A nación (e os monstros católicos)
Trátase dunha das obras que realizou Quessada para a Aula Magna da Facultade de Económicas e Empresariais logo dunha viaxe que fixo por América.
Seguindo a liña temática establecida na súa obra Érguete Galicia, o “artistiña” Xaime Quessada Porto (1937-2007) mantén a defensa do concepto de autonomía galega. Exprésao a través dun repertorio estilístico que o pon en relación co vocabulario das vangardas. Fiel ao seu ideario, rompe o convencionalismo de identificar a nación galega con recursos estéticos que poidan remitir a conceptos asociados, tales como o primitivismo que caracterizou a obra doutros artistas galegos. Como membro dun grupo renovador, Quessada válese de recursos derivados do Surrealismo, ou “subreais” como el mesmo os denominaba. Sen fuxir da figuración, emprega a acumulación de figuras, relaciona elementos discordantes nun mundo real, crea realidades inimaxinables, perfila personaxes fantasmagóricos… Así e todo, neste peculiar escenario, hai un certo recordo, máis ben un xesto cómplice, á tradición clásica. Por unha banda, a través da intención de marcar a perspectiva renacentista ⸺científica, podería dicirse⸺, como o demostra o chan con cuadrículas, iso si, distorsionado como parte desa esfera onírica na que se move a obra. Tamén o fai a través da presentación dalgunhas arquitecturas que evocan as creacións de artistas italianos e flamengos dos séculos XV e XVI. Por outro banda, o concepto barroco do Horror Vacui, tamén define esta obra, a través da confluencia de obxectos, elementos e personaxes; personaxes que de novo remiten ao mundo dos soños: figuras híbridas, antropomorfas e zoomorfas, lembranzas á mitoloxía clásica -o minotauro-, corpos que remiten ao canon clásico de escultura.
O interesante desta obra reside en que, neste escenario que debuxa Quessada, resulta inevitable non recordar escenas icónicas que expresan o concepto de liberdade da nación, dos que Picasso ou Delacroix deixaron magníficos exemplos. Neste contexto tamén se suxire a lembranza dos patróns clásicos antigos, aflorando a idea do Gálata Moribundo. No referido ás cuestións técnicas, a obra de Francis Bacon é un dos referentes claves para o “artistiña”, non só en tanto á representación das figuras que levitan, senón na forma na que entende o uso da cor.
Na súa obra, Quessada válese dos recursos do pasado, os cales non só coñece, senón que domina en canto á súa execución para, dunha maneira renovadora, configurar unha visión novidosa e rupturista da mensaxe que se quere transmitir.
Quessada naceu en Ourense no ano 1937 e, malia que viviu a súa infancia no contexto da Posguerra, a súa vocación pictórica xa xurdiu por aquel entón ao nacer no seo dunha familia de artistas (S. Cendán Caaveiro, 1993, p. 179-180). A súa formación comezou na Escola de Artes e Oficios e anos máis tarde, en 1956, ingresou na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde se empezou a interesar polo Renacemento italiano, polos impresionistas e polas Vangardas (S. García-Bodaño, 1974, p. 24-28; J. Gómez Alén e D. Villanueva, 2002; J. Gómez Alén e S. García-Bodaño, 2003).
Quessada, sendo estudante de Belas Artes en San Fernando, foi seleccionado para a bolsa do Paular. Era entón o ano 1959. Froito desa experiencia é a consecución do Premio Extraordinario de Paisaxe das Escolas de Belas Artes Nacionais. O cadro que lle outorgou ese galardón titulábase Terras e achegaba unha visión, un tanto dramática, dos desfiladeiros do Duratón de Sepúlveda.
Pasarán os anos e o discurso pictórico deste prolífico e virtuoso artista andará mil camiños, mostrando un coñecemento dos logros dos pintores de todos os tempos altamente salientables, facendo seus -é dicir, incorporando na cita o selo da súa personalidade- tantos e tantos modos de interpretar unha determinada temática.
A súa traxectoria artística poderíase dividir en tres etapas diferentes. A primeira comeza en 1960, momento no que culminou o seu proceso formativo na Academia de San Fernando; conseguiu a III Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes; viaxou por diversos países empapándose así de novos coñecementos que foron determinantes para a súa carreira artística; en 1971 tras a súa viaxe a América, xurdiu toda a produción artística que contribuíu á formación de colección pictórica da Facultade de Económicas; elaborou obras cun gran dramatismo e cunha gran carga política manifestada xa nos propios títulos e cultivou temas intimistas sobordando lirismo. Neste primeiro período, aínda que se deixou influír polo Renacemento italiano e polos impresionistas, o seu estilo oscilou entre a Abstracción, o Expresionismo e as Vangardas, sendo Picasso o seu gran referente.
A segunda etapa abrangue desde 1970 ata 1980, nesta decidiu descompoñer ao seu antollo motivos figurativos, xogar coa abstracción, co dinamismo e desviarse cara a unha tendencia surrealista. Así mesmo, apostou por utilizar espazos oníricos e indeterminados que tendían á xeometrización das formas e unha paleta de cores moi viva e intensa, conseguindo grandes contrastes nos seus lenzos.
Finalmente, a terceira etapa comprende desde 1980 en diante. Foron uns anos nos que, aínda que decidiu indagar novos camiños e reformular o seu estilo utilizando delicadas e sensuais figuras femininas, retomou intensamente a abstracción. Á súa vez, andou por novas sendas a través de obras cun tratamento da cor próximo ao Fauvismo e ao Expresionismo, con formas cubistas e con motivos de tipo surrealista (J. M. García Iglesias, 1987; X. M. del Caño, 2008).
X. M. del Caño, 2008: X. M. del Caño, Xaime Quesada: artista da xenialidade, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2008.
S. Cendán Caaveiro, 1993: S. Cendán Caaveiro, “A pintura nas décadas do sesenta e setenta”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 179-180.
S. García-Bodaño, 1974: S. García-Bodaño, “Quesada Porto, Xaime”, en Gran Enciclopedia Gallega, XXVI, 1974, pp. 24-28.
J. M. García Iglesias, 1987: J. M. García Iglesias, Quessada, Ourense, Deputación Provincial, 1987.
J. Gómez Alén e D. Villanueva, 2002: J. Gómez Alén e D. Villanueva, Xaime Quessada, Vigo, Concello de Vigo, 2002.
J. Gómez Alén e S. García-Bodaño, 2003: J. Gómez Alén e S. García-Bodaño, Xaime Quessada: Arte e liberdade, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2 v., 2003.
F. Pablos, 1981: Xaime Quessada, A Coruña, Atlántico, 1981, pp. 278-279.