Os mártires de Carral

Xaime Quessada

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con eles pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio e a Idade Media ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Neste caso, o tema que se representa é o fusilamento dos mártires de Carral, acontecemento que se produciu en 1846 como consecuencia do alzamento do coronel Solís e os militares que o acompañaron no levantamento contra o presidente Narváez co motivo de reivindicar a liberdade rexional de Galicia. Así atopamos no gravado unha escena de lapidación na que vemos a un home atado a unha cruz; ademais, unha nena no primeiro termo que aparece inmóbil, fronte o movemento do resto da acción, portando unha candea acesa en sinal de esperanza fronte a traxedia, do mesmo xeito que no Guernica. O resto das imaxes remiten tamén á influencia de Picasso: o minotauro, símbolo do alter ego picassiano, a cabeza da muller na parte superior que está a tocar a frauta, ou o xesto de dor da outra muller que parece pedir fin á masacre. Todas as figuras sitúanse ordenadamente no espazo trazado xeometricamente por medio dun chan axedrezado.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000719
Autoría: Xaime Quessada
Título: Os mártires de Carral
Temas: 
Histórico
Data: 1972
Técnicas: 
Gravado
Dimensións: 
Alto: 40,5 cm Longo: 58 cm (sen marco) Alto:70,5 cm Longo:88,5 cm Ancho: 1 cm
Materiais: 
Papel