Mariña

Manuel Colmeiro
MIriam Elena Cortés López

Mariña ao óleo, asinado no a.i.d. Comprado á galería CItania en 1981.

Manuel Colmeiro (1901-1999) ofrece aquí a vista dunha paisaxe que ten como motivo principal o mar. Continuando a liña estelar que configura a súa galería temática, nesta mariña percíbese a ausencia humana que decote describen persoas e accións populares, oficios, festas ou romarías. Inclínase pola representación da natureza no seu estado máis puro e solitario. Ademais, ningún dos elementos que figuran na obra identifica o espazo concreto que está a debuxar, deixando en evidencia que o único que interesa é transmitir o concepto.

Co habitual estilo poético que caracteriza a obra de Colmeiro, este óleo transmite a idea de serenidade, reforzada polo emprego da gama cromática. O artista renuncia a utilizar o trazo marcado a través da liña, para xogar coas cores. O uso de azuis vibrantes e cheos de luminosidade, ao igual que sucede co dos verdes noutras obras da súa autoría, protagoniza a escena. As formas e os distintos espazos -montañas, mar, terra firme- suxírense a través da aplicación de manchas de cores. Gamas de ocres e marróns debuxan a terra firme; os azuis e os brancos aluden ao movemento do mar; en último termo perfílase a serra, de azul máis intenso, diferenciándose do ceo no que, por mor de golpes cromáticos intermitentes en azuis, brancos e grises, anuncia o estado nubrado.

A obra aparece asinada polo artista no ángulo inferior dereito e, malia que data dos anos setenta, foi adquirida para a colección da Universidade na Galería Citania en 1981.

Manuel Colmeiro nace en Galicia, pero é desa serie de artistas que pertence ao grupo dos chamados fillos da emigración. Desta maneira, sendo un adolescente, establecerase coa súa familia en Buenos Aires, cidade á que retornará novamente durante os anos da Guerra Civil. Vivirá alí ata finais da década dos corenta, momento no que se asenta en París, con viaxes intermitentes a Galicia, ata o seu retorno definitivo en 1986. A súa unión coa capital arxentina facilitará que entre en contacto co Centro Galego e coñeza outros artistas compatriotas como Luís Seoane ou Rafael Dieste.

Antes do seu primeiro retorno a Galicia, estuda durante un ano Belas Artes, aínda que axiña se desvincula da formación académica, para formar equipo xunto a outros artistas como Demetrio Urruchúa ou Plana Casas. A obra deste momento responde a unha exploración das fórmulas expresionistas, que pronto abandona, ata destruílas practicamente na súa totalidade. Nesta mesma década dos anos vinte, a súa obra exponse de maneira colectiva xunto á doutros pintores arxentinos.

De volta en Galicia, o pintor de Chapa -Silleda- decide establecerse en Vigo, probablemente polas posibilidades de proxectar e realizar a súa carreira, tanto desde o punto de vista da difusión como da relación con outros artistas. É neste último lustro da década dos anos vinte, cando expón por primeira vez de maneira individual, e cando obtivo unha bolsa da Deputación de Pontevedra, momento no que poderá viaxar a Madrid e Barcelona, o que suporá un reforzo para a súa carreira, ao entrar en contacto coa obra dos grandes artistas a través dos museos da capital, e das correntes de vangarda que coñecería en Barcelona.

Na súa segunda etapa en Buenos Aires, o seu contexto vital era diferente, malia que en esencia buscaba unha melloría, lonxe do conflito bélico. Entra en contacto coa intelectualidade galega exiliada e coa arxentina. Alí participa na elaboración de obras colectivas como o mural da Galería Florida Pacífico, xunto con outros artistas arxentinos como Berni, Urruchúa, Castagnino e Spilimbergo. Ademais, reafirma o seu estilo pictórico, comprometido desde unha controlada inxenuidade que o fai único. Pola súa maneira de concibir a pintura, Colmeiro pasou a formar parte do grupo coñecido baixo o alcume dos Renovadores.

Nese sentido, a obra de Colmeiro procura reconfigurar os tradicionais esquemas impostos desde a Academia. Atraído polas novas correntes artísticas da Vangarda e comprometido coa sociedade, sen escapar da figuración, analiza diferentes maneiras de expresarse. Malia que nun primeiro momento experimenta cos códigos expresionistas, axiña os abandona. Busca a súa maneira propia. Conségueo a través da presentación de temas, que dun xeito que se podería describir como naíf, agochan realidades de compromiso co pobo galego. Ese peculiar estilo, acompañado da forma na que utiliza a cor, trasládase a outras escenas de paisaxes ou retratos, habituais na súa galería temática. Tonalidades pastel, verdes e azuis que desprenden luz, figuras apenas debuxadas, máis ben pintadas, son trazos habituais na súa obra.

Desde unha certa lembranza á tradición galega, na elaboración das figuras redondeadas, que poden evocar a escultura do Románico, así como a presentación de escenarios de festas, romarías ou mercados…, a obra de Colmeiro resulta renovadora e auténtica. Por iso, e antes da súa morte, foi merecedora de recoñecementos a través de exposicións antolóxicas, que permitiron facer unha completa valoración do seu traballo. Actualmente, a figura de Colmeiro segue a ser obxecto de interese. Numerosos son os estudos publicados, así como os museos onde expuxo, destacando a colección do Museo Quiñones de León.

D. Barro, 2018: D. Barro, Manuel Colmeiro. A pintura antes de pintar, Lalín-Santiago, Concello de Lalín e Dardo, 2018.

J. J. Ballesta de Diego et al., 2020: J. J. Ballesta de Diego et al., Manuel Colmeiro: espazos e encadramentos. Catálogo de exposición, Vigo, Concello de Vigo, 2020.

A. Bonet Correa, 1954: A. Bonet Correa, Manuel Colmeiro, Vigo, Galaxia, 1954.

X. A. Castro Fernández, 1987: X. A. Castro Fernández, Manuel Colmeiro (1918-1987): exposición antolóxica, Pontevedra, Deputación Provincial.

X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Manuel Colmeiro. Interpretar Galicia en el exilio bonaerense y parisino”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.), Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 43-45.

X. A. Castro Fernández, 1994: X. A. Castro Fernández, Manuel Colmeiro, Vigo, Galaxia, 1994.

X. A. Castro Fernández, 1994: X. A. Castro Fernández, Manuel Colmeiro. Monografías da Arte Galega, Vigo, Galaxia, 1994.

R. Dieste, 1941: R. Dieste, Colmeiro: breve discurso acerca de pintura, con el ejemplo de un pintor, Buenos Aires, Emecé Editores, 1941.

M. Fernández-Cid, 1987: M. Fernández-Cid, Colmeiro, Picasso, Pontevedra, Deputación Provincial, 1987.

J. A. Gaya Nuño, 1968: J. A. Gaya Nuño, Manuel Colmeiro, Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, Dirección General de Bellas Artes, 1968.

J. Hierro e M. L. Sobrino, 1981: J. Hierro e M. L. Sobrino, Colmeiro, A Coruña, Atlántico Editorial, 1981.

F. Huici March, 2014: F. Huici March, Manuel Colmeiro, 1901-1999. Catálogo de exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.

L. Trabazo, 1977: L. Trabazo, Manuel Colmeiro, Madrid, Ibérico Europea de Ediciones, 1977.

L. Valera, 1948: L. Valera, Exposición de pintura de Manuel Colmeiro. Galería Müller, Buenos Aires, 1948.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000759
Autoría: Manuel Colmeiro
Título: Mariña
Temas: 
Mariña
Data: 1970
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 34 cm Longo: 46 cm Sen marco Alto: 56 cm Longo: 69 cm Ancho: 3 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Casa da Balconada