"O Naranxo"
Representa a un tolo, de pé, con singulares condecoracións e con peculiares atributos. Nunha man sostén unha rá e na outra porta un estandarte no que leva escrito: "O NARANXO/ Rey do/ mundo/LAXEIRO/70". Inscrición do autor no reverso: "Tolo/O "naranxo"/Sin Termi-/nar/LAXEIRO/Nº 7/ 21-4-69". Comprado á Galería Citania en 1981.
José Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996), comprometido coa sociedade galega e a arte da nación, realiza unha caricatura que pon o punto de mira na situación real do mundo agrario. Faino a través dunha serie de recursos que responden inconfundiblemente ao seu estilo, reforzando a idea de sarcasmo e crítica que subxace na obra. O artista toma como punto de partida o xénero do retrato, de corpo enteiro. Neste caso, lonxe de dispoñelo nunha estancia ou cámara señorial, colócao nun lugar indeterminado e escuro, que se pode intuír como espazo exterior, que resulta irrecoñecible e caótico. Podería mesmo suxerirse a idea dun escenario no que se acaba de xerar un conflito. Proba diso son os papeis revoltos polo chan. A idea do caos, para nada allea á obra de Laxeiro, refórzase co uso da liña de grosos trazos que o artista recolle da corrente expresionista das Vangardas, a través de Corredoyra e Zuloaga. Pero na súa obra subxace así mesmo a lembranza de Goya e as súas Pinturas Negras. Tamén conflúe a evocación á herdanza da tradición galega, que o artista puido coñecer a través da obra de artistas como Colmeiro ou Torres, e que define esa robustez, case granítica, que caracteriza os seus personaxes.
Desta maneira presenta O Naranxo, co seu ridículo estandarte, a xogo con seu sucinto traxe e sombreiro, do que colgan varios artefactos apenas recoñecibles. E, en contraste, asoman unhas grandes mans e botas que acaban por darlle a nota final ao conxunto. Pouco tempo antes da execución desta obra, Laxeiro visita a exposición antolóxica de Rembrandt en Ámsterdam. Este acontecemento enriqueceu o repertorio expresivo do artista, na maneira de entender o uso da cor, a forma de aplicalo e o efecto matérico que alcanzou a súa obra. Podería dicirse que os coñecementos adquiridos a través do mestre do Barroco holandés viñeron reforzar a súa obra e engrandecela. A influencia do claroscuro tamén se pon de manifesto nesta pintura na que os grises e negros do fondo contrastan cos golpes de luz que iluminan a figura do campesiño.
Fillo dunha familia de emigrantes en La Habana, Laxeiro viaxa á cidade cubana en 1921 para instalarse nela. Alí traballará durante os primeiros anos, e tamén se iniciará no estudo do debuxo no Centro Gallego, onde coñecerá a obra de Corredoyra ou Zuloaga. De volta en Galicia, contra 1925, terá ocasión de relacionarse cunha serie de artistas clave na introdución das vangardas na arte galega: Colmeiro, Souto, Torres e Eiroa. Este feito coincide coa introdución dos novos ideais nacionalistas á cabeza dos cales estaba a chamada Xeración Nós, na que destacaba Castelao, que ademais sería o director artístico da revista co mesmo nome. En 1930 Laxeiro ingresa na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, cunha bolsa que lle outorga o Concello de Lalín. Nese contexto no que se move poderá relacionarse con outros artistas e intelectuais do momento, participando nos faladoiros de “La Granja de Henar”. Será alí onde coñeza a Castelao, Otero Pedrayo, Lugrís ou Souto. Na súa estadía na capital serán fundamentais as visitas que realiza ao Museo del Prado, pois na pinacoteca coñecerá de preto a obra dos grandes mestres, e deterase especialmente na de Goya e Solana.
Laxeiro ten unha dilatada carreira artística. Proba diso é a cantidade de traballos realizados, polo que resulta lóxico que ao longo do tempo a súa obra experimente cambios, malia que no esencial é dese tipo de artistas que teñen identidade propia. Como moitos outros compañeiros de profesión, as súas pinturas encerraban un compromiso coa idea de nación. Nesa tarefa eran fundamentais os faladoiros do momento, a idea de crear unha arte dirixida ao país. Son numerosas as técnicas que practicou, destacando a pintura, o debuxo, o gravado e o mural. As súas escenas revelan a influencia das festas populares como o entroido, así como as lendas e mitos galegos. Como outros pintores e escultores do momento son frecuentes as maternidades e os nenos, as escenas campestres con festas, desenvolvendo un estilo propio que o aproxima á tradición local. Neste sentido quizais se poida dicir que estamos diante dun dos mellores representantes da “estética do granito”, rotundos volumes de aspecto pétreo cunha forte carga expresiva grazas ao emprego da liña. Sen escapar do emprego da figuración, Laxeiro integra elementos costumistas na ambientación dos espazos.
O seu compromiso coa identidade galega, a súa profusa actividade e o estilo característico da súa obra outórganlle un recoñecemento que traspasa fronteiras. Neste sentido, a súa obra expúxose en numerosas galerías de Vigo, Madrid e Bilbao. Fóra de España, en Buenos Aires, participa en numerosas mostras que ilustran a arte galega dos exiliados, con Seoane ou Maruja Mallo. A súa obra está presente en museos e as homenaxes que se lle fixeron son a mellor proba do valor que ten no marco da cultura galega, destacando a monográfica que Atlántica lle dedicou en 1981, que expuxo máis de 300 obras, así como as retrospectivas póstumas. Laxeiro foi premiado en varias ocasións e en 1985 foi fundado en Vigo un museo monográfico dedicado ao artista.
J. Buján, 2001: J. Buján, Laxeiro. Obras da Colección Permanente de Vigo, Vigo, Caixanova, 2001.
L. M. Caruncho Amat e X. A Castro, 2008: L. M. Caruncho Amat e X. A Castro, Laxeiro. José Otero Abeledo, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2008.
X. A. Castro Fernández, 1985: X. A. Castro Fernández, Laxeiro 1934/1985, Pontevedra, Deputación Provincial, 1985.
X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Laxeiro: Neofiguración, Informalismo y Abstracción”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI., A Coruña, Hércules, 1993, pp. 109-113.
X. A. Castro Fernández, 1995: X. A. Castro Fernández, Colección Laxeiro, Vigo, Concello de Vigo, 1995.
X. A. Castro Fernández, 1997: X. A. Castro Fernández, Laxeiro, A invención dun mundo, Vigo, Xerais, 1997.
X. A. Castro Fernández, 2000: X. A. Castro Fernández, Os laxeiros de Lalín, Vigo, Fundación Laxeiro, 2000.
X. A. Castro Fernández, 2009: X. A. Castro Fernández, Laxeiro. Catálogo Universal, Vigo, Nova Galicia Edicións, 2009.
C. García-Suárez Otero, 2008: C. García-Suárez Otero, Debuxos Inéditos VI, Anatomías, Vigo, Fundación Laxeiro, 2008.
X. Neira Vilas, 2009: C. García-Suárez Otero, Encontros con Laxeiro, Vigo, Ir Indo, 2009.
C. Reigosa e J. Ruibal, 2008: C. Reigosa e J. Ruibal, Laxeiro, Pontevedra, Imprenta Librería Alvarellos, 2008.
J. Ruibal, 1951: J. Ruibal, Laxeiro, Pontevedra, 1951.
VV. AA., 1996: Laxeiro, A Coruña, Xunta de Galicia, 1996.
VV. AA., 2005: Laxeiro, o manantial da vida. Fondos da Colección Caixa Galicia, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 2005.