Maternidade

Virxilio Fernández Cañedo
MIriam Elena Cortés López

Unha das moitas representacións que realizou Virxilio sobre a muller. Asinado no a.i.e. "vfc." Inscrición no reverso : "Maternidad" Virxilio Fernández / O Cumial

Virxilio Fernández Cañedo (1925-2011) ofrece aquí a revisión dun dos temas máis habituais e característicos na plástica galega contemporánea, a representación da muller como nai. O concepto de maternidade, ao que tantos outros artistas galegos recorreron ao longo do século XX, é reinterpretado por Virxilio con gran mestría e identidade. A escena, protagonizada por sete figuras femininas, resulta un exemplo modélico do seu estilo. Coma decote, fai uso da acumulación de figuras. A nai, que sostén no seu colo a nena, representa o típico exemplo de campesiña de Virxilio. É o prototipo sobre o que xira o resto das figuras, todas elas co mesmo estilo de indumentaria que as caracteriza como labregas. Compóñense como formas rotundas e redondas que emparentan coa herdanza románica. Transcendendo o ámbito do puramente formal, cómpre centrar a atención no emprego da cor, que non só se evidencia nos diferentes contornos que se definen a través de liñas en verdes e vermellos para crear as siluetas, senón na aplicación de grandes planos de cores verdes, vermellas e azuis que configuran un fío harmónico e condutor entre todas as figuras e que inevitablemente suxiren a influencia que a obra dos fauvistas franceses tivo na súa propia, así como a súa perfecta asimilación. O resultado é unha obra dunha extraordinaria forza expresiva, que sen fuxir da figuración e da tradición temática galega, define á perfección o nome do artista que a realiza.

A vocación artística de Virxilio puido ser motivada desde a súa infancia pola influencia do seu pai, quen pintaba e debuxaba por afección. Virxilio foi máis alá que o seu proxenitor e, deste xeito, ingresa na Escola de Artes e Oficios de Ourense, o xermolo que dará paso ao desenvolvemento da súa carreira profesional. Nesta etapa xuvenil, previa á súa estadía en París, reunirase co grupo artistas encabezados por Vicente Risco, Os Artistiñas, antecedendo xeneracionalmente a outros como Xaime Quessada ou Xosé Luis de Dios.

A proxección da obra de Virxilio comeza a facerse evidente a partir da década dos sesenta. Sen dúbida, o seu ingreso na Escola Superior de Belas Artes de París e, en definitiva, a súa toma de contacto con outros países como Alemaña e as diferentes correntes artísticas das vangardas, fóra do territorio español, resultaron decisivos na maneira de crear o seu propio estilo. Sen renunciar a empregar a figuración, desde unha perspectiva que non perde o contacto coa tradición galega ou, polo menos, cos seus tipos e temas, Virxilio consigue crear o seu propio espazo como pintor e artista gráfico de referencia.

A súa obra abre un abano de posibilidades temáticas no que conviven as paisaxes e as escenas tradicionais que levan a escenarios típicos galegos: festas, colleitas, traballos no campo…, seguindo a estela doutros colegas de profesión como Manuel Torres, sempre baixo os códigos do seu inconfundible repertorio formal, configurado a partir de grosas liñas negras, cores planas e vivas, e personaxes rotundos, nos que tradicionalmente se quere intuír unha herdanza da tradición románica galega. Son personaxes rotundos, pero que, asemade, desbalden inxenuidade; unha mestura perfecta entre a lembranza ao pasado galego e a aplicación de códigos procedentes das Vangardas: Expresionismo e Fauvismo, baixo un pouso de melancolía lírica que cobre todas as súas obras.

A representación da muller ocupa un papel importante na obra do artista. Son numerosos os exemplos de escenas de traballo de campesiñas ou banquetes nos que adoita representalas de parola, seguindo a estela previamente marcada por artistas como Maside, Colmeiro ou Seoane. Neste punto tamén cabe destacar a interpretación que fai da muller como nai, unha liña temática que vén engrosar o elenco de artistas galegos, entre os que se podería destacar a obra de Laxeiro ou Julia Minguillón no caso da pintura; ou Antón Faílde, Xoán Piñeiro e con posterioridade Ramón Conde, no da escultura.

Pero Virxilio non foi só un extraordinario pintor, ilustrador de marabillosas edicións escritas en galego como Bocarribeira, poemario de Ramón Otero Pedrayo, ou colaborador noutras como O Enxeñoso Fidalgo don Quixote da Mancha, publicación traducida ao galego da insigne obra de Miguel de Cervantes. Ademais, traballou como ilustrador de linteis, deseño de letras capitulares, colofóns e viñetas na Gran Enciclopedia Gallega. Tamén deseñou o mural do antigo Aeroporto de Santiago de Compostela. Ademais disto, os seus deseños e debuxos serviron de modelo para etiquetas como as do viño da Denominación de Orixe Ribeiro, nos anos oitenta, nun momento no que as adegas galegas comezaron a apostar pola introdución das artes como parte da cultura do viño. Tamén debuxou carteis e practicou a técnica do gravado con mestría. Acompañado por outros artistas como Abelenda, Conde Corbal ou Felipe Criado, o seu estilo relaciónase co chamado Expresionismo Inxenuísta.

Virxilio tivo ocasión de expoñer a súa obra desde a década dos cincuenta, coa súa primeira mostra no Liceo ourensán, en 1954. Desde aquela, de xeito progresivo, presentouna en diferentes puntos do territorio español: Galicia, Madrid, Barcelona, Santander, Valladolid… Na década dos setenta, a súa obra viaxa a Milán, en 1972, e Alemaña, en 1975. Como non era de estrañar, viaxou a América, expoñendo en Caracas. En 1991 o Centro Cultural Caixavigo programa unha antolóxica de Virxilio. A súa obra foi recoñecida en varias ocasións, e non deixa de resultar un feito significativo que o seu primeiro premio lle fose outorgado na súa cidade natal, Ourense, polo deseño dun cartel.

S. Cendán Caaveiro, 1993: S. Cendán Caaveiro, Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 170.

C. Franco, 1990: C. Franco, Virxilio. Exposición antológica, Vigo, Caixavigo, 1990.

C. Franco, 2001: C. Franco, “Virxilio”, en A. Pulido Novoa (dir.), Realismos, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2001, pp. 92-127.

C. Franco e S. Lamas, 1996: C. Franco e S. Lamas, Virxilio, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1996.

VV. AA., 1992: Virxilio, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1992.

VV. AA., 2009: Virxilio, Madrid, Casas de Galicia.

VV. AA., 2012: Virxilio: Antológica, 1950-2009, A Coruña, Fundación Novacaixagalicia, 2012.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000317
Autoría: Virxilio Fernández Cañedo
Título: Maternidade
Temas: 
Maternidade
Data: 1970
Técnicas: 
Mixta
Dimensións: 
Alto: 80,5 cm Longo: 61 cm (sen marco) Alto: 98 cm Longo: 78 cm Fondo: 4 cm ( con marco )
Materiais: 
Táboa
Localización: Casa da Cuncha