Pablo Sanz Pedrero

Felipe Criado Martín
José Manuel García Iglesias / Francisco Díaz-Fierros

Retrato pertencente á galería de decanos da Facultade de Farmacia realizada por Felipe Criado. O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña asumiu os custes da súa realización. Asinado no lateral inferior esquerdo: "Felipe Criado/1976". 

Don Pablo Sanz Pedrero naceu en Valladolid, en 1921, e morreu na mesma cidade no ano 2004. Foi decano entre 1971 e 1974. Doutor en Farmacia en 1950 e en Ciencias, sección Químicas, en 1963, pola Universidade de Madrid, completou a súa formación como bolseiro do C.S.I.C. na Universidade de Uppsala. Foi profesor adxunto de Técnica Física na devandita universidade e en 1964 oposita, con éxito, á cátedra de Técnica Física e Físico-Química da Facultade de Farmacia de Santiago, á que se incorpora un ano despois. Reorganiza os ensinos adscritos á cátedra e pon en marcha diversos equipos de investigación dedicados sobre todo ao estudo e implantación das técnicas analíticas físico-químicas máis novas. Como decano activa as xestións para a culminación e o traslado das dependencias docentes e investigadoras ao novo edificio do Campus Sur e dá os primeiros pasos para a creación da Escola de Óptica e Audiometría, que sería inaugurada en 1975, sendo xa reitor da USC, responsabilidade na que se mantivo ata o ano 1978. 

Tras ter sido reitor, en 1978, trasládase, por concurso, á cátedra de Técnicas Instrumentais da Facultad de Farmacia da Universidad de Madrid. Alí permaneceu ata a súa xubilación, sendo profesor emérito ata 1994 (M. Domínguez, Carmona, 2005, p. 225-234; J. Miñones Trillo, 2005, 217-223; T. Miras Portugal, 2005, p. 362).

Cando se fai este retrato, ano 1976, Sanz Pedrero era o reitor da Universidade de Santiago, e xa fora, previamente, decano da Facultade de Farmacia entre 1971 e 1974. Chegara a Compostela en 1965, ao obter a cátedra de Técnica Física e Físico-Química Aplicada da devandita Facultade.

Quizais o feito de que esta pintura se date en 1976 explica que Felipe Criado, máis que incidir no seu cargo de decano o mostre, en certo modo, na súa condición de reitor. Mantén, con respecto aos demais retratos desta mesma galería, a disposición sedente, pousando as mans sobre as pernas, e con traxe de paisano; tamén segue o modo de presentarnos un rostro que manifesta un coñecemento do personaxe en cuestión, mostrándoo tal como el o vía e interpretaba naquel momento, pero cambiando, con respecto aos decanos anteriores, esa forma de ambientar a presenza dos retratados nun contexto de Facultade, como investigadores e como profesores, e preséntanolo como home de xestión. Neste sentido, cabe lembrar que, entre outras accións, mesmo sendo decano, “promoveu a creación do Departamento de Investigacións Químico-Farmacéuticas, constituído en 1972, entre a Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago e o Consello Superior de Investigacións Científicas, do cal foi director” (A. González Bueno, 2011).

Neste caso, pois, Criado enfróntase a un personaxe, que é, sobre todo, un xestor, aproximando máis a figura ao espectador; coma se quixese recalcar a súa personalidade, tan só fai unha sutil referencia á Farmacia, levando a cor da súa camisa cara ao morado que identifica esta liña de estudos. O fondo neutro, de vivas cores, permite observar o seu rostro nun espazo particularmente iluminado, e outórgalle á figura, como acontece decote na obra de Criado, unha certa solidez, propia da escultura. 

Esta pintura debeulle gustar a Sanz Pedrero xa que, pouco despois, elixiría o mesmo pintor para que o retratase como reitor, obra que ten como antecedente a ter en conta esta que, á súa vez, ten un precedente, tamén de Criado, noutro retrato de 1975, no que o pintor trata dun xeito máis complexo o fondo do cadro, abríndoo a outros espazos, cuestión á que xa se renuncia na versión realizada para a Facultade de Farmacia (VV. AA., 2014, p. 180).

X. A. Castro, 2014: X. A. Castro, Felipe Criado. Homenaxe, catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.

M. E. Cortés López, 2018: M. E. Cortés López, Pegadas sobre papel: o gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, Ribeira, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, 2018.

F. Criado e M. A. Fernán-Vello, 1987: F. Criado e M. A. Fernán-Vello, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Caixa Galicia, 1987.

F. Criado e J. Lens, 2004: F. Criado e J. Lens, Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, 2004.

M. Domínguez Carmona, 2005: M. Domínguez Carmona, “Profesor Pablo Sanz Pedrero, como Académico y Compañero”, en Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 71, (2005), pp. 225-234.

S. García-Bodaño, 1985: S. García-Bodaño, 37 debuxos para un país, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1985.

A. González Bueno, 2011: A. González Bueno, “Pablo Sanz Pedrero”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico, https://dbe.rah.es/biografias/41515/pablo-sanz-pedrero, 2011.

J. Miñones Trillo, 2005: J. Miñones Trillo, “Figura de Don Pablo Sanz en la Universidad de Santiago de Compostela”, Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 71, (2005), pp. 217-223.

T. Miras Portugal, 2005: T. Miras Portugal, “Carta a Don Pablo”, Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 71, (2005), pp. 235-237.

R. Pereiro e A. Castro, 2000: R. Pereiro e A. Castro, Felipe Criado: pinturas e debuxos: 1989-1999, catálogo de la exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000.

V. Vilas Sánchez, 2005: V. Vilas Sánchez, “Don Pablo Sanz, mi profesor”, Anales de la Real Academia Nacional de Farmacia, 71, (2005), pp. 209-215.

VV. AA., 1985: Felipe Criado. 4 variantes para 14 posibles temas, Oviedo, Centro Regional de Bellas Artes de Asturias.

VV. AA., 1993: “Felipe Criado” en Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 173.

VV. AA., 1997: Felipe Criado, catálogo da exposición, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1997.

VV. AA., 2008: Felipe Criado, Santiago de Compostela, 2008.

VV. AA., 2011: Felipe Criado: dende as vivencias 2007-2010, catálogo da exposición, Ourense, Deputación Provincial, 2011.

VV. AA., 2014: Felipe Criado: inicio de catálogo razonado, 1952-2012, A Coruña, Deputación Provincial.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000566
Autoría: Felipe Criado Martín
Título: Pablo Sanz Pedrero
Temas: 
Retrato
Masculino
Data: 1976
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 145 cm Ancho: 112 cm Profundidade: 5 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Farmacia