Manuel Lucas Álvarez

María Carrera
José Manuel García Iglesias

Manuel Lucas naceu en 1917 en Santiago, cidade na que morreu no ano 2014. Foi reitor entre 1974 e 1975. Neste caso, a pintora María Carrera preséntao nun exterior: o centro do patio do Colexio de San Xerome, ao lado da fonte que fora realizada a xeito de adorno dentro do proceso de conversión deste edificio en Reitoría. Móstrase en pé, coa vara de mando na súa esquerda e levando na outra man un documento co que se pretende facer referencia á súa condición de paleógrafo, estudos dos que é catedrático en Compostela desde 1953. Mantén a tradición dos demais retratos que esta autora fai para esta galería reitoral. Outro retrato seu gárdase hoxe na aula magna da Facultade de Xeografía e Historia.

Estuda no Seminario das Ermidas, Ourense, entre 1928 e 1931 e pasa nese ano ao Seminario de Compostela, onde permanece ata 1941. Estudará posteriormente, entre 1942 e 1946, Filosofía e Letras na Universidade de Compostela e doutórase na de Madrid en 1948. Entre 1946 e 1952 amplía estudos de Paleografía na Universidade de Zaragoza. Foi catedrático de Paleografía e Diplomática da Universidade de Santiago desde 1953. Tamén foi presidente da Caixa de Aforros de Santiago (1964-1980) e procurador en Cortes, na súa condición de reitor, en 1974 (Vid. J. I. Fernández de Viana, 1974, pp. 215-216; X. R. Barreiro Fernández, 2003, II, p. 109; Gran Enciclopedia Gallega, 2004, XXVI, pp. 247-248; J. M. García Iglesias, 2016, p.209).

X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galícia- Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.

I. Fernández de Viana, 1974: J. I. Fernández de Viana, “Lucas Alvarez, Manuel”, Gran Enciclopedia Gallega, XIX (1974), pp. 215-216.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

Gran Enciclopedia Gallega, 2004: Gran Enciclopedia Gallega, Lugo (El Progreso-Diario de Pontevedra), 2004 y ss.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000201
Autoría: María Carrera
Título: Manuel Lucas Álvarez
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1980
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 114 cm  Ancho: 88 cm    Alto 142 cm  Largo: 111,5 cm  Fondo: 6 cm
Materiais: 
Lenzo industrial