestión (M. Lago González, 1924, p. 5). Dátase o día do Apóstolo de 1924 (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXXI).

O certo é que foi este un prelado especialmente querido, entre outras cousas polo seu inequívoco amor á súa terra. Na oración fúnebre que se celebra na igrexa de Santiago de Lugo dise que “...vosotros refrendáis unánimemente mi afirmación, que bien pudiera ser llamado, y acaso algún día lo llame la Historia, el Francisco de Sales español” (C. Abellás Vázquez, 1925, p. 17).

Recoñecíaselle á súa morte que fora “o prelado galego máis galego de todos os galegos” (A. Rodríguez González, 1925, p. 50). Hai testemuños suficientemente difundidos que apuntan a que as súas últimas palabras foron “Hai que defender a Galicia!” (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXXIII). Ao pasar en 1929 a súa Biblioteca para formar parte da da Universidade de Santiago, a súa figura acrecentou, se cabe, o seu valor (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXXIV).

Por outra banda, no seu pedestal de madeira, pode lerse o seguinte: “GALICIA A INICIA-/TIVA DE SU UNI-/VERSIDAD, RINDE/ HOMENAJE DE ADMI-/RACIÓN Y CARIÑO/ A LA MEMORIA DEL/ QUE FUE PRELADO/ VIRTUOSO, SABIO/ ELOCUENTÍSMO/ ORADOR Y FERVIDO/ AMANTE DE SU RE-/ GIÓN Y DE SU PATRIA. Devandito texto está nunha cartela presidida no alto polo escudo de Galicia (C. Pereira, J. Suárez Otero, 1996, p. 128).

En 1925, o ano da súa morte, o pintor Roberto González del Blanco asina en Compostela o retrato do arcebispo que se conserva no palacio episcopal de Santiago. Móstrasenos sentado, escribindo nun papel no que pode lerse “Universalidad de Jesucristo” e, ao fondo, complétase a representación cunha Virxe co Neno e o seu escudo episcopal.

É, en definitiva a representación de quen se describe así na base: EXCMO. Y RVDMO. D. D. MANUEL LAGO GONZÁLEZ/ ARZOBISPO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA/ I-IV-MCMXXIV XVIII-III- 1925.

O retrato que garda a Real Sociedade deste prelado é obra de Perico Vázquez e foi datada cara a 1930 (E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010, pp. 92-95). Este pintor exerce maxisterio na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago entre 1919 e 1938. Dentro da produción deste artista, López Vázquez veo xa afastado do realismo fotográfico que o ocupou anteriormente, concretando un “tipo de retrato oficial, de busto” e mostrando inquietudes de tipo lumínico e atmosférico (J. M. B. López Vázquez, 1997, p-113). Posiblemente o pintor conte cunha fotografía como punto de partida (Vid. A. Rodríguez González, 1925, p. 51).

Leva muceta morada, propia do episcopado, e solideo vermello, máis característico da condición de cardeal que este prelado non chegou a ostentar. Sobre o seu peito loce unha cruz pectoral, moi querida por el e que no seu testamento hológrafo dispón que se lle entregue “á diocese de Lugo, que mo regalou, destinándose o seu valor ao sostemento das súas igrexas” (J. Filgueira Valverde, 1965, p. XXXV).

C. Abellás Vázquez, 1925: C. Abellás Vázquez, Oración fúnebre del Excmo. Arzobispo de Santiago D. Manuel Lago González pronunciada a la conclusion del solemne funeral, que en sufragio del alma de su esclarecido hijo adoptivo, celebro el Excmo. Ayuntamiento de Lugo, en la Iglesia de Santiago, Lugo (Ayuntamiento, La Voz de la Verdad), 1925.

X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galícia- Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.

E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, S. C. Ariarte, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos pictóricos, Santiago de Compostela (Real Sociedad de Amigos del País de la Ciudad de Santiago), 2010.

J. Filgueira Valverde, 1965: J. Filgueira Valverde, Lago González. Biografía y selección de su obra gallega, Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), 1965.

C. García Cortés, 1991: C. García Cortés, “Obispos de Galicia procedentes del seminario compostelano”, Estudios mindonienses, 7 (1991), pp. 589-657.

C. García Cortés, 2012: C. García Cortés, Episcopologio moderno de la iglesia compostelana: arzobispos de Santiago, 1751-2011, Aranjuez, Santiago de Compostela (Xerión- Arzobispado de Santiago de Compostela), 2012.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 115-117, 232-233.

M. Lago González, 1924: M. Lago González, Carta Pastoral del Excmo.e Ilmo.Sr.Doctor Don…, Arzobispo de Santiago de Compostela: con motivo de su entrada en la archidiócesis: sobre la Universalidad de Jesucristo, Santiago (Imprenta del Seminario Conciliar), 1924.

J. M. B. López Vázquez, 1997: J. M. B. López Vázquez, “Tito Vázquez”, en A. Pulido Nóvoa (dir.). Artistas Galegos, Pintores. El Regionalismo I. Vigo (Nova Galícia Edicións), 1997, pp. 113-131.

C. Pereira, J. Suárez Otero, 1996: C. Pereira, J. Suárez Otero, “Los fondos artísticos”, El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Catálogo, en VILA JATO, M. D. (coord.), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, pp. 83-155.

http://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/fichasenador/index.html?id1=1531

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000354
Autoría: José Capuz Mansano
Título: Manuel Lago González
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: 1926
Técnicas: 
Fundición
Dimensións: 
Alto: 56 cm   Ancho: 61 cm   Fondo:36,5 cm
Materiais: 
Madeira
Bronce