O nemet

Xaime Quessada

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con esta serie pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio e a Idade Media ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Neste gravado, Quessada fai referencia á historia dos celtas en Galicia. Nemetobriga era o principal centro relixioso da España celta que segundo a historia, estaría situado en Ponte Navea ou na Pobra de Trives. O termo "nemet" -que dá título a este gravado-, tiña para os celtas o significado de bosque sacro, santuario ou lugar sacro; é dicir, un lugar onde se reunía o pobo para os actos relixiosos, adorar os deuses e facer sacrificios. E unha escena ritual parece que é a que se está a representar, xa que Quessada enche o gravado de toda unha serie de faunos, ninfas e seres monstrosos que as suxeitan. Diferencia na técnica as figuras; mentres que as figuras femininas son personaxes tenros, trazados cunha liña firme, delicada, ondulante e contínua, os monstros son debuxados cun trazo nervioso, curto e repetido de infinidade de raias.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000654
Autoría: Xaime Quessada
Título: O nemet
Temas: 
Histórico
Data: 1973
Técnicas: 
Gravado
Dimensións: 
Alto: 42 cm Longo: 58 cm (sen marco) Alto: 70,5 cm Longo: 88 cm
Materiais: 
Papel