Maximino Teijeiro Fernández
Naceu en 1827 en Monforte de Lemos e morreu en Santiago en 1900. Esta pintura forma parte da galería de retratos dos presidentes da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, xa que ocupou ese cargo entre os anos 1869 e 1871; concretamente hai un retrato seu, feito por Sanmartín en 1869 que nos aproxima a como era el por entón. Evidentemente o mostrado nesta pintura responde a unha idade moi superior á que tiña cando desempeñou tal labor.
Maximino Teijeiro estudou Medicina en Santiago, carreira na que se licencia en 1853. En 1854 é nomeado director anatómico interino na Facultade de Medicina e é axudante de Anatomía desde 1860. Doutórase en 1861 e, en 1862, gaña a cátedra de Anatomía en Valladolid desde onde, nese mesmo ano, se traslada á Universidade compostelá. Aquí desempeñará, entre outras, as cátedras de Anatomía, Patoloxía Xeral e Cirúrxica. Estamos ante un personaxe moi recoñecido no seu tempo (L. del Portillo y Mestres, 1895:290-291; J. Barcia Caballero, 1900: 452-455; J. Eleizegui López, 1900: 444-450) e, neste caso, a súa fama chegou ata os nosos días. (A. Couceiro Freijomil, 1953: 396-397; X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez , 1993: 310-315; J. J. Fernández Teijeiro, J. J., 2001; J. J. Fernández Teijeiro, J. J., 2003; R. Gurriarán, 2006: 72-78; A. Franco Grande, 2014: 796-838).
En 1866 desprázase a París para estudar os descubrimentos de Pasteur en relación coa rabia (A. Milón y Reales, 1888: 4). É recoñecido como un dos introdutores do positivismo na Universidade compostelá (X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, 1993:311). É no Paraninfo da Universidade onde Alfonso XII lle impuxo as insignias da Gran Cruz de Isabel a Católica (B. Cores Trasmonte, 2001: 31). En 1878, na súa condición de catedrático, entón de Clínica Médica, pronuncia o correspondente discurso inaugural do curso (M. Teijeiro Fernández, 1878).
Foi reitor da Universidade por dúas veces: entre 1893 e 1896 e desde 1898 ata 1900. Foi senador pola Universidade de Santiago de Compostela 1887-1888, 1888-1889, 1889-1890, 1891, 1893, 1894-1895, 1898-1899
(http://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/ fichasenador/ index.html?ide1=2873).
Moi próximo a Montero Ríos, militou no Partido Liberal (X. R. Barreiro Fernández, 2007: 44-45). É recoñecido como un líder do monterismo universitario, enfrontado aos rexionalistas -Brañas, Cabeza de León, Murguía…- (X. R. Barreiro Fernández, 2003: 694-695).
Por outra banda, a relación de Teijeiro coa Real Sociedade Económica da Cidade de Santiago iníciase en 1858 (X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez , 1993: 310-315; A. Iglesias Diéguez, 1999: 32). Como director exerceu o cargo “… cun celo, interese e laboriosidade especialísimos” (L. del Portillo y Mestres, 1895: 291); tiña corenta e dous anos ao tomar posesión como tal e corenta e catro cando o deixou.
Maximino Teijeiro é, ademais, un referente da masonería na Galicia do seu tempo. Co nome simbólico “Tertuliano”, iníciase na Luz Compostelá nº 13. En 1892, e ata 1895, forma parte da loxia coruñesa María Pita nº 317, na que figura como Obreiro, con grao 33ª e con data de ingreso do 23 de decembro (A. Valín Fernández, 1984: 126). Dise del que tivo “unha vida masónica inquebrantable” (A. Valín Fernández, 1991: 298-299; R. Gurriarán, 2006: 72-78; C. Pereira Martínez, 2010: 10). Foi, tamén, cofundador accionista da Institución Libre de Ensino (C. Pereira Martínez, 2010: 10), igual ca outros varios masóns galegos que se vincularon a este proxecto educativo. No seu proceso de constitución dise, por parte de Francisco Gómez -que figura como Mestre Iniciador, grao 33, de Betanzos- que “O Irmán Teijeiro de Santiago creo formará parte tamén desta loxia” (A. Valín Fernández, 1984:121).
Hai, tamén, un retrato seu gravado por Mayer e publicado en 1895, no que parece moito máis novo do que aquí se nos mostra. Posiblemente sexa realizada esta obra pouco despois do seu falecemento, quizais en tempos nos que Cleto Troncoso Pequeño é o director da Sociedade (1899-1906).
Hai que partir dunha fotografía súa. Dado que é obra realizada para a Real Sociedade Económica, leva a medalla correspondente e, ademais, nunha lapela da súa chaqueta, a referencia á súa distinción das insignias de Cabaleiros Grandes Cruces de Isabel a Católica, que lle impuxo o propio Rei Afonso XII en 1877. Na súa factura esta obra non é allea ao estilo de Fenollera, aínda cando pola súa calidade haxa que vinculala máis ben a algún discípulo seu, quizais a unha aínda moi nova Elvira Santiso.
Como xa se dixo, coñécese como era Maximino Teijeiro en 1869 dado que se conserva un xeso, concibido por Sanmartín, que se data por entón (D. Martínez Porto, 2004, pp. 321-322, 329) e que figuraría na Exposición de Santiago de 1875 (E. Beerman, 1992, p. 32).
Estamos ante unha obra pictórica (E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, Ariarte, S. C., 2010: 40-41), a considerar como posterior á morte, en 1900, do retratado e, aínda cando é coñecedor na súa factura da obra de Fenollera, non ten a súa calidade. O feito de que nese momento unha nova discípula súa, Elvira Santiso, formada na Económica, fixese xa un labor meritorio (Vid. M. Gómez Nóvoa, 2010) leva a pensar nela como unha posible autora, iso si, moi influenciada polo seu entón mestre Fenollera.
J. Barcia Caballero, 1900: J. Barcia Caballero, “Maximino Teijeiro”, Boletín de medicina y cirugía, 2, 17, pp. 452-455.
X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela, Parlamento de Galícia- Real Academia Galega, 2ª Ed., 2 vols.
X. R. Barreiro Fernández, 2007: X. Barreiro Fernández, Historia política da Galícia contemporânea. Volume. 3. A Restauración no século XX, A Coruña, Edición La Voz de Galicia S. A., 2007.
X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes, 2001: X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes, Parlamentarios de Galícia. Biografias de Deputados e Senadores, Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia. Real Academia Galega.
E. Beerman, 1992: E, Beerman, “El porqué del patio del Colón en el palacio de Santa Cruz”, Revista de Historia Naval, X, 37 , pp. 7-42.
B. Cores Trasmonte, 2001: B. Cores Trasmonte, A Tuna de Santiago, Santiago de Compostela, Fundación Caixa Galicia.
A. Couceiro Freijomil, 1953: A Couceiro Freijomil, 1953, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, t. III.
J. Eleizegui López, 1900: J. Eleizegui López, “El Excmo. Sr. D. Maximino Teijeiro: (apuntes para una biografía)”, Boletín de medicina y cirugía, 2, 17, pp. 444-450.
E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, Ariarte, S. C., 2010: Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo ose fondos pictóricos, Santiago de Compostela, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago.
J. J. Fernández Teijeiro, J. J., 2001: J. J. Fernández Teijeiro, Maximino Teijeiro (1827-1900). La encrucijada de la medicina galaica, Santiago de Compostela, Editorial Compostela).
J. J. Fernández Teijeiro, J. J., 2003: J. J. Fernández Teijeiro, Cirugia, ciencia y modernidad: las páginas de una vida, Maximino Teijeiro, 1827-1900, Santander Santander, Academia de Ciencias Médicas de Cantabria.
X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez , 1993: X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galícia. Autores, 1868-1936, Sada- A Coruña, Edicións do Castro.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora.
M. Gómez Nóvoa, 2010: M. Gómez Nóvoa, “Elvira Santiso García. Artista e docente de vocación e extraordinarias dotes creativas”, Albúm de mulleres. En http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=209
R. Gurriarán, 2006: R. Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
A. Iglesias Diéguez, 1999: A. Iglesias Diéguez, Historia do Pensamento Antropolóxico en Galicia, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
D. Martínez Porto, 2004: D. Martínez Porto, “Juan Sanmartín”, en A. Pulido Novoa (dir.), Artistas Galegos escultores. Séculos XVIII e XIX, Vigo, Nova Galicia Edicións S. L., pp. 318-339.
A. Milón y Reales, 1888: A. Milón y Reales, “Introducción”, Memoria estadística del curso 1885 a 1886 y 1886 á 1887, Santiago, Imprenta de José M. Paredes), pp. 3-9.
C. Pereira Martínez, 2010: C. Pereira Martínez, A Galicia Heterodoxa, Rutis-Culleredo, A Coruña, Edicións Espiral Maior S. L..
L. del Portillo y Mestres, 1895: L. del Portillo y Mestres, “Los maestros de la medicina española. Excmo. Sr. D. Maximino Teijeiro Fernández. Rector de la Universidad de Santiago”. Revista de la Academia Médico-Quirúrgica, 19 , pp. 290-291.
M. Teijeiro Fernández, 1878: M. Teijeiro Fernández, Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la solemne inauguración del Curso académico de 1878 a 1879, Santiago, Universidad, Oficina tipográfica de D. Manuel Mirás y Álvarez.
A. Valín Fernández, 1984: A. Valín Fernández, La masoneria y La Coruña. Introducción a la historia de la masonería gallega, Vigo, Edicións Xerais de Galicia.
A. Valín Fernández, 1991: A. Valín Fernández, Galicia y la masonería en el siglo XIX, 2ª edición, Sada, A Coruña, Edicións do Castro.