Maternidade
O tema da muller, especialmente a maternidade, ocupa un lugar privilexiado na produción laxeiriana, relacionado co matriarcado e a fecundidade, ligado á antropoloxía galega. Laxeiro crea unha nova imaxe no seu modelo de maternidade e, así, presenta a dúas figuras -a nai e o fillo- envolventes e pesadas; a nai, estática, de fronte e coa mirada ausente, suxeita coas mans o seu fillo no colo. Ambas figuras inscríbense nun esquema piramidal; son imaxes estáticas e hieráticas, o que se vincula coa estética do granito, a solidez da escultura románica na que Laxeiro encontrou no Mestre Mateo un dos principais referentes para a conformación do seu particular mundo, no que tamén teñen cabida Goya e Picasso. Tecnicamente, Laxeiro recorta as figuras contra un fondo neutro, de tonalidades azuis, grises e un toque de laranxas. Define o perfil das siluetas das figuras, o cabelo e as faccións do rostro cun trazo negro, mostra do seu bo quefacer na técnica do debuxo. Asinado no a.s.e. Comprada á Galería Citania en 1980.