Paisaxe

Baldomero Galofré Jiménez

A pintura de paisaxe destacou dentro da produción de Baldomero Galofré Giménez xa desde a súa etapa de formación na Academia de Sant Jordi de Barcelona onde obtivo a primeira medalla da súa promoción na disciplina de paisaxe. Será durante a súa estadía italiana -dentro da cal realizou este cadro- cando senta as bases que caracterizarán esta temática. Alí empápase da luz que emanan dos seguidores da escola napolitana e dos pintores naturalistas da Campagna romana. Esta paisaxe ten certo aire melancólico, preséntanos unha vista na que vemos en primeiro termo un outeiro no que descansa un neno que pola aparencia semella un pastor e no fondo vemos un val. A paleta cromática é suave, baseada en grises, verdes e azuis. Tecnicamente constrúe os volumes por medio de toques rápidos de pasta densa, de influencia impresionista, á que habería que sumar a débeda de Mariano Fortuny. Asinado no ángulo inferior dereito "Galofre Roma"

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000565
Autoría: Baldomero Galofré Jiménez
Título: Paisaxe
Temas: 
Paisaxe
Data: 1874
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 96,3 cm Ancho: 159 cm Profundidade: 5 cm Alto: 77 cm Ancho: 139 cm (sen marco)
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Farmacia