Marqués de Rodil
En 1880 dise sobre este retrato que “…, se conserva en el salón principal de la Biblioteca de Santiago, al frente de donde se encuentra colocada la bandera que condujo a los campos de batalla al famoso batallón de los Literarios de Compostela”. Píntao Dionisio Fierros en 1857 durante a súa primeira estadía en Santiago entre 1855 e 1858. Está na liña de tantos e tantos retratos oficiais que realiza por este momento. Preséntase en pé, co seu uniforme de gala e distinguido por un gran número de condecoracións -contaba coas grandes cruces das ordes de Isabel a Católica, Carlos III, San Hermenexildo e da Torre e Espadas de Portugal (1834)-, coa súa man dereita apoiada nunha mesa e un cortinado engalanando ao fondo. Acompáñao un extenso texto alusivo ao personaxe.
Naceu en Santa Maria de Trobo, Lugo (1789-1853). Estudaba en Santiago en 1808 cando se constituíu o Batallón Literario. Deixou os estudos e dedicouse ao exército. A defensa que fixo da praza de Callao deulle a gloria (1824-1826), outorgándoselle a Gran Cruz de Isabel a Católica por parte de Fernando VIII cando regresou a España.
Comprometido co liberalismo e hostil co carlismo, recibiu o marquesado en 1834 e o vizcondado de Trobo en 1836. En 1835 foi nomeado Ministro de Guerra por Mendizábal. En 1836 Calatrava volvería nomealo Ministro de Guerra. Estivo autoexiliado en Francia en 1840. “Expatriado polas vicisitudes políticas, foi exonerado de todos os seus empregos, honras, títulos e condecoracións, todo o cal lle foi devolto ao seu regreso da emigración” (M. Ovilo e Otero, 1880, p. 59).
Foi presidente do Consello de Ministros entre xuño de 1842 e maio de 1843. Foi deputado por Lugo en dúas lexislaturas (1839-1840, 1841-1842) e, posteriormente, senador por Avila. Morreu solteiro e nomeou herdeiro o seu mordomo e axuda de cámara, Francisco Afasto Gómez, quen á súa morte retornou os bens de Galicia á súa familia (X. R. Barreiro Fernández, 2003, pp. 584-585. Vid. J. Díaz Andión, 1945, pp. 7-8). Foi Gran Mestre Masón desde 1837 ata 1851 (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp.195-201, 384).
Na Visita Rexia de 1858, as súas Maxestades detivéronse na Biblioteca “Ante a bandeira do Batallón de Literarios, preciosa reliquia que lembra a abnegación e as glorias dos alumnos desta Universidade na guerra da Independencia, a quen representa o retrato dun deles, o capitán xeneral do exército D. José Ramón Rodil, que está colocado á fronte dela” (Acta Rexia, 1859, p. 10. Vide. M. Ovilo y Otero, 1880, p. 59 ; M. Barral Martínez, 2012, p. 137).
Tal relación entre o estandarte e un determinado retrato débese ao reitor Viñas xa que el mesmo di que “propuxen ao Goberno de S. M. no ano de 1854, e concedéuseme a autorización (Por ser cesado no cargo de reitor pouco despois de aprobado esta Real autorización non puiden levar a cabo o meu propósito. Abandonada esta idea no tempo transcorrido ata a miña reposición procurarei agora realizala moi pronto) para colocar nun sitio inmediato á bandeira o retrato do Excmo. Sr. D. José Ramón Rodil, marqués de Rodil, que foi o que alcanzou na milicia a alta dignidade de capitán xeneral dos exércitos, e en quen polo mesmo poden supoñerse simbolizados os méritos doutros xenerais e xefes que saíron das filas do Batallón Literario” (J. J. Viñas, 1857, pp. 35-36).
Píntao Dionisio Fierros en primeira estancia en Santiago, entre 1855 e 1858, e é unha das poucas obras que, ao final da súa vida, enumera como propia destes anos -“O xeneral Rodil, de corpo enteiro e tamaño natural, para a Universidade de Santiago” ( D. Ferros, 1894, p. 12)-. Tamén neste caso, como no retrato de don Lopo Gómez de Marzoa, hai un texto sobre a tea que cobre a mesa. Di así “EL ESCMO SR D. JOSE/ RAMON RODIL/ Marques d. Rodil, CAPIT/ Gral d. los ejtos. Minis/tro d. la Guerra. Pre-/sidente del Consejo/ d. Ministros. Nació/ en Sta. Mª de Trobo. Provª d. Lugo. Siendo alum-/no de Teologia en es/ta Universidad se alis/ tó en el batallon/ LITERARIO/ formado en ella el/ año d. 1808 pa/ defender la inde-/pendencia nacio/nal. Murió en 20 de febrero/ d. 1853”. Esta extensa lenda xustifícase en base ao sentido complementario co que se expón este cadro en relación coa bandeira do Batallón de Literarios.
Estamos ante un cadro asinado e datado en 1857. A formación de Dionisio Fierros ao carón dos Madrazo -José e, sobre todo, Federico- está na base do resultado conseguido (Vid. J. M. B., López Vázquez, 2000, pp. 24-25; R. M. García Quirós, 2000, pp. 38-39).
Acta Regia, 1859: Acta Regia de la Visita con que S. M. La Reina Nuestra Señora Doña Isabel 2ª de Borbón, (Q. D. G.) Su augusto esposo Don Francisco de Asís de Borbón y SS. AA. RR. El Serenísimo Príncipe de Asturias D. Alfonso, y la Infanta doña María Isabel honraron á esta Universidad, Santiago (Imprenta de José Rodríguez Rubial), 1859.
M. Barral Martínez, 2012: M. Barral Martínez, A visita de Isabel II a Galicia en 1858, Santiago de Compostela (Sotelo Blanco-Consorcio de Santiago), 2012.
X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia : biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galicia. Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.
J. Díaz Andión, 1945: J. Díaz Andión, “El Marqués de Rodil y su fama póstuma”, Finisterre. Revista de Galicia, III, 19 (1945), pp. 7-8.
D. Fierros, 1894: D. Fierros, “Memorias”, en (Catálogo de Exposición), Dionisio Fierros. 1827-1894, Íntimo y mundano, Vigo (Caixavigo e Ourense), 2000, pp. 20-33 – Existen otras ediciones anteriores de este mismo texto-.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
R. M. García Quirós, 2000: R. M. García Quirós, en (Catálogo de Exposición), Dionisio Fierros. 1827-1894, Íntimo y mundano, Vigo (Caixavigo e Ourense), 2000, pp. 35- 47.
J. M. B., López Vázquez, 2000: J. M. B. López Vázquez, “Dionisio Fierros”, en (Catálogo de Exposición), Dionisio Fierros. 1827-1894, Íntimo y mundano, Vigo (Caixavigo e Ourense), 2000, pp. 20-33.
M. Ovilo y Otero, 1880: M. Ovilo y Otero, Hijos ilustres de la Universidad de Santiago, Santiago (Imp. de la Gaceta de Galicia), 1880.
J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, ANUARIO (1857), pp. 5-50.