Mural cerámico

Ángel Atienza
José Manuel García Iglesias e Silvia Hermida Sánchez

O autor desta obra, Ángel Atienza Landeta, formado inicialmente na Escola de Artes e Oficios de Santiago, realiza este mural tras levar máis de dez anos experimentado na arte da cerámica e do vidro, despois de deixar atrás a súa carreira como futbolista profesional. Interésanlle as grandes dimensións para os seus traballos concibidos, igualmente, para espazos de dimensións importantes. En concreto esta obra, feita para a Facultade de CC. Económicas e Empresariais, é coetánea daqueles murais, tamén cerámicos, que desenvolve para diversas estacións do metro de Madrid.

Ángel Atienza Landeta naceu en Madrid en 1931 e viviu en Galicia ata os dezaoito anos, onde se formou na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, en Debuxo Artístico, Escultura, Acibeches e Repuxados. Completaría a súa formación artística con estudos de Belas Artes en Madrid. A súa traxectoria plástica comezou unha vez terminada a súa carreira como futbolista do Real Madrid, no ano 1960. Aínda que é certo que durante a súa etapa como deportista colaborou nalgunha exposición colectiva de pintura, foi a partir deste ano cando decidiu dedicarse integramente ao mundo da arte, chegando a converterse nun prestixioso e afamado muralista e pintor.

É a partir de 1958 cando, tras unha viaxe por Europa, se deixou influír polos movementos artísticos do momento e interesouse pola realización de murais e vidreiras. A partir dese momento acomete obras como as vidreiras de España na Feira Internacional de Nova York de 1964 cubrindo unha superficie de 105 metros cadrados.

É, precisamente en 1964, cando comeza a traballar coa cerámica en España. O seu taller está asentado, por entón, en Boadilla del Monte (Madrid). É en 1976 cando realiza catorce murais para distintas estacións do metro de Madrid.

En 1976 decidiu trasladarse a América do Sur para continuar desenvolvendo a súa carreira como artista e introducir as súas obras en proxectos arquitectónicos. Isto non foi un impedimento para seguir mostrando a súa obra en Europa xa que expuxo en Alemaña, Suíza, Bélxica e España.

O seu taller venezolano está en Guarenas, nos arredores de Caracas. Entre a súa obra dese momento cabe citar as vidreiras do Aeroporto Nacional de Maiquetía (1979), esculturas descendentes de vidro, vidreiras e portas en ferro forxado do Museo de Deus en Maracaibo, os seus murais no Hotel Meliá de Puerto La Cruz ou no Hotel Meliá Caribe, en Caraballeda (1977). Gardou sempre un especial agarimo polo seu proxecto para o Santuario Nacional Nuestra Señora de Coromoto, onde decorou tanto os seus espazos interiores como exteriores (1995).

Regresado a España, fai obras tales como unha peza de escultura para a entrada da Urbanización Parque Roma, en Zaragoza (2003), ou a restauración das vidreiras do Círculo de Belas Artes de Madrid (2005).

A súa arte, de gusto un tanto primitivo, sempre se moveu entre a escultura e a pintura, ao mesmo tempo que se caracterizou pola aplicación de diversos materiais innovadores pero propios da construción como o ferro, o cemento ou a terracota. Tamén utilizou o vidro coloreado como un modo de manifestación artística, como un catalizador para poder crear unha diferenciación ao asocialo aos materiais compactos, sólidos e resistentes.

Morreu en Barcelona no ano 2015.

O interese do autor pola abstracción, xerando formas sumamente dinámicas e con grande intensidade cromática, caracterizan o seu modo de facer. Pódese dicir que, con esta achega de 1976, péchase a súa etapa hispana xa que, a partir desa data, abrirase na súa produción unha longa estadía desenvolta en Venezuela.

Arte aplicado a la arquitectura. La obra artística de Ángel Atienza. En http://www.aatienza.com/castellano/home.htm

Fernández, A. C., “El artista que jugó con Di Stéfano”, ABC, 2 de abril de 2012. En https://www.abc.es/mundial-futbol/brasil-2014/

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000673
Autoría: Ángel Atienza
Título: Mural cerámico
Data: 1976
Técnicas: 
Cerámica
Esmaltado
Dimensións: 
Alto: 275 cm Longo 1235 cm
Materiais: 
Calcaria