O Teixo en Lisboa

Tomás Campuzano y Aguirre

A obra de Tomás Campuzano y Aguirre encádrase dentro da pintura paisaxística xurdida a carón do maxisterio de Carlos de Haes -quen introducira aos estudantes da Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid no concepto de pintura ao plein air-. Campuzano segue este concepto, xa que traballa a partir dos cadernos de apuntes realizados nas súas viaxes por toda a Península Ibérica. Pintor paisaxista, principalmente de temas porturarios -subxénero de moda entre a burguesía comercial- as súas obras non reproducen exactamente unha paisaxe real, senón que son escenas tomadas con detalles de diferentes partes. Esta obra é unha mariña do porto pesqueiro do Teixo, en Lisboa. No centro, un grupo de barcos de vela e de pequeno tamaño, están fondeados no embarcadoiro, nunha estampa nostálxica ou idealizada. O mar ten un papel anecdótico, representando un escenario para as súas composicións de barcos, que se sitúan ordenados nunha liña en diagonal, sobre un mar prateado en calma e un ceo anubrado de tons azulados. Campuzano conseguiu con este cadro a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, que foi adquirido polo Estado por 1.000 pesetas. Asinado a. i. e.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000413
Autoría: Tomás Campuzano y Aguirre
Título: O Teixo en Lisboa
Temas: 
Paisaxe
Mariña
Data: 1884
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto. 117 cm Ancho: 200 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Dereito